# Hashtag

Unha conversa moi Diferencial: Chuso (CD Unión)

Hoxe temos en FutbolinGalicia unha conversa moi Diferencial con Ismael Cerqueiras, máis coñecido como Chuso (Rianxo, 2001). Grazas aos seus 26 tantos, o Unión de Asados conseguiu acceder ao play-off de ascenso a Preferente Futgal, onde caeron co Córgomo. Pero a gran campaña do noso protagonista non pode quedar reducida a unha única eliminatoria. Por iso quixemos entrevistalo para así coñecelo mellor.

Chuso nun partido desta tempada. FOTO: RNX Foto

FutbolinGalicia (de agora en diante, FIG): Pasan os anos e non deixas de superar os teus rexistros goleadores. Sen ir máis lonxe, anotaches 26 veces neste curso futbolístico. Cal é o segredo, Chuso?

Chuso Cerqueiras (de agora en diante, CC): O único segredo é o traballo de todo equipo. Sen eles non podería marcar tantos goles.



FIG: Ribadumia e Marín gañaron máis do 80% dos seus partidos, acabando coas vosas opcións de ascender de xeito directo. Cres que noutro grupo non teríades tanto problema para subir de categoría?

CC: A verdade é que non o penso. Se queres ascender de categoría, debes gañarlle aos mellores equipos, independemente do grupo no que quedaches encadrado.

FIG: A pesar de vencer na ida, caestes por 5 a 2 ante o Córgomo e quedastes eliminados do play-off de ascenso. Quizais foi un castigo excesivo? Que pasou no partido do Bañadoiro para saír derrotados?



CC: Si. Penso que quizais foi excesivo se atendemos ao que se viu no terreno de xogo. Aínda así, sabíamos que iamos a un campo onde non é doado gañar e onde o noso rival é moi forte. Tamén sabíamos a que nos enfrontabamos, pero non estivemos á altura.

Unha campaña de récord

FIG: Na xornada 10 xa levabas 11 goles. Foi unha boa xeira ou o reflexo dunha boa pretempada? Chegaches con boas sensacións ao comezo da competición?

CC: Penso que se deu unha mestura de ambas. Temos a sorte de ter aí a Jose, o noso preparador físico e o encargado de poñernos a punto nun abrir e pechar de ollos. O seu labor permítenos chegar coas mellores sensacións posibles a cada partido e así dalo todo no campo.



FIG: Así e todo, o equipo resentiuse nos meses de marzo e abril. A que se debeu este baixón? Tampouco che saíron as cousas no plano individual e chegaches a encadear 6 partidos sen ver porta. Como conseguiches recuperarte desta fochanca?

CC: É certo que tivemos bastante xente lesionada e foi aí cando tropezamos un par de veces. Pero soubemos repoñernos bastante ben e recuperar as boas sensacións. No plano individual, hai que ter en conta que as malas xeiras poden vir en calquera momento e o peor que se pode facer cando se dan é ofuscarse ou pensar en rematala canto antes. Seguín a facer o meu traballo dentro do campo e tiña claro que o gol ía chegar en calquera momento, sobre todo cando contaba coa axuda de todo o equipo.

FIG: Se tiveses que quedarte cun gol deste ano, cal sería?

CC: Todos os goles foron importantes, pero se tivera que quedarme con un diriache o tanto que lle anotei ao Arcade no Municipal de Vilas pola dificultade do remate.

FIG: Algúns de vós xa levades tempo xogando nese campo. Pode ser unha das chaves do éxito deportivo do plantel? Que factor vos diferencia en relación a outros conxuntos do grupo 5?



CC: Máis que o feito de levar xa tempo xogando xuntos, a chave é que somos un gran grupo dentro e fóra do campo. E isto, loxicamente, axuda un montón. Cada ano chega xente nova e aos poucos días xa senten o bo ambiente, como se estiveran na súa propia casa e iso é o que nos diferencia do resto dos equipos do grupo.

De cara a este ano

FIG: Cal é o rival a bater este ano? Cidade de Ribeira e Umia están chamados a competir con vós polas primeiras prazas.



CC: O rival a bater somos nós mesmos. Non miramos cara a outro lado nin nos centramos única e exclusivamente nos demais equipos. Debemos facer o noso traballo, que non é outro que gañar cada partido. Ao final da tempada verase ata onde chegamos.

FIG: Teu irmán Paulo promociona desde o xuvenil e xogará ao teu carón este curso. Ilusiónache compartir vestiario con el?

CC: Obviamente, ilusióname xogar con el. Levamos desde pequenos peghados a un balón de fútbol, inventando xoghadas na horta da casa día si e día tamén. Agora toca ver se nos saen no campo (Risos).

FIG: Xogaches toda a túa etapa senior no Unión de Asados. Que é para ti o club? Con el chegaches a saborear as meles da Preferente Futgal. Imaxinámonos que tes entre cella e cella devolver ao equipo a esa categoría, non?

CC: Para min, o Unión é como a miña segunda casa. A xente que o integra e forma parte del é espectacular e faiche sentir moi cómodo no Municipal. Está claro que o obxectivo é regresar a Preferente Futgal, pero tócanos ir partido a partido e non pensar máis aló de cada fin de semana.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Unha conversa moi Diferencial: Chuso (CD Unión)

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal:

Unha conversa moi Diferencial: Chuso (CD Unión)

Unha conversa moi Diferencial: Chuso (CD Unión)