# Hashtag

Víctor Vázquez, Cultural Areas: «Estamos a demostrar un gran nivel de xogo»

A loita polos postos da fase de ascenso na Preferente Sur están cada vez máis apertados porque hai dous equipos que nas últimas semanas opositan con forza ao Top 5. Un é o Juventud Cambados, que volveu gañar esta fin de semana ao Choco (1-0) e ocupa a quinta praza con 46 puntos, os mesmos que o Beluso. Pero a só dous puntos atópase o Cultural Areas, que suma un 2025 espectacular con só unha derrota perante o líder, o Barco.

O conxunto de Ponteareas goleou o pasado domingo ao Atlántida de Matamá (5-2) grazas a un gran actuación conxunta onde destacou Víctor Vázquez ‘Vitti’ con dous tantos. O dianteiro, un dos nosos ‘One to Watch’ en xaneiro, compatibiliza os partidos da Lomba co seu traballo como nutricionista no Celta Fortuna. Hoxe, o futbolista de 37 anos pasa pola nosa web para repasar o gran estado de forma do equipo, o derbi desta semana fronte ao Juvenil de Ponteareas, entre outros temas.

Futbolingalicia: A vitoria desta fin de semana fronte ao Atlántida de Matamá por 5-2 permítevos seguir preto da fase de ascenso. Como está o equipo neste tramo da liga?



Víctor Vázquez: «Creo que estamos no mellor momento da tempada. O inicio foi un pouco irregular e agora conseguimos unha xeira de xogo e de resultados que fai que todos os xogadores teñamos moita confianza individual e moita fe como grupo».

FIG: ⁠Nese partido anotaches dous goles e xa son seis en toda a campaña. Como te estás a atopar esta tempada?

VV: «Pois claramente estou a ir de menos a máis. Non fixen a pretemporada e se a iso sumamos os grandes xogadores que temos nas posicións de ataque, é certo que tardei máis do que me gustaría en achegarlle cousas ao equipo. Agora mesmo atópome ben e espero poder seguir axudando».



FIG: Nas últimas xornadas estás asentándote na titularidade. Cres que aínda podes ir a máis este ano?

VV: «Sempre se pode ir a máis, ese é o pensamento que calquera xogador ten que ter. Espero marcar o maior número de goles posibles e con esa intención saio a xogar todos os domingos».

FIG: En verán volviches ao Cultural Areas, onde probablemente mostraras a túa mellor versión na 19/20. Que che motivou a volver ao club?



VV: «Penseime bastante o non seguir xogando esta tempada, pero o Cultural Areas é un club ao que lle teño un agarimo especial porque a miña anterior etapa foi incrible, tanto para min como para os meus compañeiros. O único malo foi que se acabou antes de tempo polo coronavirus. Coñezo á presidenta, ao adestrador e a moitos dos xogadores que están aí, polo que a ilusión de poder xogar outra vez neste equipo fixo que tomar a decisión fose moi fácil».

FIG: O equipo está a un partido do quinto clasificado. Meterse na fase é o principal obxectivo do Cultural Areas?

VV: «Sen dúbida. Só pensamos en gañar cada partido para poder estar no máis alto. Temos a confianza e as ganas para poder facelo. Demostramos un gran nivel de xogo e oxalá podamos meternos neses postos que nos dean acceso a disputar o ascenso».

FIG: Na Copa Deputación estades en cuartos de final e volveredes a enfrontarvos co Atlántida de Matamá. Cal cres que serán as claves para levarse ese título?

VV: «Eu creo que a clave vai estar en que todos os xogadores que formamos parte do equipo podamos dar un nivel alto sempre que nos toque. Son partidos entre semana ou festivos e normalmente iso pódeche relaxar un pouco. Se somos capaces de estar ao 100%, e con esa motivación de querer gañar un posto en cada partido, poderemos chegar moi lonxe».



FIG: ⁠⁠Este domingo teredes o derbi de Ponteareas contra o Juvenil, equipo onde xogaches o curso pasado. Que esperas deste encontro?

VV: «É un partido moi especial e que se vive con moita ilusión en Ponteareas. O ano pasado estaba sen equipo, o corpo técnico do Xuvenil propúxome fichar alí e xoguei media tempada. Todos sabemos os problemas que houbo e iso xa quedou atrás. Só espero que gañemos e que demostremos que somos mellores».

FIG: Es un xogador xa veterano. Que cambios notas no fútbol no que debutaches como sénior e o de agora?

VV: «O fútbol en xeral cambiou moito en aspectos como a táctica, a preparación física.. Antes quizais era un fútbol mais de contacto, con moito xogador veterano e agora hai xogadores máis rápidos e máis novos querendo destacar para poder chegar máis arriba».

FIG: De todos os teus anos no fútbol galego, con cal quedarías e por que?

VV: «Está claro que a miña anterior etapa no Cultural Areas é a tempada soñada para calquera dianteiro. Sempre metín moitos goles pero ese ano todo o que podía saír ben, saía ben. A nivel colectivo e de rendemento, teño un recordo especial polo Arenteiro e o ascenso a Terceira División na 16/17. Xogar en Espiñedo, gozar do ambiente de fútbol que se vivía todos os domingos e conseguir o ascenso é algo do que sempre me vou a acordar». 

FIG: ⁠Ademais de xogar no Cultural Areas es nutricionista do Celta Fortuna. Que nos podes contar desa experiencia?

VV: «Para min, o poder traballar con xogadores de fútbol profesionais e poder axudalos nutricionalmente é todo un privilexio. Gozo moito de poder formar parte do corpo técnico da Celta Fortuna e da convivencia cos xogadores e demais traballadores do club. O poder traballar combinando as miñas dúas paixóns como son o fútbol e a nutrición é unha sorte».

Fotografía: Raúl Baquero

Víctor Vázquez, Cultural Areas: «Estamos a demostrar un gran nivel de xogo»

Os Diferenciais da Primeira Futgal nunha xornada

Víctor Vázquez, Cultural Areas: «Estamos a demostrar un gran nivel de xogo»

María Rial e Laura García, Xallas FC:

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *