# Hashtag

Tonio Otero, Pontevedra B: «Somos o filial do Pontevedra CF e sabemos que imos ter máis repercusión que os demais»

O Pontevedra B viviu un verán de revolución no equipo despois do descenso a Preferente desde Terceira RFEF. Sergio Moreira volveu á disciplina granate para levar o temón do equipo, relevando a Jesús Ramos, e tan só dous xogadores continúan no conxunto, o porteiro Pedro Ares e Tonio Otero. O dianteiro da Illa de Arousa cumprirá a súa cuarta tempada na Boa Vila e será o capitán do filial nesta nova campaña.

Tonio Otero atende hoxe a Futbolingalicia para analizar este comezo de tempada, o que supón para el ser o capitán da escuadra, os obxectivos grupais e individuais para este curso, as posibilidades de participar co primeiro equipo ou a súa relación con Yago Iglesias, que o fixo debutar co Compostela en Segunda B.

Futbolingalicia: Comezastes a liga cun empate sen goles ante o Atios. Que valoración fas do partido?



Tonio Otero: Foi un bo partido de todo o equipo. O noso obxectivo principal é competir ben porque por ritmo e calidade somos mellores que a maioría de equipos, como se puido ver esta fin de semana. Tivemos a mala sorte da expulsión e dunha ocasión moi clara no desconto que non tivemos a fortuna de materializar, pero estou contento co equipo porque este é o camiño a seguir e creo que gozaremos moito deste ano.

FIG: Enfrontádesvos este domingo a un dos favoritos, o Choco. Que esperas do encontro?

TO: Espero un partido difícil pola hora e pola calor que vai facer, pero sabemos que fisicamente somos superiores a todos os equipos e que temos que saber xogar co factor de que a partir do minuto 60-70 o resto de equipos baixan moito a súa intensidade. Somos dous equipos que nos gusta moito propoñer e levar o peso do partido, polo que teño a sensación de que o equipo que menos erros cometa, levará o partido.



FIG: Cumpres a túa cuarta tempada como granate e falo como capitán do filial. Que supón isto para ti?

TO: Ser capitán do Pontevedra CF é para min unha honra, xa que sinto moito o club despois destes anos. Poder coller o relevo de anteriores capitáns e amigos meus como Pacheco, Garrido e Pablo Arnosi faime moi feliz. Sempre bromean con que agora sexa eu o capitán, pero estou con moitas ganas e moi feliz de poder dar ese exemplo que me ensinaron de todo o que significa ser capitán deste equipo.

FIG: O cadro de persoal cambiou moito respecto ao ano pasado xa que só segues ti e o porteiro Pedro Ares. Como ves ao equipo para esta tempada e que obxectivos vos marcades?



TO: Somos un equipo moi novo, pero, ao final, hai uns meses eramos de Terceira RFEF e iso tennos que dar un valor extra para que se nos tome moi en serio. Iso é o que queremos demostrar en cada partido. Somos o filial do Pontevedra CF e sabemos que sempre imos ter máis repercusión e que se falará máis de nós que do resto de equipos de Preferente. Estamos a converternos nun grupo moi unido ao que lle gusta levar esa presión e demostrar cousas no campo. Non nos marcamos obxectivos concretos por agora, pero a nosa idea é gañar o máximo de partidos posible e, a partir de aí, ver ata onde nos dá.

FIG: O ano pasado o equipo non puido manter a categoría pero a nivel individual foi a túa mellor campaña no Pontevedra CF e anotaches cinco goles en Terceira RFEF. Como valoras o curso?

TO: Foi unha tempada un tanto complicada na que creo que fomos un equipo ao que non se lle deu o valor que merecía. Faciamos as cousas moi ben en case todos partidos e sempre adoitabamos ser mellores que o rival, pero nestas ligas o que importa son as áreas e a mocidade que tiñamos creo que nos prexudicou bastante. Creo que hai que darlle a importancia que ten a que o filial estivese en Terceira RFEF, a un paso do primeiro equipo. Ao final iso é unha das razóns pola que estás nun filial, para algún día dar o salto. A nivel individual si que é certo que foi unha boa tempada na que gocei de moitísimos minutos e fixen as cousas bastante ben. Sentíame moi ben fisicamente e tiven moita confianza.

FIG: Tiveches ofertas no verán pero decidiches permanecer no club. Que motivos provocaron a túa continuidade?

TO: Tiven distintas ofertas pero sentía que o meu ciclo no Pontevedra CF aínda non acabara. Aínda son sub23 e fáltanme obxectivos por cumprir neste club.



FIG: Supoño que unha das túas metas é poder debutar co primeiro equipo en Segunda RFEF.

TO: Si claro. Ao final estás nun filial para poder dar o salto nalgún momento e é un obxectivo persoal moi importante para esta tempada.

FIG: Ademais Yago Iglesias, técnico do primeiro equipo, xa che fixo debutar en Segunda B co Compostela na tempada 20/21. Que nos podes dicir sobre o adestrador de RIbeira?

TO: Yago é un gran adestrador que me coñece á perfección e sabe o que son capaz de dar e demostrar. Confiou en min para estar en dinámica e facerme debutar en Segunda B, aínda sendo xuvenil. Sempre lle estarei agradecido e espero que esta tempada poida repetirse a oportunidade.

FIG: Que retos persoais ten Tonio Otero para esta campaña?

TO: O meu reto persoal é ser moito mellor que a tempada pasada e poder marcar moitos goles e gozar moito da tempada. Quero axudar ao equipo a facer cousas bonitas, xa que creo que temos moito potencial. Por mor de facer as cousas ben no filial, gustaríame poder subir e crecer no primeiro equipo.

Fotografía: @borefeese

Tonio Otero, Pontevedra B: «Somos o filial do Pontevedra CF e sabemos que imos ter máis repercusión que os demais»

As 90 edicións da Copa Vigo, o

Tonio Otero, Pontevedra B: «Somos o filial do Pontevedra CF e sabemos que imos ter máis repercusión que os demais»

Soutomaior e Arcade, dous rivais separados por

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *