# Hashtag

Sempre nos quedarán os Diferenciais (P. II)

Nestes días de chuvia e vento houbo quen quedou na casa a ver unha serie ou unha película no canto de ir aos campos de fútbol. Non os culpamos, vai un tempo de cans, pero perderon a oportunidade de gozar dunha xornada espectacular na Primeira Futgal. Porque nunha categoría tan esixente como esta, o guion dos partidos pode volverse tolo nun abrir e pechar de ollos. Especialmente, cando os xogadores máis Diferenciais se erixen como os seus grandes protagonistas!

A polos obxectivos!

Para os equipos do grupo 4, o primordial é cumprir cos obxectivos e logo xa se verá como van as cousas…

Rozavales desfrutou a fin de semana co triunfo do seu Monterrei ante La Purísima (3-0). Malia o resultado, o partido estivo ben igualado nos primeiros compases de xogo, sen un claro dominador. Todo mudou tras o tempo de lecer, cando Zack entrou en ebulición. O ariete luso foi un auténtico pesadelo para a defensa verde, asinando un espectacular hat trick en apenas vinte minutos. Sen tempo para a reacción, os homes de David Valcárcel tiveron que aguantar a treboada como puideron.



Para exhibición a vivida na Moreira, onde Muíños e Atlético Vilariño desafiaron a lóxica do deporte rei ao empatar a 5. Decidido a levarse os tres puntos, o cadro da Baixa Limia saíu enchufadísimo e en cinco minutos xa convertera dúas ocasións. O seu rival non quedou de brazos cruzados e contraatacou transformando o encontro nun ida e volta constate. Foi entón cando apareceu en escena Juan Mayo. Como se dun súper heroe se tratase, o atacante ourensán anotou un dobrete para rescatar aos seus e permitirlles sumar un punto moi importante nas súas aspiracións.

Tras o ronsel do Córgomo aparece un Sporting Celanova que vén de derrotar ao Lamela por un gol a catro. Iso si, non lles foi nada doado. Mauro Mociño abriu a lata para os branquiazuis, cuxa ledicia non puido ser máis efémera. Nun abrir e pecha de ollos, o conxunto dezán devolveu o golpe, marchando á caseta cun relucente empate no luminoso. Pero á volta Mociño volveu facer das súas e recuperou a iniciativa para os seus. O tanto deixou ao Lamela tocado e fundido e así foi como chegaron o resto de anotacións do Sporting.

Meter a cabeza

Se o Coliseo romano atópase un símil futbolístico, este sería o grupo 5, onde hai ata oito equipos nunha distancia de seis puntos.



Custou, pero o Arcade rematou coa súa mala xeira ao superar por 0 a 1 ao Amanecer. Logo dun comezo sen claras oportunidades de gol, Javi Cou desfixo a igualdade antes de chegar ao entretempo. Unha vez por diante, o cadro ostreiro soubo controlar o ritmo de xogo e deixou no dique seco aos do Grove, incapaces de achegarse á súa porta. O Arcade suma así tres puntos moi importantes para voltar á cabeza da clasificación, ocupando agora mesmo a terceira praza.

No anexo da Fieiteira caeron precipitacións en forma de tantos, pois o Cidade de Ribeira esnaquizou por completo ao Sport Team Estrada (8-2). Os do Barbanza non cederon en ningún momento e fixéronse co dominio do choque desde os primeiros minutos. Marcharon á caseta cun 3-0 e, nada máis volver ao terreo de xogo, ampliaron a súa renda de novo. Ángel Pena non quixo que baixaran as súas prestacións e deu entrada a Molinos. O extremo ribeirán non decepcionou ao seu míster e encargouse de selar o +3 cun fantástico dobrete.

Tamén houbo festa no Atlético Cuntis – Abanqueiro, resolto en favor dos de amarelo e negro por cinco goles a un. Aos vinte minutos xa mandaban no luminoso e, non contentos con iso, aumentaron a diferenza por mediación de Jason. Vaia partido do killer da Ran! Ademais de poñer o 2 a 0, volveu ver porta no reinicio acabando con toda esperanza rival. Ben sexa como titular ou ben como suplente, Jason sempre atopa a maneira na que perforar a portería rival.



Fóra da casa non fai tanto frío

Sempre é difícil gañar fóra do teu feudo, mais aos participantes do grupo 6 non lles debe parecer unha tarefa tan complicada…

Por exemplo, o Racing Castrelos impúxose ao Mosende nun encontro onde nada estaba decidido ata o asubío final (2-3). Aínda que o inicio foi bastante parello, os olívicos foron aproximándose pouco a pouco á meta rival. Ata conseguir o premio. O primeiro golpe chegou á media hora e o segundo fíxoo a piques de rematar a primeira metade, nun remate executado por Toni. En cuestión de segundos, o combinado dirixido por Juan Pérez reduciu a fenda, ameazando a vitoria dos albivermellos. Pero Toni, de novo, aplacou a revolta porriñesa co seu segundo tanto da tarde.



Ao Mos tamén lle foi ben lonxe da casa, xa que derrotou ao Erizana por cero goles a tres. Boa parte de culpa tivo Xián, quen tardou oito minutos en encarrilar as cousas a prol dos amarelos. Máis tarde, o atacante engadiu outra anotación á súa conta particular logo de converter un lanzamento desde os once metros. Leva xa sete dianas na súa segunda tempada como senior e vai no camiño de alcanzar as quince do curso pasado. Nas Baloutas non poden estar máis ledos co rendemento da súa referencia en ataque!

Os xogadores do Mos celebran un tanto anotado o domingo ante o Erizana. FOTO: UD MOS

Rápido de Bouzas e Caselas repartiron os puntos ao empatar a 2 nun enfrontamento apaixonante. Os vigueses foron máis madrugadores que os salcedáns e lograron ser os primeiros en furar a rede contraria. Con todo, o guion mudou nun visto e nun visto, e todo por culpa de Telmo. Aos seus trinta e cinco anos, o mediocampista é un fixo na medular celeste e aínda deixa mostras da súa calidade. Bastouse el só para reverter a situación e poñer por riba aos seus cunha. Os minutos foron pasando e xusto cando Caselas acariñaba o +3, o decano do fútbol olívico estragoulles a festa cun tanto sobre a bucina.  

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Sempre nos quedarán os Diferenciais (P. II)

Sempre nos quedarán os Diferenciais

Sempre nos quedarán os Diferenciais (P. II)

Sempre nos quedarán os Diferenciais (P. II)