Volveron facer historia. Tras gañar a Copa da Coruña, a Copa Deputación da Coruña e a Supercopa Galicia en só tres meses, o San Tirso, de Abegondo, superou o Selaya cántabro nos penaltis e xogará a primeira rolda da Copa do Rei ante un Primeira División. O seu rival será o Real Club Deportivo Espanyol, que adestra Manolo González, natural de Folgoso do Courel.
Tras conseguir a clasificación, o adestrador, Fabio Rodríguez, e os xogadores non agochaban o seu desexo. Querían medirse ao Atlético de Madrid ou ben ao Celta. O duelo ante o club olívico sería especial para moitos xogadores, pois parte do cadro de xogadores, como é lóxico, son seguidores do Deportivo da Coruña. Algúns mesmo foron parte da base do conxunto herculino.
Outro ingrediente que o faría especial é que o estadio de Riazor ten todas as papeletas para ser o escenario do partido. Bergantiños e Victoria xa xogaran Copa do Rei no feudo do Dépor e todo apunta a que o San Tirso fará o mesmo. O campo do Monte non é apto, nin por condicións do céspede nin pola iluminación. Ademais, o club sabe que en Riazor a caixa será maior e poderían deixar arranxada a vindeira tempada a nivel económico.
Os verdes terán ao Espanyol como rival, nun partido que suporá o regreso a Riazor do mediocentro Edu Expósito, que militou catro tempadas no Deportivo. Ademais, os ‘periquitos’ están adestrados por un galego, o courelao Manolo González, que conseguiu o ascenso a pasada tempada e converteuse en todo un ídolo da afección do equipo barcelonés.
O San Tirso, abonado á épica
Para acadar o premio de medirse a un rival de Primeira División, o San Tirso percorreu un longo camiño. Tivo que gañar as tres copas e, este mércores, superar no campo do Monte o Selaya, que veu de Cantabria acompañado dun bo número de seareiros. O partido foi á prórroga e logo de 120 minutos ningún dos equipos foi quen de desfacer a igualada (1-1). Como xa lles ocorrera na Copa da Coruña, houbo que decidir dende o punto de penalti e, de novo, non fallaron.
«A verdade é que estamos acostumados a sufrir! Foi un partido tolo! Encaixamos moi cedo, nunha acción evitable, e non puidemos impoñernos e someter o rival no principio. Por sorte, logramos empatar antes do descanso a balón parado. Quizais por volume de chegadas e ocasións, puidemos decantar o partido cara ao noso lado. Non as metimos e nos penaltis comezamos tirando e poñerse por diante axudounos«, explicaba a FutbolinGalicia o técnico do San Tirso, Fabio Rodríguez.
Os verdes anotaron os cinco penaltis e foi, precisamente, co último lanzamento cando se desatou a festa no Monte. Seareiros e xogadores da base celebraron por todo alto esta clasificación para a primeira rolda da Copa do Rei, como podes ver aquí. É o maior fito deportivo do club da parroquia de San Tirso de Mabegondo (Abegondo, A Coruña) dende a súa fundación, en 1940.
O partido de Copa, a final de mes
Ao San Tirso tócalle baixar un tempo da nube da Copa do Rei e volver ao traballo na Preferente Norte. Este domingo reciben ao Galicia de Mugados no Monte. Despois, viaxarán ao campo do Sofán e, na xornada oito, mediranse ao Miño. Será despois dese encontro cando todos os pensamentos estean postos na cita ante o Espanyol, que terá o xoves día 31 de outubro ás 19:00 horas.
O martes día 29, a SD Compostela medirase no Vero Boquete a un Primeira División. No sorteo tocoulle o Alavés. Os partidos en Copa do Rei do resto de equipos galegos son estes: Cuarte – Racing Club Ferrol; San Pedro – Celta; Pontevedra – Levante; Bergantiños – Marbella; e Guijuelo – Ourense CF. Queda exento da primeira eliminatoria o Deportivo da Coruña, tras proclamarse campión de Primeira Federación, pero estará na seguinte xunto aos 55 vencedores.