Temos, unha semana máis, moitas novidades no mercado da nosa Terceira. Comezamos pola Sarriana, na que causa baixa Edgar. Sen dúbida, o defensa foi unha peza clave para Jorge Cuesta neste curso e de seguro que será importante no Villalbés para Alberto López. David Guitián deixa o Polvorín e recala na Ribela, á que tamén chega un novo técnico. Jaime Paz coincidirá nesta segunda etapa coa Sarriana, na que dirixiu dous encontros na 20-21, con varios xogadores cos que xa contou na base do CD Lugo. Javi Liz e Valentín Mosqueira continuarán a defender a portaría. No ataque seguirá aportando o extremo Arona e na defensa o central Ruchi.
Renovacións no Somozas e baixas no Atlético Arteixo
Bruno Bellas, Alberto Rodríguez, Juan Cambón e Dani Sánchez renovan no Somozas. Os do Manuel Candocia seguen a liña de mesturar xuventude e experiencia para confeccionar o proxecto do vindeiro curso. No Arteixo causan baixa o capitán Antonio, Sito e Ramón, mentres que no Barbadás non continúa Javi García. No Viveiro seguirán unha tempada máis Juan, Diego e Lluc, ademais de facerse cos servicios do mediocentro Xoel, procede do Burela, e do dianteiro Carlos, que chega dende o Xove Lago.
O Arosa é un dos equipos con maior actividade ata a data. Manu Táboas, capitán do conxunto arlequinado, dá un paso ao lado por incompatibilidade laboral. Completan o capítulo de despedidas Sylla, Brais Vidal; con ambos o club non foi quen de chegar a un acordo, e Santi Gegunde. En canto a renovacións destacamos a de Pacheco, un dos líderes do vestiario nesta campaña. Javi Pereira, aportando velocidade e intensidade, Iñañi Martínez, que foi o segundo máximo realizador do equipo, e Martín Díz amplían tamén o seu vínculo por unha nova tempada. Dende o xuvenil dá o salto ao primeiro equipo Noel Chaves, con pasado na base do Celta.
Martín Lago, que se fixo co posto de lateral esquerdo dende a súa chegada no 2021, Sito Seoane, que chegou ca tempada pasada xa iniciada e aportou calidade entrando pouco a pouco no plan do adestrador, Dani Pájaro, que pode actuar en varias posicións e Berto, unha referencia no centro do campo, renovan no Betanzos. O conxunto do García Hermanos faise co gardameta Ramón, que chega procedente do Arteixo. Sen saír da provincia da Coruña temos que falar de novidades no Silva, no que continúan o dianteiro Rodri Alonso, o mediocentro Hugo Baldomar, o extremo Pablo Carro e o defensa Daniel Estramil. Mais Borja Rey, gardameta, vese na obriga de abandonar o club por mor de cambio de residencia. Pablo Trigo tampouco continúa no proxecto.
Corpo técnico de estrea para os 100 anos do Estradense
No Estradense hai novo corpo técnico para o ano do centenario. Estará conformado por Manuti como primeiro preparador e Javicho, unha auténtica lenda do club, como segundo adestrador tras colgar as botas. Moitos anos de ledicia no equipo da súa vida, co que disputou 323 partidos como xogador. Renovan piares fundamentais como Coke, Brais Calvo, Caraban, Juanín e Ander. Mais tamén aparecen as saídas nos casos de José Piñeiro, Bruno Caballero, Sylla, Sobrido, Dani Prada, Yosi e Raúl Paz. Terá unha segunda etapa na Estrada Brais Vidal, campión europeo coa selección galega. As dúas últimas campañas militou no Arosa, xogando outras tantas fases de ascenso.
O RC Villalbés contrata a Asier Burundarena, que chega dende un Ribadeo no que foi clave para lograr a permanencia na Preferente. Borja Míguez, procedente do Arosa, estará tamén no cadro de xogadores de Alberto López, aportando no ataque. A defensa é reforzada coa chegada de Edgar, procedente dunha Sarriana coa que xogou o play-off autonómico de ascenso a Segunda RFEF. Duque abandona o conxunto da Magdalena sen chegar a gozar de minutos por mor dunha grave lesión de xeonllo na pretempada. Dous malagueños e un coruñés din adeus a Vilalba; o dianteiro Izan Fernández, o gardamallas Arturo Ramírez e o defensa Fito tampouco seguirán no proxecto que se está a crear. Renovan os irmáns Javi e Jose Varela. Juan Rodríguez non será o segundo adestrador do primeiro equipo e inicia unha nova etapa como director de canteira. Na preparación física despídese Rodrigo Rivera e o seu posto é ocupado por Héctor Fernández, que chega dende a Sarriana.
Demasiadas despedidas no Alondras
Moitas despedidas por Cangas do Morrazo. Pablo García, Jesús Varela, Hugo Cerqueiro e Facu Moreyra abandonan o Alondras. O motivo é a imposibilidade de compaxinar o fútbol co traballo. Mauro Nores, capitán e lenda viva do club, di adeus polo mesmo motivo. A camisola do 10 quedará orfa tras tantos anos de maxia polos campos da Terceira. Tamén causan baixa o mediocentro Óscar Martínez, que residirá fóra de Galicia, e o máximo goleador do curso Manu García. As redes sociais do club anuncian que o gardameta Esteban asinará por un equipo de categoría superior. Deixa de ser xogador Félix Rial, que iniciará unha nova etapa profesional como adestrador.