Fin de semana de gran igualdade na Terceira RFEF
Os enfrontamentos desta semana na Terceira RFEF esperábanse moi igualados, e así o reflectiron os resultados. O Arteixo e o Somozas repartiron os puntos tras empatar 2-2 nun encontro con catro goles en apenas 23 minutos.
Antonio López adiantou ao Arteixo no minuto 2, pero Iñaki igualou o marcador no 12’. Os locais volveron poñerse por diante dez minutos despois grazas a Uwumiro, aínda que a alegría durou pouco: Charly López estableceu o definitivo 2-2 no minuto 23.
A Sarriana e o Arenteiro asinaron un emocionante empate 3-3 nun partido con alternativas no marcador. O conxunto ourensán comezou mellor e adiantouse no minuto sete por medio de Ángel Bastos, pero Uriarte igualou para os locais no dez. A Sarriana púxose por diante co tanto de Álex Pérez no minuto 30, aínda que Martín Lamelas empatou desde o punto de penalti no 45’. Na segunda metade, Uriarte volveu marcar no minuto 55 para adiantar de novo á Sarriana pero de pouco vale. Ocampo, no minuto 62, estableceu o definitivo 3-3, que levou o partido a repartir os puntos.

O Céltiga e o Alondras tamén repartiron os puntos tras empatar 0-0, nun encontro no que ningún dos dous equipos conseguiu atopar o camiño do gol.
O Antela e o Barco empataron 1-1. Salvador adiantou aos de Xinzo no minuto 12, pero Tiago Teixeira, con algo de mala fortuna anotou un gol en propia porta, acabou establecendo o empate.
Boas sensacións nos equipos coruñéses
Tras varias semanas complicadas o Silva levou os tres puntos tras gañar 1-3 ao Lalín. Os locais adiantáronse no minuto 14 por medio de Manuel Galego, pero o encontro cambiou tras o descanso. Iago Castro igualou o marcador no 46’ e, posteriormente, Pablo Mouriño, no 59’, completou a remontada. David Rojo, no minuto 70, marcou o terceiro e sentenciou o partido a favor dos visitantes.

O Atlético Montañeros continúa coa súa boa dinámica tras superar o Gran Peña por 3-1. Os visitantes adiantáronse no marcador no minuto 17 cun gol en propia porta de Samuel Rey, pero Pape converteuse no gran protagonista do encontro ao marcar os tres tantos do conxunto coruñés e completar así un hat-trick.
Vitorias decididas no tramo final
O Portonovo conseguiu os tres puntos ante o Pontevedra B cun gol no último suspiro. Cando o encontro parecía abocado ao empate, Eloy Rosal transformou un penalti no minuto 90 para darlle a vitoria ao conxunto portonovés.
O Boiro sumou unha importante vitoria pola mínima ante o Viveiro (1-0). Yago Insua, no minuto 73, marcou o único tanto do encontro para deixar os tres puntos na casa.

Pola súa banda, o Estradense levou os tres puntos tras gañar 1-2 ao Racing Villalbés. Migui foi o protagonista dos visitantes ao marcar dous goles en apenas catro minutos, no 72’ e no 76’. Rodri Alonso recortou distancias no minuto 87, pero o Racing Villalbés non conseguiu evitar a derrota.

FOTO PRINCIPAL: SD Silva













































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































