# Hashtag

Volve o fútbol e regresan os Diferenciais da Primeira Futgal

Comeza a temporada na Primeira Futgal e volven os Diferenciais cun repaso dos partidos máis destacados dos grupos 1, 2 e 3 desta categoría na primeira xornada.

Chuvia de goles nos campos de Ferrol e a Coruña

No grupo 1 os goles foron abundantes neste inicio de curso. A puntería dos equipos coruñeses quedou probada en dúas notorias goleadas.

Con autoridade e sen miramentos. O Eume Deportivo arrasou co Perlío ao que venceu por un resultado de 5-1. O acerto desde a pena máxima, anotando ata tres veces, permitiu que os locais se levaran os tres puntos neste comezo de liga nun enfrontamento condicionado desde os primeiros minutos debido á expulsión de Jandro Fernández, que recibía un cartón vermello aos 10 minutos. Foi entón cando os de Pontedeume comezaron a asediar a portería rival liderados polo seu dianteiro Sixto. A nova fichaxe dos branquiazuis debutou por todo o alto anotando dous goles que lle permiten ao Eume Deportivo acadar as primeiras posicións da táboa clasificatoria, pero non o liderado.



O primeiro posto ocúpao o Olímpico, que semella esquecer as pantasmas do pasado play-off e se sitúa como firme candidato ao ascenso. O conxunto de Culleredo levouse a vitoria tras golear ao As Pontes no Poboado (0-5). Mal inicio de curso para os locais que sufriron o ‘partidazo’ realizado por Pedro Trashorras, que xa é o máximo goleador do grupo logo de asinar un hat-trick.

E a primeira data da competición tamén deixou a volta do Carral. Logo dun efémero éxodo ao grupo 2, os de Jairo Bello volven enfrontarse aos equipos coruñeses co mesmo obxectivo: chegar á Preferente Autonómica. O Castro celebrou a primeira vitoria da tempada ante o Marte, ao que se impuxeron por 2 a 1 cun tanto de Jony. E é que poderán pasar os anos, pero o mediapunta carralés continúa a furar as redes rivais para, nesta ocasión, deixar os tres primeiros puntos na casa.

No grupo 2 respírase emoción

Baixamos da costa ártabra ata Santiago e a Costa da Morte, onde a fin de semana tamén deixou emoción e goles por igual.



A xente que se achegou ata o Carballal puido presenciar un bo espectáculo futbolístico protagonizado polo Boimorto e o recentemente ascendido Racing San Lorenzo (5-3). Os locais inician o curso con bo pé e, sobre todo, olfacto goleador. Que llo digan a Alexandre Villaravid, autor de 3 dos 5 tantos que lle valeron ao conxunto vermello para conseguir a vitoria e afirmar a súa posición como un dos equipos favoritos para subir de categoría.

Tamén iniciaban o curso o Fisterra e o Calo nun duelo onde gañaron os de Teo por 1 a 2. Non é doado asaltar a casa dos fisterráns, que foron os primeiros en adiantarse no marcador logo dun primeiro tempo sen goles. Igualaba o conxunto branquiazul por mediación do seu pichichi, Adrián García, que agarda conseguir números semellantes aos 26 tantos do ano pasado. A remonta dos visitantes culminou no tempo engadido cando Vieites conseguiu anotar o 1-2 definitivo sobre a bucina. Sufrindo e con certa dose de suspense, o Calo rematou sacando os tres puntos do campo de Arasolís.

E para pechar este grupo 2 da Primeira Futgal, nada mellor que un bo partido entre dous clásicos da Costa: Club do Mar e Castriz. Os de Caión impuxéronse aos seus rivais por 2 goles a 1. Adiantábanse os locais aos dous minutos e, pouco despois de comezar a segunda metade, Tiago poñía o 2-0 no electrónico. O extremo portugués saíu tras o descanso e aproveitou a súa oportunidade anotando o gol co que parecía sentenciar o choque. Nada máis lonxe da realidade, pois os visitantes venderon cara a súa pel e, a falta de 10 minutos para o remate, conseguiron pór o 2-1 facendo tremer ao Club do Mar, que conseguiu xestionar os intres finais para comezar a temporada cunha vitoria.



Regresos e derbis no fútbol lucense

Bota a andar a pelota en Lugo, onde os siareiros volveron encher os campos de fútbol con regresos agardados.

Como o retorno do Iberia á Primeira Futgal, que se saldou cunha vitoria na prolongación ante o Santaballés por 0 goles a 1. Os de Barreiros tiveron que agardar ata o último minuto para conseguir o premio dos tres puntos, acadado co agónico e solitario gol anotado por Marcos Pernas. Unha volta á categoría por todo o alto, pero non foi a única da xornada na máxima categoría do fútbol lucense.

Tamén volve a Milagrosa ao grupo 3, logo de pasar unha temporada competindo con equipos da zona de Pontevedra e Vigo e na que salvaron a categoría nos últimos encontros. Boas novas para o equipo deste barrio da cidade das murallas, onde celebraron o comezo de tempada levándose os tres puntos ante o Outeiro cunha clara vitoria por 4 a 1. Os albivermellos iniciaban o encontro cun ritmo alto e impoñéndose no marcador por mediación Joel Vasco, autor dos dous primeiros goles. Ao pouco de pasar polos vestiarios, a Milagrosa sumaba un novo tanto e poñía a sentenza ao partido, pois o conxunto visitante non conseguiu anotar ata o minuto 85 cando xa era demasiado tarde para a remonta. Goleada e tres puntos que sitúan ao conxunto de Lugo capital á cabeza da táboa clasificatoria.

A primeira data contou tamén con outro partido marcado en vermello para desfrute dos espectadores do sur da provincia. Taboada e SD Chantada enfrontáronse nun encontro vibrante que rematou coa vitoria dos segundos por 2-3. Os chantadinos foron os primeiros en adiantarse no campo da Medela. Dous goles que serviron para poñer terra de por medio, pero a reacción do conxunto local non se fixo agardar e o Taboada logrou recortar distancias antes do tempo de lecer. Na segunda metade os locais conseguiron a igualada ao tempo que a intensidade medraba no terreo de xogo, onde ata 10 xogadores viron o cartón amarelo. A falta de 5 minutos para o remate, Joserra, estandarte ofensivo do Chantada, anotaba o gol definitivo para darlle ao seu club os tres primeiros puntos do campionato.

ARTIGO DOS GRUPOS 4, 5 E 6 AQUÍ



Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadaspremendo aquí.

Volve o fútbol e regresan os Diferenciais da Primeira Futgal

FutbolinGalicia comeza a temporada con novidades

Volve o fútbol e regresan os Diferenciais da Primeira Futgal

Volve o fútbol e regresan os Diferenciais