Esta pasada xornada non puidemos gozar de fútbol por mor da borrasca Herminia que asolou o territorio galego. Así e todo, nós continuamos analizando aos clubs galegos. Só uns poucos equipos poden presumir de non seren derrotados no que vai de liga.
Neste club das invictas aparecen algúns dos conxuntos a bater nas diferentes competicións. Hoxe repasamos aos seis equipos galegos que aínda non coñecen a derrota.
O Pastoriza non baixa da onda
No Grupo 1 de Segunda Galicia, o Pastoriza está demostrando ter unha enorme consistencia, o que lle permite manterse invicto. Actualmente ocupa a segunda posición na táboa, detrás do Xallas que conta cun partido máis. Consolídanse como un dos equipos máis competitivos da categoría e buscan acadar o ansiado ascenso a Primeira.
Lucía Camisón continúa sendo unha das súas referentes en ataque con 15 goles en 14 partidos.
Un Corme intratable e sen ceder nin un punto
O Corme lidera con autoridade no Grupo 2 de Terceira Galicia. A súa solidez como equipo xunto coa súa claridade de cara á portería rival está sendo fundamental para evitar calquera tropezo. Amósanse como claras candidatas ao título e deixan ás súas perseguidoras, o Muxía e o Mazaricos, a 8 puntos de distancia.
Nas próximas xornadas teñen partidos ante rivais directos como o EFCC Juan Cabrejo (cuarto clasificado) e o Muxía. O traballo do conxunto e a resolución de xogadoras como Naroa ou Carla Pose poden marcar a diferenza e manter a boa xeira.
O Santiso, a sorpresa do grupo 3
No Grupo 3 de Terceira Galicia, o Santiso está sorprendendo co seu nivel e están comprando moitas papeletas para estar xogando o ano que vén en Segunda. O seu bo rendemento defensivo é un dos factores determinantes para manterse como un equipo sólido e imbatible na competición. Tamén contan con xogadoras como Elvira Mazas que leva anotados 10 goles.
Esteirana e Céltiga o dúo imbatible do grupo 4
Dous equipos de recente creación están revolucionando a liga de terceira. A Esteirana e o Céltiga, actualmente empatados a 33 puntos, están demostrando ser os máis regulares do grupo. Malia o seu pouco tempo de vida como equipos femininos, son dous conxuntos moi compactos e con moita seguridade no terreo de xogo.
Na Esteirana podemos destacar ás dúas pichichis da categoría como son Rut Castro (32 goles) e Barbara Caamaño (21 goles). No caso do Céltiga é Paula Aguin quen leva o peso dos goles con 13 dianas.
No grupo 5 o Mos segue en pé e sen perder
No derradeiro grupo é o Mos quen mantén o seu marcador de derrotas a cero. Este feito é un claro reflexo de que seguen mantendo a súa fortaleza. Actuais líderes, contan cunha das defensas menos goleadas da competición con tan só 2 goles encaixados. Están amosando unha gran calidade colectiva e tamén individual con nomes como o de Ana Rodríguez.