# Hashtag

Jorge Aires, Verín CF: «Creo que as lesións non nos están deixando mostrar todo o potencial»

Co gran triunfo deste domingo perante o Rápido de Bouzas no José Arjiz, o Verín CF abandonou os postos de descenso. O cadro dirixido por Miguel Sotelo goleou ao equipo vigués por 4-0 e adiantou ao Portonovo, conxunto ao que se medirá este domingo en Baltar nun partido importante pola permanencia.

O equipo verinés, que foi dos primeiros en comezar a tempada por mor da Supercopa Galicia, está sendo un bo equipo a nivel defensivo (só 12 goles encaixados) pero estaba a pagar a falta de pegada (ata este domingo tan só anotara sete goles en dez xornadas). Hoxe, Jorge Aires, o líder da defensa do Verín CF, analiza o inicio de curso, os obxectivos e diversos temas de interese relacionados co club da súa vila.

Futbolingalicia: O Verín protagonizou a gran goleada da xornada ao vencer por 4-0 ao Rápido de Bouzas no José Arjiz. Como foi o partido?



Jorge Aires: «Creo que fomos capaces de controlar o partido durante os 90 minutos. Ao principio non estivemos cómodos, xa que o Rápido de Bouzas propuxo unha presión alta por todo o campo. Pero pouco a pouco fomos gañando sensacións con balón e foron chegando as ocasións. Foi un partido moi completo pola nosa parte, xa que conseguimos materializar varias das ocasións que tivemos e, en defensa, non deixamos crear perigo».

FIG: Con este triunfo, o equipo sae dos postos de descenso. Como valoras este inicio de tempada?

JA: «Para min, o inicio de tempada é algo difícil de valorar, xa que esperabamos que a liga fose dura, pero teño a sensación de que en moitos partidos poderiamos ter sacado mellores resultados se as lesións nos respectaran. Porén, creo que o equipo está competindo en todos os partidos, polo que as sensacións son boas e só pensamos en seguir mellorando».



FIG: ⁠Cal é o obxectivo do Verín para este curso?

JA: «O obxectivo do Verín é manter a categoría e, a partir de aí, ir crecendo dentro dela. Somos un cadro de xogadores moi novo e temos moita marxe de mellora».

FIG: Defensivamente sodes un equipo que non encaixa moito (mesmos goles encaixados que 4 dos 5 primeiros clasificados) pero, no apartado ofensivo, tan só levades 11 goles (sendo o segundo equipo con menos goles a favor). Cres que a mellora podería estar aí?



JA: «É certo que defensivamente todo o equipo está moi ben. No tema ofensivo, creo que as lesións non nos están deixando mostrar todo o potencial que podemos sacar. Fondevila e Hugo Domínguez estiveron fóra case un mes por lesión e son xogadores que de cara ao último pase son moi diferenciais. Por outra banda, nalgúns partidos si que nos faltou algo máis de personalidade con balón para xerar máis ocasións e poder materializar algunha».

FIG: ⁠Comezastes a traballar moi pronto por mor da Supercopa Galicia, na que vos eliminou o San Tirso nas semifinais. En que medida influíu isto no inicio de tempada?

JA: «O único no que creo que puido influír a Supercopa Galicia foi na planificación da pretemporada, xa que non podías planificar partidos e adestramentos ata non saber se pasabas a primeira rolda. O malo que nos trouxo foi a lesión de Rubio, que creo que si que nos daría moito neste principio de temporada, xa que o único dianteiro puro agora mesmo é Luisito e non ten un cambio natural para certos partidos».

FIG: Como vos sentistes tras esa dura eliminación que vos privou de, quizais, xogar contra un equipo de Primeira División?

JA: «A eliminación na Supercopa Galicia sentou mal dentro do vestiario porque perdes cun global de 2-1 no que eles marcan os dous goles de penalti e non mostran ser superiores a ti. Logo ves como consiguen clasificarse e xogar contra un equipo de Primeira División e non podes crer o preto que o tiveches e a maneira na que se che foi esa oportunidade».



FIG: Esta é a túa quinta tempada no equipo sénior da túa vila. É un orgullo para ti sumar campañas no Verín?

JA: «Eu crecín indo ver o Verín co meu pai. Para min é un orgullo e unha honra poder xogar neste gran club e ser un dos seus capitáns. Teño por diante a Hugo e Luisito, que son persoas que queren moitísimo ao Verín, que levan moitos anos no club e que nos intentan ensinar todo o que representa e o esixente que pode chegar a ser isto».

FIG: Debutaches na Preferente con 16 anos. Que recordas desa estrea e da tempada seguinte na que tamén xogaches no primeiro equipo sendo aínda xuvenil?

JA: «Se teño que falar do meu debut no Verín teño que falar de Zubi, que foi a persoa que confiou en min para chamarme cando o sénior necesitaba algún xogador do xuvenil. Recordo debutar en copa contra o Celanova e, a partir de aí, xa me empezaron a chamar para partidos de liga. Foron dous anos onde xoguei tanto no Verín como no equipo xuvenil e grazas a iso, no meu último ano de xuvenil, recibín a chamada do Ourense CF».

FIG: ⁠Tamén tes unha experiencia como sénior no Ourense CF B. Como foi ese ano?

JA: «No meu primeiro ano como sénior decido quedarme no Ourense CF B. Acabo a tempada co equipo xuvenil e tiña a chamada do Verín e a opción de quedar en Ourense un ano máis. Finalmente decidín quedar no Ourense CF porque ía adestrar polas mañás co primeiro equipo e quedaba algún xogador co que compartín vestiario no xuvenil. Ese ano creo que competimos ben en liga ata que houbo o parón polo coronavirus».

FIG: ⁠Que sensacións tes esta campaña no apartado individual?

JA: «Individualmente este ano atópome realmente ben. Teño unha confianza enorme en min mesmo, que foi algo do que carecía en tempadas pasadas con certos adestradores. Agora mesmo teño plena confianza en min e iso faime xogar mellor e querer mellorar aínda máis».

FIG: ⁠Esta fin de semana visitades ao equipo que marca o descenso, o Portonovo. Que esperas do partido?

JA: «Creo que temos a oportunidade de meter máis diferencia de puntos co equipo que marca o descenso e penso que é unha oportunidade para gañar e ter a mente un pouco máis tranquila, algo que, ao mellor, non tiñamos nestas semanas onde os resultados non se estaban a dar. Creo que nos espera un partido moi esixente no que imos ter que cometer os menores erros posibles se queremos sacar algo de vantaxe fronte a un bo equipo como é o Portonovo, que non acostuma a estar neses postos».

Jorge Aires, Verín CF: «Creo que as lesións non nos están deixando mostrar todo o potencial»

Estes son os xogadores Diferenciais nunha nova

Jorge Aires, Verín CF: «Creo que as lesións non nos están deixando mostrar todo o potencial»

Jorge Aires, Verín CF: «Creo que as

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *