Velaquí os apuntes da xornada na Terceira, categoría que está a entrar no tramo decisivo da tempada, no que calquera resultado pode determinar o futuro dun equipo. A UD Ourense e o Villalbés seguen a ser os claros destacados na loita polo ascenso directo, e máis se cabe tralo empate da Sarriana o sábado ante o Silva.
A UD Ourense continúa líder unha xornada máis tras vencer con claridade a domicilio ao Valladares (0-4). Un hat-trick de Cellerino e outro tanto de Osian Manuel sitúan aos de Borja Fernández con 53 puntos. Dous menos ten o Villalbés (51 ptos), que saliu vitorioso do encontro disputado no Manuel Candocia ante o Somozas (1-3). Cañizares, de penalti, Anthony e de novo Cañizares anotaron polos visitantes. Juan Cambón anotou o gol da honra para o Somozas no tempo de prolongación.
Empate da Sarriana e Arosa, o Alondras a un punto do play-off
O Silva rompeu a xeira de catro vitorias consecutivas da Sarriana (1-1). Miguel Fiuza marcou polos locales e empatou Boedo para os da Ribela pasada a hora de xogo. A Sarriana queda desta maneira con 48 puntos, a tres do Villalbés e a cinco da UD Ourense.
O Estradense continúa na cuarta posición tras gañar na casa ao Viveiro (2-0), tendo como goleadores da tarde de domingo a Porrúa e Raúl Gómez. Por outra banda, o empate do Arosa ante o Arteixo (3-3) foi aproveitado polo Alondras, que venceu por 1-2 ao Barbadás, para situarse a un só punto do play-off. Os do Morrazo atópanse nunha boa dinámica de resultados, con 13 puntos dos últimos 15 en xogo, e recurtaron a distancia que os separaba dos postos nobres nas últimas fin de semanas.
Festival de goles en Barraña e Barreiro, suspensión do Villalonga – Betanzos
O Boiro colle tres puntos de vantaxe co descenso tras asestar un duro golpe ao Polvorín (5-0). O protagonista do partido foi Pedrosa, autor de tres tantos. Sylla e Mario Prol tamén foros partícipes da goleada. Mais a Barraña non foi o único campo no que se viron tantos goles. En Barreiro os espectadores gozaron dun gran encontro entre Gran Peña e Noia que se saldou cun resultado de empate a tres (3-3). Amin Mustapha, Julius e Iván Capelo anotaron polos locais, levando o 3-0 ao marcados preto da hora de xogo. Un dobrete de Marcos (77´e 84´) e outro de Izan na prolongación propiciaron o empate nun gran último cuarto de hora do Noia. O Villalonga e o Betanzos non puideron disputar o seu partido por mor da alerta meteorolóxica no Concello de Sanxenxo.
A loita pola permanencia segue aglutinando a varios equipos
Do undécimo, o Valladares (26 puntos), ao décimo sétimo, o Arteixo (22), unicamente hai unha separación de catro puntos. Os outros equipos inmersos na pelexa pola salvación e por evitar o descenso a Preferente Futgal son Boiro e Somozas (ambos con 25), Viveiro (24), Villalonga (23) e Barbadás (22).

Foto de portada: Instagram UD Ourense