# Hashtag

Os Diferenciais teñen o mando

Non é o exército, pero nos equipos de fútbol tamén é necesario tirar de cando en vez dos xenerais. Deses xogadores capaces de liderar unha ofensiva ou unha zaga e contaxiar do seu espírito loitador ao resto de compañeiros. Cando o terreo de xogo se converte nun campo de batalla están aí, ao pé, contribuíndo á vitoria como un máis. Por iso se lles dá o mando e se lles deixa total liberdade para manexar o ritmo dos partidos. Por iso son os Diferenciais da Primeira Futgal…

Non pasar apuros

As notas danse en maio, pero o esforzo débese facer antes se un quere salvarse nun grupo tan complexo como o 4.

Por exemplo, A Peroxa fixo os deberes desta semana ao superar ao Maside por un axustado 2 a 1. Unha tarefa nada doada, debido en parte ao tanto inicial anotado polos homes de Mindo Surribas. Co paso dos minutos, o cadro do Marco mellorou as súas prestacións e apoiouse no labor de Rubén Alcantarilla para voltear o electrónico. O atacante ourensán está a realizar un gran inicio de campaña, especialmente na parcela goleadora. Sen ir máis lonxe, asinou unha dupla de anotacións para darlle os tres punntos á Peroxa.



Uns postos máis arriba atópase o Monterrei, logo de terlle gañado ao Polígono San Cibrao por dous goles a catro. Decididos a facerse co triunfo, os vermellos saíron en tromba e conseguiron tomar a inicativa aos dez minutos. O seu dominio medrou cos minutos e fíxoo aínda máis cando Zack aumentou a súa renda, xusto antes de chegar ao descanso. A partir de entón, o Monterrei fíxose co dominio do encontro, endosándolle un póker ao combinado industrial, cuxa reacción foi tardía.

Ao igual que eles, o Maceda rachou tamén coa súa mala xeira. Sorrín no Cardenal Quiroga e non é para menos, pois o seu conxunto derrotou a domicilio a La Purísima (0-3). Martín Novoa foi o encargado de abrir a lata, facendo o primeiro da tarde á media hora. Trátase da quinta diana para o ourensán, home gol dos seus neste primeiro terzo do curso futbolístico. O segundo tanto non tardou en chegar e conseguiu tombar sobre a lona aos pupilos de David Valcárcel, que non se deron recuperado na segunda metade.

O Maceda celebra a vitoria colleitada ante La Purísima. FOTO: CD MACEDA

O sabor da vitoria

Poucas cousas poden compararse ao sabor que che deixa obter os tres puntos. No grupo 5 sábeno moi ben…



Boas novas para o Abanqueiro, pois regresa á senda triunfal tras superar por tres goles a dous ao Campo Lameiro. O cadro dos petróglifos foi o primeiro en golpear, marchando aos vestiarios en vantaxe. Pero a saída dos mesmos, os boirenses meteron unha marcha máis e déronlle a volta á tortilla grazas ao bo facer de Piñeiro. Despois de rompela no Porto do Son, o killer chegou ao seu novo equipo para facer cousas como esta: darlle os tres puntos ao Abanqueiro e colleitar un dobrete na súa conta particular.

Tamén lle foi ben ao seu veciño rianxeiro. O Unión comeza a rexurdir na clasificación e faino, ademais, con certa superioridade. Nesta xornada deixaron na cuneta a un Amanecer (3-0) que non tivo practicamente opcións no choque. Despois dunha primeira metade trabada e sen claras oportunidades, o guion mudou de súpeto e os espectadores do Municipal de Vilas puideron deleitarse cunha gran tarde dos seus. Unha exhibición onde Torrado brillou con luz propia, anotando o seu segundo gol en tres participacións nesta tempada. Trátase do triunfo número 100 para o adestrador da escuadra de Asados, Luisito.

Máis axustado foi o Caldas – Cidade de Ribeira, resolto cun 1 a 0 en favor da escuadra das Corticeiras. Ningún dos dous contrincantes quixo ceder e isto viuse reflectido no luminoso, que durante moito tempo funcionou co ‘resultado gafas’. Malia térense animado as cousas, o gol seguía a resistirse. Foi entón cando Fernando Llorente lle deu entrada a Roi Pérez, e o xogador respondeu á confianza do seu míster. Apareceu no minuto 90 para desequilibrar a balanza e aliviar a situación clasificatoria do Caldas.



Aínda queda moito que tecer

Aínda estamos na xornada 11, mais o grupo 6 xa está a dar de que falar…

Sorrí o Ribera cunha nova vitoria colleitada ante o Sporting Guardés (2-0). A quen madruga, Deus lle axuda e os rosaleiros aplicaron o refrán á perfección. Saltaron enchufadísimos ao terreo de xogo e lograron poñerse en vantaxe nun bo remate de Yago Domínguez. Trátase da cuarta anotación para o atacante, que se está a rebelar como o xogador máis en forma da ofensiva de Cristian Lomba. A partir de entón, o Ribera controlou o ritmo do derbi e puido sentenciar ao seu rival cando este anotou un gol na súa propia meta.



Quen está a vivir unha xeira espectacular é o Tomiño. O combinado no Alivio volveu sumar de tres e nesta ocasión fíxoo con claridade e contundencia, impoñéndose ao Chaín por un gol a cinco. Iso si, primeiro deberon darlle á volta ao tanto inicial do club do Val Miñor. Para iso contaron coa contribución de Pedro Gilsanz, quen igualou a contenda. Non contento con iso, o centrocampista vermello volveu á carga no segundo tempo e sumou o segundo á súa conta particular, o quinto para os seus. E é que cando o Tomiño consegue carburar, poucos rivais son capaces de facerlle fronte…

E o Domaio consegue escapar da zona baixa da táboa ao bater por 3 a 1 ao Erizana. Con todo, os de Baiona foron os primeiros en golpear, convertendo o cero a un aos catro minutos de ter comezado. A reacción dos pupilos de Miguel del Ojo chegou nas botas de Jonás, quen devolveu a igualdade ao luminoso. Aos seus 39 anos, o killer vigués segue a demostrar por que é un dos dianteiros máis cotizados do grupo. Grazas ao seu gol, o Domaio conseguiu reaccionar e levantou o enfrontamento para certificar, finalmente, o +3.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Os Diferenciais teñen o mando

Os Diferenciais teñen o mando

Os Diferenciais teñen o mando

Os Diferenciais teñen o mando