Comezamos a segunda entrega dos Diferenciais da Primeira Futgal no grupo 1. A Cultural Maniños aséntase na segunda praza tras golear 3-0 ao Numancia de Ares. Resolveron o duelo na primera metade e dous dos tantos foron obra de Christian Rodriguez. Tamén pola parte alta, o líder Victoria CF impúxose a outro dos fortes, o Sporting Meicende. Non foi ata o minuto 60 cando Oski puido abrir o marcador.
O CD Marte superou o Valdoviño cun gol no tempo extra obra de David Piña, que os deixa no oitavo posto. Saben ben os de Rubén García o que é deixar os puntos no desconto –ocorreulles xa tres veces esta tempada–, pero desta vez sorriulle a sorte. O Cedeira, pola súa banda, acadou unha importante vitoria para fuxir da zona vermella, con remontada incluida ante o Orillamar, quinto. Diego Quiza, máximo goleador do grupo 1, fixo o tanto do empate.
Pola parte baixa, o colista Galicia de Caranza venceu 3-1 a un As Pontes que se adiantara no marcador. Josito anotou o tanto co que os branquiazuis iniciaron a remontada.
Fin á impresionante xeira do Puebla
O Unión Dena, equipo en postos de descenso, cortou a impresionante xeira do Puebla no grupo 5. De feito, a piques estiveron de levar os tres puntos da Alta despois do gol de Carlos Váquez no 84, pero os locais reaccionaron para salvar un punto. Santi Carneiro destacou na vitoria do Flavia 0-3 ante o Caldas e Dieguito no triunfo do San Martín ante o Cabo de Cruz.
No grupo 6, venceron os dous equipos que non son de Pontevedra, o Arenteiro ‘B’ e a Milagrosa de Lugo, que sae de descenso ao superar o Vila do Corpus 2-0 no treito final. Rafael Arias fixo o primeiro. O emocionante duelo entre o Erizana e o Sporting Guardés (3-4) resolveuse no minuto 87 a prol dos segundos grazas a un tanto de Cabeiras, o segundo que facía no partido.
Os Diferenciais nos grupos 2 e 3
No grupo 2, o Fisterra foi por detrás no marcador boa parte da segunda metade tras o gol do Praíña. Pero no 83, Isaac puxo o empate e subiu os ánimos dos verdes, que acabaron levando o partido. O dianteiro, con pasado no Unión Cee, suma xa once goles en liga. Na zona media da táboa, o Vea superou 2-1 no campo de Nogueira o cuarto clasificado, o Carral. Os visitantes acabaron apertando, polo que o 2-0 foi chave para abrir fenda; anotouno Julián dende os once metros.
Mentres, no grupo lugués, a Residencia non tivo piedade ante o colista Meira. Os da capital venceron 8-0, con dobletes de tres xogadores. Un deles foi Jorge Pereira, que suma xa unha decena de goles en once encontros. No derbi, o Taboada impúxose ao Chantada Atlético e recorta distancias na táboa cos da vila do Asma. Potente abriu o marcador ao pouco de comezar a segunda metade. O outro derbi da xornada tivo lugar na Mariña: o líder Burela consolídase na primeira praza tras remontar e superar o Xove. Diego Chao fixo o empate no 19.
Xornada de goleadas no grupo 4
O grupo de Ourense deixou unha xornada de goleadas. O líder Antela superou 6-0 o Maceda. Seis goles anotou tamén o Córgomo Vilamartín no “mellor partido dende que cheguei”, asegurou o seu adestrador. O dianteiro ganés Nii Saki foi o autor do primeiro tanto dos verdiblancos, no minuto 54. Na Uceira, o Sporting Carballiño venceu 4-0 ao Monterrei cun ‘hat trick’ de Quique Giraldez.
Con todo, o partido máis interesante do grupo 4 medía a dous equipos de arriba empatados a puntos, o Celanova e o Muíños. Foron os primeiros os que se impuxeron, ademais con contundencia (3-0), para asentarse na segunda posición. Adrián Blanco foi un dos destacados do equipo de San Lorenzo e merece figurar na listaxe dos Diferenciais.
Pola súa banda, o Seixalbo abandonou a última plaza do grupo ao dar a sorpresa e impoñerse 4-1 no Caqueixal ao Polígono San Cibrao, con doblete de David Figueiredo.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son ses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais da Primeira Futgal.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.