# Hashtag
#Fútbol Feminino #Primeira Galicia Feminina #Segunda Galicia Feminina

A Primeira e a Segunda Galicia chegan ao seu desenlace final

As competicións regulares chegan ao seu remate o próximo fin de semana, cando rematan a Primeira e Segunda Galicia. Hai cousas que se decidirán na última xornada e cousas que xa levan escritas un tempo. O próximo luns coñeceranse oficialmente quen son os campións de liga e cales serán os conxuntos que subirán de categoría.

A promoción en xogo na Primeira

Na Primeira Galicia lidera o Victoria, a pesar do tropezo do último partido ante o Atlético Villalonga, no que perderon por 4-2. As cebras xa teñen un posto asegurado na Terceira RFEF e tamén o título de campioas, xa que as separan oito puntos do segundo posto, que ocupa o Rosalía.

As coruñesas cerran unha moi boa temporada con 74 puntos tras gañar 24 partidos, empatar dous e perder tres. Pola contra, os postos de promoción xogaranse na última xornada. Os candidatos son o Rosalía (66), o Atlético San Pedro (64) e o Antas (62), estas últimas cun partido menos porque o encontro ante o Sporting Burgo foi suspendido pola tormenta. Ourensás e lucenses vense as caras neste derradeiro partido, que pode decidir o destino dos dous conxuntos.



Tanto o Rosalía como o Antas dependen de si mesmas para facerse cun posto de promoción, mentres que o Atlético San Pedro precisa tamén dun tropezo dos dous equipos. O ascenso disputarase entre o segundo e o terceiro clasificado nunha eliminatoria a ida e volta, con prórroga e penaltis en caso de empate.

O Antas no último partido. Foto: SD ANTAS


O Atlético San Pedro vén de gañar a Copa Coruña nos penaltis, rompendo a racha do Victoria B, que nunca perdera unha final copeira, e chega con ansias de cerrar unha tempada redonda. A última da súa goleadora, Joana Montouto, que tal e como explicou en FutbolinGalicia retirarase ao rematar a competición.

Os descensos xa están decididos. O Sárdoma B pecha a clasificación con 10 puntos e, de gañar, só podería aspirar a subir unha posición se o Sporting Burgo perde, aínda tendo un partido menos. Con todo, xa non ten opcións de salvarse. Pola súa banda, o Sporting Burgo necesitaría gañar os dous encontros pendentes, o suspendido e o desta fin de semana, para intentar manter a categoría. Neste suposto, o Pastoriza, que é quen pecha a salvación, non podería gañar.



Unha liga en xogo para o Muxía

As muxiás poderán conseguir gañar a súa primeira liga este domingo, xa que o ano pasado ascenderon como segundas, e lograr así o seu segundo ascenso consecutivo. Para conseguilo dependen unicamente de si mesmas, xa que cun empate ante o San Lázaro sérvelles para proclamarse campioas e firmar unha temporada histórica para o club.

O seu equipo masculino vén de gañar a Copa da Costa masculina. Pola súa banda, as Corviñas perderon nas semifinais e quedaron sen opcións de pelexar polo título, o que impede completar unha temporada redonda para as muxiás, que xa son equipo de Primeira.

O Muxía celebra un gol. Foto: Marina Busto

O Tordoia afrontará a última xornada pendente dun tropezo das líderes, a única esperanza que lles queda para poder conquistar o campionato. O Bergantiños B xa ten asegurada a promoción; con todo, o cuarto posto aínda está aberto. Ocúpao actualmente o Milagrosa, que tamén depende de si mesmo. Se gaña mantería a distancia dun punto co Corme, pero se empata ou perde tería que agardar por un tropezo das costeiras para poder aspirar a un posto na Primeira Galega.



O Órdenes xa está descendido, mentres que o Nicrariense ten unha última oportunidade de salvarse pola diferenza de goles. Para iso, o Cultural Maniños non debería puntuar nin no encontro cancelado a pasada fin de semana ante o San Lázaro nin no desta xornada fronte ao Corme.

Todo decidido no grupo 2

Porén, na outra agrupación desta liga está todo decidido. O Valladares proclamouse campión de liga con 78 puntos. A dez das viguesas sitúase o Atlético Arousana, que ocupa o segundo posto e tamén consegue o ascenso directo. A promoción quedará entre o Touro e o Ponte Caldelas, con 64 e 54 puntos respectivamente.

O terceiro e o cuarto clasificado de cada grupo mediranse entre si, sen cruzarse en ningún momento, e desa eliminatoria sairán os outros dous equipos ascendidos. A promoción disputarase a ida e volta, con prórroga e penaltis en caso de empate. Os ‘playoffs’ están previstos para a semana do 7 de xuño, coa disputa dos primeiros encontros, polo que en apenas dúas semanas xa se coñecerán os outros dous equipos que conseguirán unha praza na Primeira Galega.

O Touro nun dos últimos partidos. Foto: SD Touro

O Touro disputará o 6 de xuño a final da Copa Sar ante o Calo e, ao día seguinte, terá que afrontar o encontro de promoción de ascenso. Dous partidos en apenas 24 horas nos que buscará completar unha temporada histórica e alcanzar dous fitos importantes para o club.



A Primeira e a Segunda Galicia chegan ao seu desenlace final

Os Vintage: SD Agolada 2017/2018

A Primeira e a Segunda Galicia chegan ao seu desenlace final

Ivalotelli, CSD Arzúa: «Nun club como o