# Hashtag
#Entrevistas #Terceira RFEF

Jandry Rego, Viveiro CF: «Antes todo o mundo quería xogar o máis arriba posible, agora cambiou»

O Viveiro CF apostou por Alejandro Rego ‘Jandry’, un home da casa, para dirixir ao primeiro equipo celeste na campaña 2024/2025. Logo de acadar a salvación baixo o mando de Alberto López, os mariñáns optaron por promocionar ao segundo adestrador da pasada campaña.

Así, o preparador asume o temón do cadro de Cantarrana logo dunha dilatada traxectoria no fútbol senior comarcal (Valadouro, Folgueiro, Alfoz, Riotorto…) e no fútbol base dos viveirenses. Logo de varios anos continuando coa súa formación e aprendendo desde dentro dos vestiarios, chega no momento idóneo para continuar medrando como adestrador e para acadar obxectivos á fronte do Viveiro CF.

Futbolingalicia: Como chega o equipo de Jandry ao inicio de liga?



JR: Estamos con moita ilusión. Iremos con todo a ver onde está o noso teito.

Fig: Das o cadro de xogadores por pechado?

JR: O grupo é curto, pero faltan polo menos dous reforzos: un dianteiro e un xogador de banda. Pero o mercado está complicado pola zona, e o mercado de Segunda RFEF agora está pechado. Traer xente aquí é difícil pola xeografía, polas circunstancias… é máis doado asinar a un rapaz para A Coruña que para Viveiro.



Fig: Que opinión che merece o cadro de xogadores conformado?

JR: Estou moi contento con todos. Estamos moi ben cubertos a nivel defensivo, e os reforzos deron moito nivel. Somos un grupo pequeno e non podemos nin queremos ter un cadro amplio, non temos filial nin xuvenís, polo que estás condicionado á hora de adestrar… pero estou moi contento.

Fig: Este curso hai un bo número de xogadores da comarca.



JR: Si, a idea desde o primeiro momento era ter o máximo número posible de xogadores da zona. É certo que a algún que se lle deu a oportunidade e houbo quen non se adaptou, porque o salto é grande. Tratamos de pescar na zona de Ferrol tamén, pero non é doado. A xente agora prefire xogar na Preferente a 15 minutos da casa, o fútbol cambiou moito nos últimos anos… porque antes todo o mundo quería xogar o máis arriba posible.

Fig: Hai dúbidas cando se propón a posibilidade de adestrar ao Viveiro CF?

JR: Sempre hai: que grupo vas ter, o equipo da túa casa… Son un máis no pobo e sempre hai un pequeno medo, pero unha oportunidade coma esta non chega todos os días. Por moi ben que o fagas, como o ano do Folgueiro na Primeira Galicia, é moi difícil que che salga unha oferta nesta categoría. Había que aceptala, traballar todo o posible no verán, viaxar para facer fichaxes, mellorar as condicións de adestramento… e chegar esta semana nas mellores condicións.

Fig: Como xogará o equipo de Jandry Rego?

JR: Queremos ser fortes a nivel defensivo. Na categoría hai transatlánticos, pero temos que facernos fortes na casa e sumar todo o posible fóra. Trataremos de dominar diferentes recursos, ser capaces de transitar rápido e defender nun bloque medio, pero tamén dominar o xogo posicional… Hai que ter ferramentas para xogar combinado e directo, porque cada partido é diferente polo seu contexto. Ademais nós temos o condicionante do campo, porque Cantarrana pode estar mal nos meses de inverno. Temos que dominar o balón parado cos bos lanzadores e rematadores que temos, ser capaces de transitar rápido… explotar as nosas virtudes.



Fig: Cal é o obxectivo do club?

JR: Luis díxome que iamos tirar de xente da casa, procurar quedar o máis arriba posible, conscientes de quen somos e contra quen imos competir. Miraremos que podemos ir reforzando para quedar o mellor posible co mellor cadro posible. Nas primeiras 5-6 xornadas analizaremos como arrincamos e buscaremos aproveitar a marxe de mellora para competir cada domingo.

Fig: Que equipos contas que estean á vosa par?

JR: Imos tratar de competir contra todos. Favoritos son Ourense e Arousa, pero todos queren rematar arriba. Os que ascenderon queren rematar arriba coa ilusión do primeiro ano, e despois sempre hai sorpresas, como a do Rápido de Bouzas o ano pasado. Racing Villalbés, Estradense… a priori estarán arriba e a medida que arrinque todo, saberemos máis. Dicir nomes agora sería faltar ao respecto dos rivais.

O Viveiro de Jandry:

Corpo técnico: Jandry Rego (1º Adestrador), Rubén Barrios (2º Adestrador), Manuel Insúa (Delegado).

Renovados: Ayoub, Lluc, Diego, Diogo, Juan, Lombao, Rolle, Cora, Arturo,

Altas: Herrador, Víctor, Xoel, Chucas, Kevin, Teiko, Alex Sander, Jorge, Lucas (que volve do RC Celta), Carlos, Xoel Ferro (que chega desde o fútbol base).

Imaxe de portada: El Progreso

Jandry Rego, Viveiro CF: «Antes todo o mundo quería xogar o máis arriba posible, agora cambiou»

Marcador Galego, 20 anos seguindo o noso

Jandry Rego, Viveiro CF: «Antes todo o mundo quería xogar o máis arriba posible, agora cambiou»

Antonio López, Silva: «Queda esa espiña de

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *