O grupo 6 da Primeira Futgal arranca esta fin de semana con dous convidados sorpresa. Son o Arenteiro ‘B’, da provincia de Ourense, e a Milagrosa, de Lugo, que non figuraban inicialmente na listaxe de equipos. Estes dous conxuntos únense a un grupo formado por clubs da área de Vigo e da zona do Baixo Miño e que se presenta “moi competitivo”, di Alejandro Alonso Martínez, técnico do Val Miñor.
Os adestradores consultados por FutbolinGalicia coinciden en que será un grupo de altísimo nivel e de moita esixencia. “Os equipos de Vigo e arredores adoitan ter xogadores con bo nivel e experiencia na categoría e en categorías superiores”, apunta Xacobe Varela, á fronte da UD Santa Mariña.
“Hai grandes equipos que xa estaban o ano pasado, máis os clubes que soben este ano, que se están a reforzar moi ben”, sinala Nacho Casal, preparador do Tomiño. Entre os que pisan esta tempada por vez primeira a categoría está o Progresista, de Salvaterra de Miño. O seu adestrador, Sebas Insagaray, augura “un grupo moi complicado, con equipos moi bos e duros, máis para nós, que por primeira vez na nosa historia imos xogar en Primeira”.
Alejandro Alonso engade que, tras a reestruturación e a gran cantidade de ascensos dende a Segunda, “volven estar todos os equipos da zona na mesma categoría, o que vai a provocar que cada fin de semana se xoguen un ou dous derbis e haxa moita expectación en todas as xornadas”.
Cómpre lembrar que dende o grupo vigués da Segunda Galicia houbo un total de nove ascensos a pasada tempada. Foron os do Guardés, Erizana, Gondomar, Mos, Vila do Corpus, Progresista, Tomiño, Goián e Caldelas. O adestrador do Val Miñor agarda “un grupo vibrante”, pois os clubs confeccionaron “moi bos cadros de xogadores e chegan coas forzas a tope”.
Prognostican un grupo igualado
“Vai ser un grupo moi igualado e o mínimo erro vaise pagar caro”, pensa o técnico do Santa Mariña. Xacobe inclúe na súa quiniela de favoritos “equipos xa consolidados na categoría, como por exemplo Val Miñor, Alertanavia e Racing Castrelos, se ben a tempada é moi longa e pode pasar de todo”. Cristian Taibo, o director deportivo da UD Mos, sitúa tamén ao Alertanavia, que caeu da Preferente, e ao Val Miñor e engade o Guardés. Cre que os tres teñen “cadros de xogadores moi competitivos”.
Alejandro Alonso asegura entre risos que, na súa aposta, “o Val Miñor sempre é o favorito”, pero pensa que aínda é cedo para falar diso. Di que o obxectivo do seu conxunto é “manter a categoría sen pasar problemas e poder traballar coa ilusión de chegar aos postos de promoción”. O Val Miñor ten un cadro de xogadores moi novo, “pero traballo non vai faltar”, adianta. Alén o aspecto sentimental, o técnico do equipo de Nigrán admite que lle gustaría ver o regreso do Gondomar a Preferente.
Outros equipos, como o Vila do Corpus e o Tyde tamén o están a facer moi ben nos últimos tempos, como lembra Sebas, que agarda catro ou cinco equipos na parte máis alta da táboa. Tamén Nacho Casal eloxia o traballo do Tyde, “que confeccionou un gran equipo, de moita calidade e experiencia, máis un staff de nivel”.
A dar a sorpresa e non renunciar a nada
Hai un bo número de equipos que sairán a competir esta fin de semana no grupo 6 da Primeira Futgal co obxectivo de facelo o mellor posible e dar a sorpresa. Sen maior presión que a de acadar a permanencia estarán, por exemplo, os xogadores do Progresista, que, tras dous ascensos consecutivos, teñen a permanencia “como único obxectivo”, di Sebas.
Un Santa Mariña en construción, con novo corpo técnico e unha morea de incorporacións, loitará tamén por certificar a permanencia canto antes. “Estamos moi contentos co cadro de xogadores que se está formando. A nivel resultados, partimos de que o obxectivo é salvar a categoría canto antes. Despois, segundo vaian saíndo, buscaremos conseguir a mellor posición posible na clasificación e soñar. Pero sempre coa idea de traballar duro, con ganas e moita ilusión”, salienta Xacobe.
Mentres, o Tomiño de Casal aposta por “salvar a categoría e, se é posible, comodamente”. Outro dos beneficiados por ese ascenso masivo dende a Segunda Galicia foi a UD Mos. O seu director deportivo, Cristian Taibo, sinala que tentarán “acadar a salvación o máis axiña posible. Para iso, queremos facer un fútbol con identidade propia e demostrar no campo os valores que rexen o noso club: compromiso, deportividade, esforzo e paixón”.
Dous convidados inesperados
Nun principio, aos 16 equipos da zona sur da provincia de Pontevedra sumábanse os ourensáns Arrabaldo e Ribadavia Atlético. Consideraron inxusta esta opción e ambos os dous renunciaron. A praza do primeiro, que, en realidade, rexeitou o ascenso, foi ocupada polo equipo ao que derrotaran no play-off, o Arenteiro ‘B’. Deste xeito, os verdes comezan a achegarse ao primeiro equipo, do que aínda o separa un abismo futbolístico.
A cobertura da vacante que deixou o Ribadavia Atlético non foi tan sinxela. En medio da polémica e logo de moitas críticas á Federación, a Milagrosa lucense aceptou o reto cando todo apuntaba a que rexeitarían esa posibilidade. Os lugueses percorrerán preto de 6.000 quilómetros, con gran cantidade de viaxes ao sur da provincia de Pontevedra. O debut, iso si, será na casa, no Luis Gorgoso, onde recibirán o Tyde esta fin de semana na xornada inaugural.
A nivel deportivo, a Milagrosa buscará superar a tempada. O grande obxectivo do club de Frigsa será acadar a salvación, e saben que a vindeira campaña poderán medirse a rivais máis próximos na xeografía. O capitán do equipo, Joel Vasco, pensa que a Primeira “é a categoría mínima que nos corresponde pola historia do club”, polo que tentarán afianzarse nela. Aquí podes consultar polo miúdo as declaracións de Vasco a FutbolinGalicia.
Funcionamento do grupo 6 da Primeira Futgal
Un total de 18 equipos compoñerán este grupo. Son Domiao, Arenteiro ‘B’, Milagrosa, Santa Mariña, Alertanavia, Racing Castrelos, Mos, Vila do Corpus, Val Miñor, Erizana, Gondomar, Chaín, Tyde, Progresista, Tomiño, Caldelas, Goián e Guardés.
A competición comezará a fin de semana do 7 e 8 de setembro e rematará o 11 de maio. A Federación xa deu a coñecer o calendario deste grupo 6, que podes consultar aquí. Ademais, premendo aquí podes coñecer todos os detalles do novo modelo da Primeira Futgal.
As 90 edicións da Copa Vigo, o gran premio do fútbol afeccionado olívico - FutbolinGalicia
13th Sep 2024[…] O grupo 6 da Primeira Futgal arranca con […]