O Ribadeo está a asinar un gran inicio de tempada no grupo 3 da Primeira Futgal. O conxunto mariñán alcanzou o liderado tras golear ao Becerreá e confirma a súa candidatura a pelexar polo ascenso a Preferente, un obxectivo que non será doado nunha categoría con varios equipos fortes. Iago Cruña é un dos protagonistas deste arranque: suma oito goles en once partidos e vén de asinar un hat-trick na última xornada. Con todo, o atacante insiste na importancia de manter a regularidade e non perder de vista o traballo colectivo.
A súa traxectoria recente estivo marcada por unha lesión importante. Despois de comezar a pasada campaña no Viveiro, incorporouse ao Ribadeo, onde sufriu unha fractura de Maisonneuve que o obrigou a pasar polo quirófano e afrontar unha longa recuperación. Case un ano despois da operación, aínda arrastra algunhas molestias, pero volve gozar da competición e achegar goles ao equipo.
Futbolingalicia: O Ribadeo lidera o grupo 3 da Primeira Futgal tras golear ao Becerreá, pechacancelas do grupo. Como valoras o inicio de tempada do equipo?

Iago Cruña «A valoración é moi positiva. Creo que estamos facendo un bo inicio de tempada, a pesar de ter baixas importantes de xogadores de moita calidade. Temos un cadro de xogadores amplo e moi bo, e calquera pode xogar e dar a talla. Fixemos moi bos partidos, pero a clave é manter esa regularidade. O equipo aínda ten marxe de mellora e penso que podemos dar máis».
FIG: O ano pasado o equipo quedou ás portas do ascenso. Concíbese outra cousa no club que volver a Preferente?
IC: «O obxectivo é quedar o máis arriba posible. Se conseguimos o ascenso a Preferente, sería marabilloso e unha alegría enorme para todos, pero sabemos que é unha categoría moi difícil e que hai equipos moi bos. Ser o Ribadeo FC supón unha presión engadida: os rivais veñen cunha motivación extra ao Pepe Barrera, un campo histórico. Polo nome do club, hai xente que pode pensar que somos superiores, pero a realidade é que as diferenzas entre os equipos son pequenas. Temos que ir partido a partido, traballar con humildade e demostrar no campo que merecemos estar arriba».

FIG: Como ves a loita por ese obxectivo?
IC: «Vexo unha loita moi complicada, que seguramente non se decida ata as últimas xornadas. Hai catro ou cinco equipos moi fortes, como o Villalbés B, a Residencia, o Melide ou o Outeiro de Rei, e sempre pode aparecer algún máis que dea a sorpresa, como fixo o Monterroso o ano pasado. Temos que darlle valor a cada punto, porque custa moito conseguilos, sobre todo fóra da casa. Visitas como as da Milagrosa, o Monterroso ou o Guntín son especialmente complicadas: son equipos fortes na casa que teñen moi dominado o seu campo. A regularidade vai ser clave».
FIG: No último partido anotaches un hat-trick e xa sumas oito goles en once partidos, nos que fuches titular en seis. Como te atopas a nivel individual?

IC: «Estou contento con este inicio, aínda que fisicamente aínda non estou ao cen por cento. O 25 de novembro fará un ano que me operaron dunha fractura de Maisonneuve e sigo tendo molestias no nocello e bastantes sobrecargas musculares. Noto que aínda me falta para volver ao nivel físico que tiña antes, pero pouco a pouco vou atopándome mellor. Necesito seguir collendo confianza e sumando minutos de rodaxe para chegar a estar ao cen por cento. Os goles danme confianza e alégrame poder axudar, pero o que máis valoro é a posición do equipo na táboa. Oxalá sigamos aí arriba; se ademais podo seguir marcando, mellor, pero o importante é que o equipo gañe».

FIG: Pensas en ser pichichi?
IC: «A verdade é que ata agora nin se me pasara pola cabeza. Hai moi bos goleadores, tanto no noso equipo, onde están o meu gran amigo Álex Meitín, Óscar ou Castrín, como noutros equipos da categoría, con xogadores como Gegunde ou Migui Rivas, entre outros. Eu penso en seguir mellorando e axudar cos meus goles a que o equipo consiga o seu obxectivo. Se ao final estou na loita polo pichichi, benvido sexa».
FIG: Que partido esperas esta fin de semana ante a Milagrosa?
IC: «Espero un dos partidos máis complicados da tempada. É un campo no que poucas veces gañei e eles coñéceno moi ben. É de herba artificial e son un equipo que corre moito e pelexa cada balón. De feito, o ano pasado empatamos alí. Imos ter que competir moi ben e estar concentrados durante todo o partido para sacar os tres puntos».
FIG: A tempada pasada tamén perdestes nos penaltis a final da Copa Deputación. Como ides afrontar este curso a competición do KO?
IC: «Imos afrontala con ilusión e loitar ata o final. O ano pasado chegamos á final nunha semana moi complicada, porque viñamos de perder a volta do play-off de ascenso. Despois tivemos a mala sorte de perder tamén a final nos penaltis. Foi duro quedar ás portas das dúas cousas por pequenos detalles, despois de todo o traballo da tempada. Este ano temos un cadro de xogadores amplo para competir tanto na Liga como na Copa. Tamén inflúen os rivais que che toquen, xogar na casa ou fóra e as baixas que poidas ter en cada eliminatoria. Iremos partido a partido, coa ilusión de chegar o máis lonxe posible e, se podemos volver á final, intentar que esta vez caia do noso lado».
FIG: O ano pasado empezaches no Viveiro, co que non chegaches a debutar oficialmente, e no Ribadeo apenas xogaches sete partidos, nos que marcaches un gol. Que pasou nesa época e como te recuperaches para este gran inicio de campaña?
IC: «Comecei no Viveiro cunha ilusión enorme por poder xogar en Terceira, aínda que supuña un sacrificio importante: tardaba unha hora en coche desde a miña casa en chegar aos adestramentos. Luchi, que foi quen me fichou, non chegou a comezar a competición e entrou Alberto López. Ao principio os dous estabamos contentos, pero chegaron reforzos para a miña posición e vin que ía ter poucas oportunidades. Tras unhas catro ou cinco xornadas, falei con Alberto e decidín marchar ao Ribadeo. Tiven a mala sorte de sufrir unha fractura de Maisonneuve pouco despois de chegar: rompín o peroné e desprazóuseme o nocello. Tiven que pasar por quirófano e aínda levo unha placa e outro material cirúrxico no nocello. Foi unha etapa moi dura, sobre todo pola incerteza de non saber se podería volver xogar como antes. Era unha lesión pouco coñecida, atopaba pouca información e tiña moitas dúbidas. Pasei moitos meses indo ao fisio practicamente de luns a venres e facendo pola miña conta os exercicios que me pautaban. Traballei moitísimo, primeiro coa única idea de poder volver xogar. Nese proceso teño que agradecer o trato excepcional do Ribadeo, desde Nicasio e Luis, os utillleiros, pasando polo adestrador Dani Moirón, ata toda a directiva e o presidente Valentín. Tratáronme de marabilla desde o primeiro día e seguírono facendo durante toda a recuperación. O día 25 deste mes fará un ano da operación e aínda non estou recuperado de todo: o nocello segue inchándose e teño que poñer xeo a diario. Pero, despois de todo o que pasei, volver competir e poder axudar ao equipo é unha satisfacción enorme. Estou contento de onde estou agora, aínda que sei que me queda traballo para volver atoparme ao cen por cento».
FIG: Os teus primeiros cinco anos como sénior xogaches no Lourenzá, de Primeira Futgal, e anotaches case 50 goles. Como recordas esa etapa?
IC: «Foron anos moi felices no equipo do meu pobo, rodeado de persoas marabillosas, como o seu presidente e toda a xente que traballa tanto polo club. En poucos sitios de por aquí se vive o fútbol con tanta intensidade como en Lourenzá, e iso fai que xogar alí sexa especial. Neses cinco anos tivemos equipos moi bos, con xogadores míticos como Suso O Foro, Jorge de Losvi, Monchiño ou Noé Recalde, entre outros. Eran auténticos equipazos e, aínda así, case sempre nos tocaba sufrir para salvarnos. Tamén é de valorar a filosofía do club de apostar pola canteira, algo moi difícil nos tempos que corren. Ademais, veñen xeracións moi boas: teñen un equipo xuvenil con auténticos xogadorazos que poden darlle moitas alegrías ao Lourenzá. Este ano comecei a adestrar os biberóns e os prebenxamíns co meu amigo Juan Carlos, así que sigo vinculado ás escolas e gozando do fútbol cos máis pequenos. Gardo moi bos recordos desa etapa e alí teño moitos amigos. Non vou nomear ningún para que despois non se celen os outros. Supoño que algún ano volverei xogar con eles antes de retirarme; é algo que me faría moita ilusión».
FIG: Na base pasaches por Burela ou Viveiro, entre outros. Que valoración fas desas etapas?
IC: «Recordo a miña etapa no fútbol base con moita alegría e emoción. Paseino moi ben e coñecín moita xente coa que aínda hoxe manteño grandes amizades, que ao final é o máis importante que che deixa o fútbol. No deportivo, xoguei varios anos en Liga Galega e nunha das tempadas de xuvenís no Viveiro quedamos moi preto de subir á Liga Nacional. Tiñamos un auténtico equipazo. Tamén disputei un torneo de seleccións provinciais coa selección da provincia de Lugo, que foi unha experiencia espectacular e da que gardo un recordo moi especial. Na miña etapa no Burela, sendo xuvenil, tamén debutei en Primeira Rexional con JM como adestrador. Foi en Monterroso, cun frío tremendo, a cero graos, e nun campo que parecía unha pista de patinaxe. Eu levaba botas de tacos de goma e non me tiña en pé. Teño a sensación de que aos nenos cada vez lles gusta menos xogar ao fútbol, ou polo menos non o viven como o viviamos nós. Antes aproveitabamos calquera momento para saír xogar cos amigos e podiamos pasar horas cun balón. Agora hai moitas máis alternativas de ocio e creo que os móbiles e os videoxogos lle foron quitando espazo a ese fútbol da rúa que tanto nos fixo gozar. Ao final, oxalá vexamos máis nenos cun balón nos pés e menos cun móbil nas mans».




















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































