# Hashtag

Un ‘transatlántico’ chamado Verín pon rumbo á Copa

O Verín cumpriu o guión e só precisou unha tempada para regresar a Preferente. Alcumado por algúns como o ‘transatlántico’ da Primeira Galicia, os de Miguel Sotelo teñen novo obxectivo. Tras rematar como campións de liga, poñen a vista na Copa Deputación de Ourense. A primeira parada estará este domingo no José Arjiz, onde recibirán o Velle.

Conseguir ese título sería o broche de ouro á gran campaña do Verín. Con todo, o curso non comezou todo o ben que agardaban no club. Iso motivou o cambio de adestrador en novembro e a chamada a Miguel Sotelo. Ao facerse cargo do equipo, o primeiro foi “xestionar o grupo e quitar a presión do ascenso”, relata o técnico. “Dixémoslles que xogasen tranquilos, que desen o que puidesen. Para tomar as responsabilidades se a cousa saía mal xa estaba eu”, di.

Sotelo tamén se propuxo rematar cun certo “malestar” que había no vestiario, aínda que di descoñecer os motivos. Fixo algún cambio máis, “pero non moitos, porque había bos xogadores e moita calidade”, explica. Acadou un grupo cohesionado, no que reinou o entendemento, algo que o adestrador do Verín considera chave.



Un equipo moi efectivo

Os números do Verín son de auténtico campión. Os do José Arjiz gañaron 23 dos 34 partidos, empataron oito e só caeron en tres ocasións. Dende a chegada de Miguel Sotelo, só unha derrota, algo fundamental para soportar a presión do Nogueira de Ramuín e o Cented. “Por detrás viñan eses dous equipos moi competitivos, non podiamos despistarnos”, conta Sotelo.

A efectividade do Verín pasou pola portería, tanto a rival como a propia. “Fomos os máximos goleadores, con 83 tantos a favor, e os menos goleados, con 26 en contra. Iso é o que te leva a estar arriba: non encaixar e marcar en case todos os partidos. Só empatamos a ceros nunha ocasión”, sinala o preparador.

A categoría non correspondía

No Verín tiñan claro que a Primeira Galicia non era o lugar para este club, dunha vila duns 13.500 habitantes. “O Verín ten que estar, como mínimo, en Preferente”, afirma Sotelo. Pensa que ascender a Terceira RFEF hoxe en día é complicado. “Sobre todo en Ourense, que hai escaseza de futbolistas. E máis en Verín. A 65 quilómetros da capital da provincia tes que pagar moito para que veñan xogar aquí”, explica.



Ese foi un dos motivos do cambio de “chip no club verinés. Este ano apostaron por poñer o ollo no país veciño. En Chaves (Portugal), a só dez minutos, atoparon mercado. Dende alí chegaron Nuno Cardoso, Victor Pereira e Clayton. Este último non rematou a tempada, ao marchar a traballar a Estados Unidos.

O Verín celebrou o título de liga tras vencer ao Sporting Carballiño. Saraayalns

Tamén os xuvenís gañaron protagonismo. “Tratamos de levar os máximos posibles e darlles minutos”, asegura Sotelo. Debutaron Corcuera, Adrián e Miguel López, que cambiou o Pabellón CF polas ED Verín para participar co equipo. Tamén xogou nesta Primeira Galicia Hugo Ossorio, fillo dun xogador emblemático dentro do vestiario como é Luis Ossorio ‘Luisito’.

O Verín só pensa na Copa

Agora, o equipo está centrado na Copa. O técnico indica que ata que remate esta competición non se sentarán a falar da vindeira tempada. Na semifinal deste domingo ás 18:00 horas mídense ao Velle, que descendeu a Primeira Galicia este curso. “Veñen co rebufo da Preferente e moito ritmo. Quererán facer algo bonito antes de finalizar a tempada”, considera o adestrador do Verín, que cualifica de “complicada” a eliminatoria.



Eles, pola contra, tentarán manter a imbatibilidade. “Levamos más de 25 partidos sen perder e sabemos que algún día chegará a derrota. Iso si, imos tentar que tarde en chegar ese momento, porque temos a ilusión da Copa”, remata Miguel Sotelo.

Un ‘transatlántico’ chamado Verín pon rumbo á Copa

O fútbol afeccionado, de novo pendente dos

Un ‘transatlántico’ chamado Verín pon rumbo á Copa

Pitu Doncel, Coruxo: «Pode chegar un ano

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *