Nestes días de chuvia e vento houbo quen quedou na casa a ver unha serie ou unha película no canto de ir aos campos de fútbol. Non os culpamos, vai un tempo de cans, pero perderon a oportunidade de gozar dunha xornada espectacular na Primeira Futgal. Porque nunha categoría tan esixente como esta, o guion dos partidos pode volverse tolo nun abrir e pechar de ollos. Especialmente, cando os xogadores máis Diferenciais se erixen como os seus grandes protagonistas!
Alguén voou sobre a zona media
Mentres o Victoria e o Cedeira marchan polo liderado, un bo número de equipos ocupan a zona media da clasificación no grupo 1.
Aí é onde se atopa O Val, logo de lle gañar ao Numancia de Ares por catro goles a cero. Aos naroneses non lles custou meterse no encontro e puideron tomar vantaxe nunha pena máxima que transformaron aos oito minutos. O tanto durmiu o partido ata ben entrada a segunda parte, cando Hugo Guizán ampliou a renda para o conxunto da franxa vermella. Pouco despois chegou o terceiro da tarde e, xa no final, o propio Guizán viu porta de novo para rematar calquera tipo de esperanza do Numancia.

Cultural Maniños e Imperator non pasaron do empate a 2 e conformáronse con repartir os puntos no Pote. Pese a comezar por baixo no electrónico, os homes de Adri Martínez non baixaron os brazos e conseguiron o tanto da igualada desde os once metros. Cociña enviou o balón ao fondo da rede vermella, demostrando a súa habilidade nos lanzamentos a balón parado. Cando o cadro herculino recuperou a iniciativa, o atacante ferrolán volveu á carga para salvar aos seus e asegurar un importante punto na loita pola salvación.
Tamén houbo táboas no Sporting Coruñés – Olímpico (1-1). Os branquiazuis saíron en tromba e tomaron a inicitiva por mediación de Mike, quen se reencontrou xo gol tras varios meses no dique seco. Grazas ao seu gol, os coruñeses puideron marchar á caseta por diante, ledos por ver como a súa mala xeira podía acabar se aguantaban o resultado nos seguintes corenta e cinco minutos. Nada máis lonxe da realidade. Antes de chegar á hora, os de Rutis devolveron o golpe e deixaron ao Sporting coa mel nos beizos.
Cadaquén vai ao seu
Hai grupos igualados, pero poucos como o 2, onde facerse cunha praza para os play off ou evitar o descenso equivale a pelexar ata ao final.

Sen ir máis lonxe, hai un novo cambio no liderado. O Praíña fixo os deberes ante o Bastavales (4-1) e aproveitou o tropezo do Queixas para acadar o primeiro posto. Iso si, non lles foi nada doado, pois deberon remontar o tanto inicial do combinado de Brión. Un gol en propia meta permitiulles empatar o duelo e, mediado o primeiro tempo, Brais Calvo deulle finalmente a volta á tortila. Trátase do sexto gol para o mediocampista do Milladoiro, peza clave nun dos aspitantes a conseguir o título ligueiro.
Pouco a pouco, o Club do Mar comeza a rexurdir. Esta fin de semana impuxéronse ao Xallas por cinco goles a dous nun encontro onde os de Caión comezaron con bo pé. Asinaron tres anotacións en apenas media hora e, xusto antes de chegar ao descanso, lograron a cuarta, obra de Totó. O killer arteixán está a realizar un gran inicio de campaña e leva xa cinco dianas no seu haber. Grazas ás súas contribucións, o Club do Mar sacou un novo triunfo, o terceiro neste mes de novembro.
Pero para goleada a vivida en Rebordelo, onde o Calo lle endosou un claro e contundente 5 a 1 ao Queixas. Así e todo, os visitantes foron os primeiros en ver porta aos vinte e cinco minutos. O gol fixo reaccionar aos de Teo e, en tan só un minuto, o 0-1 converteuse nun 2-1. Boa parte de culpa tivo Brais Burés, autor dun segundo tanto moi celebrado na parroquia azul e branca. Os visitantes quedaron cun home menos antes de pasar pola caseta e seu contricante aproveitou a situación de superioridade para certificar a vitoria.

Unha misión posible
Para algúns, poñerse obxectivos é presionar ao equipo. Pero sen unha misión non se pode vivir e menos no grupo 3.
Respira o Foz logo de bater por dous goles a un ao Chantada Atlético. Animados pola bancada do Martínez Otero, os albivermellos saíron co coitelo entre os dentes e adiantáronse nunha boa acción culminada por Asier. O extremo focense non debeu quedar satisfeito e sumou outro tanto á súa conta particular, asinando un dobrete. Presidente e xogador, Asier é a alma e a referencia ofensiva da escuadra dirixida por Pelayo Barrero. Minutos máis tarde, os chantadeses reduciron a fenda pero non lles foi suficiente para levar algún premio da Mariña.
Quen si o levou foi o Oural. Os cementeiros derrotaron por 2 a 4 ao Folgueiro afastándose da queima do descenso. Aínda non rematara de asubiar o colexiado e o equipo do Vicedo xa conseguira tomar vantaxe no luminoso. Unha alegría efémera, pois a contenda foi igualada inmediatamente por Murúa. Os sarriaos deron entón coa tecla axeitada e voltearon a situación antes de que rematase a primeira parte. Xa na segunda, o propio Murúa encargouse de sentenciar as cousas cunha nova diana.
Doce xornadas despois, o Becerreá certificou o seu primeiro +3 a costa do Guntín (3-2). Para logralo, deberon anular o 0-1 inicial que os xogadores de Germán Campos colleitaron nos primeiros intres do enfrontamento. Riomao foi quen puxo a primeira pedra, conseguindo o empate nada máis comezar a segunda manga. Isto deulles confianza aos dos Ancares e estes comezaron a chegar con máis frecuencia á porta contraria. Froito desas aproximacións, chegaron os tantos do tan ansiado triunfo.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.





















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































