# Hashtag

Tres décadas de amor incondicional entre o Atlético Arousana e a súa capitá Caro

Carolina Baños ‘Caro’ leva dedicando 3 décadas da súa vida ao fútbol e, máis concretamente, ao Atlético Arousana. Unha historia de amor incondicional que a converte nunha pioneira do fútbol galego e toda unha one club women. A súa experiencia outórgalle un gran coñecemento sobre a evolución das competicións femininas no noso territorio.

Hoxe Caro é moito máis que a capitá. É parte da alma dun equipo histórico que sigue loitando por deixar a súa pegada no fútbol galego. A xogadora repasa para Futbolingalicia a súa carreira e a traxectoria do seu equipo.

De pioneiras no Salnés a referentes en toda Galicia

Primeiro partido oficial de Caro, primeiro equipo federado e primeiros chándales. Cedida

A creación do equipo feminino en Vilagarcía comezou a forxarse en 1994 grazas a un grupo de mozas que querían xogar ao fútbol. Caro uniuse ao proxecto do Arousana en setembro de 1995, con apenas 15 anos. O que non sabía ela nos seus comezos era que 30 anos máis tarde seguiría defendendo a mesma camisola.



Aqueles primeiros anos de vida do conxunto vilagarcián non foron doados. «Cando cheguei non tiñamos nin chándal, e durante varios anos prohibíusenos crear unha liga federada», relata Caro. O Arousana convertíase así nun equipo pioneiro por abrir o camiño ás competicións femininas de fútbol e porque tras elas, fóronse animando outros clubs da contorna.

Caro recorda como tiveron que adaptarse ás circunstancias para poder seguir xogando: «tivemos que tomar a decisión de xogar ao fútbol sala e máis tarde creamos, xunto a varios clubs, unha liga de fútbol non federada». A día de hoxe, o equipo está asentado e é un dos clubs referencia da liga galega. «Ver agora ás nenas pequenas disputando partidos coa nosa camiseta é un orgullo».

Momentos inesquecibles en tres décadas

Caro capitaneando un Arousana con Mari Paz e Sara Tui, entre outras. Cedida

Con 30 anos adicados ao fútbol e ao Atlético Arousana, Caro Baños viviu innumerables momentos que agora forman parte da historia do fútbol galego. Entre eles, destaca dous con especial cariño: «Un foi cando gañamos a liga en Nacional despois de que se nos escaparan os dous campionatos anteriores». Tan só 5 anos despois da entrada no novo milenio, o Arousana acadaba, por primeira vez para un equipo galego, o título de campioas.



Nesa xeración dourada aparecen nomes de grandes xogadoras como os de Mari Paz, Sara ‘Tui’ ou Miriam Domínguez. Hai outro recordo gravado na retina para Carolina, e que tamén compartiu con algunhas das súas compañeiras de equipo. «O outro foi cando xogamos en Balaídos contra Cataluña na primeira selección galega feminina».

equipos

O segredo para manterse competitiva

A pesares dos desafíos que aparecen dentro e fóra do campo o seu amor polo fútbol mantense intacto ata o día de hoxe. «Supoño que a chave será a constancia, coidarse, non faltar a adestrar e a auto experiencia», explica cando lle preguntamos pola súa fórmula secreta. Caro confesa que tamén houbo momentos onde pensou en deixalo, «ás veces máis por factores externos, pero adestrar e xogar sígueme encantando, desfruto».

O mundo do fútbol cambiou enormemente dende que Caro deu as súas primeiras patadas. Daquela non había referentes femininas visibles. «De pequena non había referentes pero estaba por exemplo a quinta do Buitre. Agora ata se conseguiu gañar un Mundial», comenta orgullosa do progreso.



Por todo o vivido, Caro é consciente de que as novas xeracións teñen máis oportunidades ca nunca. «As nenas teñen moita calidade, pero creo que lles falta ese espírito de sacrificio para ser aínda mellores. Necesitan compromiso e traballo, porque non saben a sorte que teñen a nivel material, campos, etc».

Caro nun encontro ante a desaparecida sección feminina da SD Compostela. Cedida

Unha historia de amor que continúa escribíndose

Tras celebrar os 30 anos en activo, Carolina aínda non ten decidido cando colgará as botas. «Síntome ben xogando porque se me arrastrara xa o tería deixado, pero a idea a comeza a sobrevoar a miña cabeza. A decisión está no aire pero só penso en desfrutar e aportar ao equipo o que poida para conseguir novos obxectivos».

Respecto ao futuro despois de colgar as botas, Caro xa forma parte da directiva do seu equipo e conta tamén cun título de adestradora pero polo momento non se ve no banco senón é vestida de curto. «Aínda non mo propoño xa que o que a min me segue encantando é xogar».

Tres décadas de amor incondicional entre o Atlético Arousana e a súa capitá Caro

Ronald Lezcano, Portonovo SD: «Saber que vas

Tres décadas de amor incondicional entre o Atlético Arousana e a súa capitá Caro

Oito equipos con pleno de vitorias no

1 comentario

  1. Rosa Ana Poza Camiña
    26th Sep 2024 Reply

    Como ex presidenta del Arousana, es decir , se como es Carolina.
    Gran persona , implicada , controla mucho …, sacrificada por el club y me ayudó mucho en los años q estuve allí.
    Las que pasamos por el club llevamos en las venas los colores del club.
    Son un referente en las Rias Baixas y Galicia. Yo sigo y seguiré presumiendo de club. Soy Arousana . Muchísima suerte en esta temporada.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *