# Hashtag

Tren con destino Copa Deputación de Pontevedra. Seguinte parada: Cuartos de final

As Copas Deputación seguen avanzando roldas e esta semana arrincaron os oitavos de final da edición de Pontevedra, que estaban fixados para a fin de semana de Entroido. Coa excepción de dúas eliminatorias, o Pontearnelas-Ribadumia e o Beluso-Lalín que se xogarán en abril, os outros seis encontros disputáronse entre o martes e o xoves, dando lugar a partidos moi entretidos e de moito nivel.

A eliminatoria máis igualada tivo lugar en As Corticeiras, fogar do Caldas, entre dous rivais de Primeira Galicia. O conxunto local adiantouse na primeira parte grazas a un tanto de José Pérez, que xa abriu a lata na eliminatoria anterior fronte ao Deiro, pero o Campo Lameiro logrou darlle a volta á tortilla cos goles de Adrián Porto e Abel García no minuto 80 e 83, respectivamente. Cando a eliminatoria parecía decidida, Jose Antonio igualou o choque no desconto e o Caldas clasificouse na quenda de penaltis co propio Jose Antonio anotando o último lanzamento.

O rival do equipo dirixido por Borja González será o Juventud Cambados, que eliminou ao Céltiga en Burgáns. O encontro enfrontaba a dous dos principais candidatos ao título e o cadro local acabouse levando o gato á auga cun gol de penalti de Paco Reigosa minutos antes do descanso. Manu Táboas detivera o lanzamento pero o árbitro mandou repetir a pena máxima e o equipo da Illa de Arousa despediuse da competición.



Outro lado do cadro

Outro dos grandes partidos dos oitavos de final deuse no lado do cadro da delegación de Vigo. Nel enfrontáronse o Cultural Areas e o Porriño Industrial, impoñéndose o conxunto local no tramo final do choque. Marcos Alonso adiantou ao seu equipo no minuto 52, pero, dous minutos despois, Alberto Lago puxo as táboas no marcador cun auténtico golazo á saída dun córner. Un dos nosos One to Watch, Víctor Vázquez, acabou decidindo o partido da Lomba para o Cultural Areas no minuto 84.

O rival do equipo de Ponteareas saíu do enfrontamento entre outros dous equipos de Preferente no que saltou a sorpresa. A Atlántida de Matamá deu o pelotazo no Carballo ao impoñerse ao Atios, actual líder da categoría, por 0-2 grazas aos goles de Enrique Martínez e de Hugo Soto. O triunfo do cadro vigués, fronte un Atios que xogou media hora con dez pola expulsión de Edu Otero, parece dar confianza ao club, posto que a fin de semana venceu ao Umia por 0-3 e achégase á permanencia.

A cuarta eliminatoria medirá a outros dous conxuntos de Preferente. O Juvenil de Ponteareas clasificouse ao eliminar con solvencia ao Santa Mariña cun triunfo por 1-4 en Cotogrande. Adri García, Mohamed por partida dobre e Quique García anotaron os goles visitantes, mentres que Christian Da Rosa maquillou o resultado para o equipo local.



Con algo máis de sufrimento e fronte a un rival de Terceira Galicia, o Louro Tameiga, o Choco tamén fixo os deberes e clasificouse aos cuartos de final ao vencer en Cototorrón por 2-3. O equipo local adiantouse cunha diana de Izan Ocampo, pero a entidade de Redondela deulle a volta ao choque con tantos de Bautista e de Óscar Pardavila. Fernando Vázquez volveu meter no partido ao Louro, pero o gol de Marcos Torres, a falta de dez minutos para o asubío final, acabou dándolle o pase ao equipo que dirixe Félix Rial.

Tren con destino Copa Deputación de Pontevedra. Seguinte parada: Cuartos de final

Os Diferenciais da Primeira Futgal nunha xornada

Tren con destino Copa Deputación de Pontevedra. Seguinte parada: Cuartos de final

Tren con destino Copa Deputación de Pontevedra.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *