# Hashtag

Os Diferenciais marcan o ritmo

Renderse non é unha opción e moito menos cando hai tanto en xogo. Os inicios de temporada poden ser traizoeiros, pois asinar un bo comezo non che asegura nada de cara a finalizar nos primeiros postos da táboa clasificatoria. E ao mesmo tempo, relaxarte pode significar botar por terra as túas aspiracións nas cinco primeiras xornadas. Asegurar un ritmo de competitividade continuo vólvese esencial se un quere conseguir os obxectivos. Por iso os equipos da Primeira Futgal botan man dos seus xogadores máis Diferenciais, os seus metrónomos particulares.

Tras o ronsel

O Cedeira lidera o grupo 1 polo momento, mais debería de se preocupar por aqueles equipos que non se despegan del.

Preto dos postos de play-off sitúase o Perlío, logo de empatar a un único gol fronte ao San Sadurniño. Aos de Fene custoulles arrincar, encaixando un tanto á media hora de encontro. Non se renderon e atoparon a igualada nas botas de Óscar San Emeterio. Quen se non? O media punta cumpriu co establecido pola lei do ex e puxo o 1 a 1 no electrónico pouco antes de chegar ao descanso. Trátase da súa cuarta diana neste comezo de curso, onde está a liderar a ofensiva do conxunto azul e amarelo.



Sorrí o Torre despois de levarse o derbi herculino ante o Imperator por un axustado 1 a 2. Iso si, deberon remontar o tanto inicial dos pupilos de Toño Rodríguez, cuxo inicio lles permitiu marchar á caseta por diante. O guion mudou no reinicio e os arlequinados devolveron o golpe para, xa no treito final, culminar a remontada grazas ao bo facer de Salah Eddine. Procedente do Oza Xuvenil, o mediocentro de orixe alxeriana chegou ao Torre para aportar o seu gran de area. E vaia se o está a facer!

Por outra banda, o Marte fixo os deberes desta fin de semana e conseguiu un importante triunfo ante o Eume Deportivo (1-2) para así manterse ao axexo do líder. Do mesmo xeito que os anteriores combinados, deberon reverter a situación e para iso contaron coa magnífica contribución de Mato. Ao atacante picheleiro bastáronlle dez minutos para asinar un dobrete e darlle a volta á tortilla. Grazas aos seus goles, o Marte puido certificar a súa cuarta vitoria consecutiva.

Sorpresa, sorpresa!

De sorpresa a candidato ao ascenso hai un paso e no grupo 2 son conscientes diso…



E é que poucos daban ao Queixas como o gran rival a bater nesta competición. Os branquiazuis impuxéronse ao Racing San Lorenzo por dous goles a un e continúan invictos. Boa parte de culpa ten Samuel Ríos, quen abriu a lata para os da Revolta mediada a primeira parte. De volta dos vestiarios chegou o empate, pero aí volveu aparecer Samuel Ríos para completar a súa dupla de anotacións e certificar un novo triunfo para os seus. O mediocampista ordense acumula xa sete tantos, exercendo como un auténtico líder da ofensiva dirixida por Julio Fernández.

Custou, pero o Sporting Meicende selou un novo +3 ao deixar na cuneta ao Praíña (2-3). Pese a igualdade dos primeiros compases de xogo, os albivermellos conseguiron aproveitar unha oportunidade para tomar a iniciativa antes do entretempo. Unha alegría efémera xa que os de Pontevea remontaron nun abrir e pechar de ollos. Con todo, os arteixáns souberon refacerse e igualaron a contenda para, nos últimos instantes, levarse o duelo cun gol agónico de Djibril, erixido como o gran heroe da xornada.

Os capitáns do Sporting Meicende e o Praíña, Franco e Manu Soto, posan co trío arbitral. FOTO: PRAÍÑA SC

Xallas e Tordoia conformáronse con repartir os puntos ao empatar a uns. Necesitados dunha ledicia para saír da zona baixa, ámbalas dúas escuadras saíron dispostas a non ceder nin unha soa ocasión. Así foi como os primeiros corenta e cinco minutos transcorreron sen pena nin gloria. O paso do tempo afrouxou as defensas e os de amarelo e negro non erraron á hora de inaugurar o marcador. Foi entón cando Raúl Lado fixo acto de presenza na Fontenla, reequilibrando a balanza para darlle ao Xallas o seu primeiro punto na liga.



De tres en tres

Para os representantes do grupo 3, é esencial facerse co triunfo. E, como é lóxico, as súas posibilidades medran se son capaces de ver porta en tres ocasións…

Polas terras do Asma xa respiran máis tranquilos porque o Chantada Atlético acabou coa súa mala xeira de resultados ao vencer ao Lourenzá por 3 a 0. Logo dunha primeira manga algo gris e trabada, Congui furou as redes rivais para poñer en pé á bancada de Sangoñedo. O ariete está a deixar boas sensacións neste primeiro mes de competición, tal e como proban os seus tres goles. Unha vez por diante, os chantadeses souberon xestionar mellor o ritmo de xogo e remataron a faena con outras dúas anotacións.

Suma e segue para o Monterroso. A pesar de non realizar un gran inicio, os xogadores adestrados por Fer Sánchez xa ameazan os postos de play-off tras superar ao Becerreá por un gol a tres. Os ancareses foron máis madrugadores, aínda que a súa vantaxe durou máis ben pouco. Loren converteu o 1-1 e non contento con iso, volveu á carga dúas veces máis ata completar o hat-trick na súa conta particular. Imprescindible na liña de ataque ulloana, o interior local é un seguro cando se trata de enviar o balón ao fondo da portería.

E rematamos cunha auténtica exhibición futbolística. Atlético Escairón e Brollón enfrontáronse nun emocionante derbi resolto en favor do combinado de O Saviñao (3-2). A intensidade foi unha constante durante todo o partido transformando cada disputa nunha auténtica batalla. No medio destas loitas apareceu Rubén Díaz para facer o primeiro da tarde e agrandar aínda máis a súa lenda como xogador celeste. Os homes de Óscar Moure mantiveron o nivel no segundo tempo e así puideron certificar a vitoria diante dun dos seus máximos rivais.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Os Diferenciais marcan o ritmo

A parte baixa reacciona mentres a cabeza

Os Diferenciais marcan o ritmo

Os Diferenciais marcan o ritmo