O Sárdoma está vivindo unha gran tempada na Terceira Federación. Asentándose firmemente na terceira posición, empatado a puntos co Dépor B en plena loita polo segundo posto, que dá o acceso directo ao ascenso. A disputa por manterse na zona alta da táboa e máis intensa a cada partido, xa que un terceiro posto significaría xogarse un playoff a ansiada volta a Segunda Federación.
Baixo a veteranía de xogadoras como Judit Gallardo ou con Andrea Albiol e Lucías Costas como máximas anotadoras da categoría, o Sárdoma non só compite, senón que aspira a máis. Hoxe, falamos con Estela Castro, unha das capitás, sobre as aspiracións que ten o equipo vigués no campionato e sobre a polémica sucedida tras a resolución da subvención outorgada polo Concello de Vigo.
Un nivel de forma inmellorable
O Sárdoma estase convertendo nun dos rivais a bater no grupo 1 da Terceira Federación. O seu bo rendemento respáldase, en gran porcentaxe, pola súa destacada capacidade goleadora. Así nolo contaba a súa capitá, «estamos facendo unha primeira volta moi boa e agardamos rematala nos postos de ascenso».
Estela remarca a ambición grupal como unha das chaves para lograr manterse no máis alto: «O equipo está traballando moi ben e temos moita motivación por estar aí arriba e acadar o ascenso. Dende o principio, o club transmitiunos un obxectivo claro, creando un equipo sólido e ambicioso».
O Sárdoma, un equipo goleador con nomes propios
Con Andrea e Lucía liderando a táboa de máximas goleadoras, o Sárdoma convértese no equipo máis goleador da categoría. Pero o éxito ofensivo do club vigués non é só polo estado de gracia destas xogadoras: «Actualmente, contamos con 4 xogadoras no top 10 de goleadoras (Albiol, Luchi, Judit e Estefi). Isto mostra o bo rendemento grupal onde todas somos importantes», destaca Estela.
Algunhas das súas xogadoras, como é o caso de Judit Gallardo, xa coñecen o que é ascender a Segunda Federación. A dianteira acadaba o ascenso co anteriormente coñecido Viajes Interrías no 2022, polo que a súa experiencia é fundamental para manter o foco no obxectivo.
Media tempada por diante
Na pasada xornada volvían a sumar un +3 tras gañar ao Lóstrego en Chaín por 4 goles a 0. Isto colócaas como segundas de grupo pero empatadas a 31 puntos co filial deportivista. Ambos equipos galegos seguen a estela do Olímpico de León que se atopa a só dous puntos de diferenza.
O próximo enfrontamento das xogadoras de Toni Martínez é contra o Friol. «Sabemos que é un equipo que nos vai poñer as cousas difíciles, pero afrontámolo con moitas ganas para seguir demostrando que queremos estar arriba», engade Estela.
Unha polémica no medio dunha gran tempada
Ao reto que supón colarse nos postos de ascenso a Segunda Federación, o Sárdoma atopou un novo desafío pero esta vez fóra do campo. A redución da subvención municipal do Concello de Vigo coloca ao club nunha situación delicada. Isto agrávase ao coñecer que o equipo masculino que se atopa paralelamente nunha categoría de igual nivel levou unha contía maior por considerarse equipo de elite. «É unha noticia dura para o club, comunicóusenos dende o principio e estase loitando e traballando para combater esta desigualdade», explicounos a capi.
Para paliar esta situación, o club vén de lanzar unha campaña de recadación de fondos para contribuír a solventar o problema. Este crowdfunding estará activo até o 5 de xaneiro para todas as persoas que queiran colaborar facendo unha doazón á conta bancaria do club.
Malia este inesperado revés, o equipo mantense unido: «Nun equipo hai que ir todas a unha, traballando en equipo e dando o máximo cada día. Hai moi bo grupo e iso axuda a que todo sexa máis fácil», afirmounos Estela.
Balance do ano para os equipos da Terceira RFEF - FutbolinGalicia
02nd Ene 2025[…] Estela Castro, Sárdoma CF: «Temos motivación por estar […]