# Hashtag
#Fútbol Feminino #Segunda Galicia Feminina

Os recén ascendidos marcan o ritmo na Segunda Galicia feminina

A Segunda Galicia feminina chega ao ecuador da primeira fase con catro equipos recentemente ascendidos que están a deixar moi boas sensacións. Narón, Chantada, Soneira e Teis lideran os seus respectivos grupos e confirman o bo momento co que chegaron á categoría. Narón, Soneira e Teis proclamáranse campións da Terceira Galicia a pasada tempada, mentres que o Chantada logrou o ascenso tras rematar no segundo posto. Os catro están agora á fronte das súas clasificacións e aspiran a manter esa posición para conseguir ascender.

O Narón lidera o grupo 1

No primeiro grupo, o Narón encabeza a clasificación con 25 puntos e unha vantaxe de seis sobre o segundo clasificado. As naronesas suman oito vitorias e un empate nas nove xornadas disputadas, polo que continúan invictas.

O Cariño ocupa a segunda posición, despois de perder dous encontros e empatar outro. O terceiro posto é para o Racing de Ferrol, que se sitúa nesa posición pola diferenza de goles, xa que o Brexo Lema e o Perlío tamén suman 18 puntos.



A igualdade entre estes equipos promete unha loita axustada polas tres primeiras posicións, que dan acceso ao grupo que loitará polo ascenso. Un gol pode acabar sendo determinante para decidir quen pelexa por subir de categoría e quen ten que conformarse con disputar outra fase.

Na zona intermedia aparecen o Val B e a Unión Campestre, mentres que na parte baixa están o Orillamar e o Eirís, aínda con opcións de achegarse aos postos superiores. Por outra banda, o Sporting Burgo pecha a clasificación cun só punto en nove xornadas.

O Chantada manda no grupo 2

O equipo chantadino lidera o segundo grupo con 22 puntos, despois de empatar un dos oito encontros disputados. As lucenses teñen catro puntos de vantaxe sobre o Curtis, segundo clasificado con 18, mentres que o Friol B ocupa a terceira posición con 16 puntos.



O Friol B é outro dos equipos que aspiran a dar o salto de categoría, nunha zona alta na que os tres primeiros teñen nas súas mans a posibilidade de acceder á fase de ascenso.

O Chantada no último partido. Foto: SD Chantada

A loita pola permanencia tamén presenta diferenzas importantes. O Victoria FC C e o Auriense suman 13 puntos, mentres que o Cruces ten sete e o Bandeira, seis. Na parte máis delicada aparecen o San Lázaro, tamén con seis puntos, e o Crendes, que só conseguiu sumar un nesta primeira fase.

O Soneira encabeza o grupo 3

No terceiro grupo, o Soneira, de Vimianzo, ocupa o primeiro posto con 21 puntos. As vimiancesas só cederon puntos na primeira xornada, na que caeron ante o Outes, e desde entón conseguiron situarse na cabeza da clasificación.



O Sonnoia Portus Apostoli é segundo con 19 puntos, mentres que o Cee ocupa a terceira posición con 15, despois de superar o Atlético Cercedense na última xornada. O conxunto cercedense queda así no cuarto posto, fóra dos lugares que dan acceso ao ascenso.

Na zona intermedia están o Corme e o Nicrariense, ambos con oito puntos. O Dumbría, que cerra a zona de permanencia segura, e o Outes suman sete, mentres que o Taragoña pecha a clasificación con catro puntos.



Con varios equipos separados por pouca diferenza, a segunda metade da primeira fase será importante para definir quen mantén opcións de pelexar polo ascenso e quen deberá centrarse en afastarse dos postos máis perigosos.

O Soneira nun partido desta tempada. Foto: Soneira SD

O Teis, líder do grupo 4

O Teis está á fronte do cuarto grupo con 19 puntos, tras empatar e perder un dos oito encontros disputados. Por detrás sitúanse o Chispa e o Juventud Cambados, ambos con 16 puntos, polo que a loita polas tres primeiras posicións continúa aberta.

Na zona intermedia, o Sporting Club San Mateo e o Valladares B teñen 13 puntos cada un, mentres que o Caldas suma nove. O Cañiza aparece con seis puntos, seguido da Unión Guardesa, con catro, e do Louro Tameiga, que ten tres puntos na clasificación.

A parte baixa queda, polo tanto, moi apertada, e os próximos resultados serán fundamentais para os equipos que buscan evitar a fase de permanencia.

O Teis nun partido desta temporada. Foto: CD Teis

Así quedaría a segunda fase se a clasificación non cambiase

O regulamento establece tres grupos para a segunda fase. Os tres primeiros clasificados de cada grupo accederán ao Título-Ascenso, no que estarán en xogo o campionato absoluto e catro prazas de ascenso á Primeira División Feminina. Os equipos que rematen entre o cuarto e o sétimo posto pasarán ao Título Prata, mentres que os que ocupen os postos oitavo, noveno e décimo, se os houbese, disputarán o grupo de Permanencia, no que os tres últimos clasificados de cada grupo, é dicir seis, terían que descender á Terceira.

Estes grupos estarán compostos a súa vez por dous subgrupos os do grupo A xuntaranse aos do B, e o C co D, o que da por entender que se corresponden respectivamente cos grupos 1, 2, 3 e 4 pero non sabe se haberá algunha outra reorganización, e dicir que se reagrupen de novo os equipos.

Se a primeira fase rematase coas clasificacións actuais, os equipos que accederían ao Título-Ascenso serían o Narón, o Cariño e o Racing de Ferrol no grupo 1; o Chantada, o Curtis e o Friol B no grupo 2; o Soneira, o Sonnoia e o Cee no grupo 3; e o Teis, o Chispa e o Juventud Cambados no grupo 4.

No Título Prata estarían, polo momento, o Brexo Lema, o Perlío, o Val B e a Unión Campestre; o Victoria FC C, o Auriense, o Cruces e o Bandeira; o Atlético Cercedense, o Corme, o Nicrariense e o Dumbría; e o Sporting Club San Mateo, o Valladares B, o Caldas e o Cañiza.

Pola súa banda, os equipos que pasarían á fase para loitar pola permanencia serían o Orillamar, o Eirís e o Sporting Burgo; o San Lázaro e o Crendes; o Outes e o Taragoña; e a Unión Guardesa e o Louro Tameiga.

Os recén ascendidos marcan o ritmo na Segunda Galicia feminina

Os Vintage: SD Oural 2023/2024

Os recén ascendidos marcan o ritmo na Segunda Galicia feminina

Os recén ascendidos marcan o ritmo na