Xa queda pouco para que o balón comece a rodar e desde FutbolinGalicia non podemos agardar con maior expectación o inicio desta nova temporada! Seis grupos, dezaoito conxuntos en cada un deles e trinta e catro xornadas de pura emoción deleitarán aos seareiros máis incondicionais do noso fútbol. O espectáculo está a piques de comezar, pero, primeiramente, cómpre debullar a realidade de cada división e así coñecer de primeira man que podemos agardar de cada grupo da Primeira Futgal.
Regresos agardados
No grupo 3 da Primeira Futgal tódolos equipos procedían da provincia de Lugo… ata agora. A Federación Galega de Fútbol volveu mover os marcos neste verán, reservando unha sorpresa con sabor a nostalxia. E é que o Cire de Melide volverá competir con representantes lucenses! Este feito non se producía desde hai varias décadas, cando se enfrontaron na mítica Liga da Montaña con rivais como o Chantada, o Monterroso ou o Taboada, entre outros.
Pero este non é o único retorno. O Brollón regresa logo dunha temporada de ‘Erasmus’ na Primeira Futgal ourensá, onde salvou a categoría nas últimas xornadas. E faino cunha novidade no banco, pois Chura deixou o banco dos Medos tras adestrar ao club da Ribeira Sacra durante os trece últimos cursos. Diego Rey será o encargado de ocupar o seu lugar na busca da permanencia. Como última mudanza xeográfica, cómpre destacar a marcha do Lemos B ao grupo 4 dun xeito semellante ao sucedido co Brollón na anterior campaña.
Folgueiro e Becerreá tamén disputarán xogarán este ano na Primeira Futgal ao ascender como campións da Segunda Futgal lucense. Os do Vicedo levaban 4 anos sen xogar na categoría raíña do fútbol rexional, mentres que os ancareses volven tras unha década ausentes. Deste xeito, o grupo 3 da Primeira Futgal queda configurado coa seguinte relación de equipos: Atlético Escairón, Brollón, Foz, Santaballés, Guntín, Cire de Melide, Chantada Atlético, Lourenzá, Rácing Vilalbés B, Ribadeo, Milagrosa, Becerreá, Monterroso, Oural, Outeiro de Rei, Residencia, Taboada e Folgueiro.
Á procura do título
Con todas estas modificacións, a listaxe de aspirantes ao título non fixo máis que ampliarse. Algúns, como o Ribadeo ou a Residencia, tentarán unha vez máis facerse coas primeiras posicións e acadar o tan ansiado ascenso. A escuadra do Pepe Barrera quere resarcirse da eliminación nos play-off da temporada pasada e, desta vez si, dar o salto á Preferente Futgal. Para iso confiou a dirección do seu plantel a Dani Moirón, quen adestrou aos mariñáns durante toda a segunda volta. Ademais de contar coa renovación de piares como Castrín, Santi ou Meitín, máximo goleador dos celestes con 17 tantos, o técnico da Pontenova contará con reforzos do talle de Iván García ou Manu Rodríguez, que volve ao Ribadeo logo de xogar na Terceira RFEF asturiana.
Na Cheda tamén apostaron pola continuidade de moitos futbolistas da casa, polo que non veremos unha Residencia moi distinta á dos últimos anos. Os capitalinos loitarán por estar arriba con xente como Dani Renda, Mauro, Chiqui ou Tebi, pezas chave nos últimos anos dos branquiazuis. Rafa Casanova volverá a pórse aos mandos cunha peza nova no seu haber: Yerri, quen volve á Resi logo de varios anos apartados dos terreos de xogo.


Pola contra o Atlético Escairón optou polo camiño oposto e reestruturou boa parte do seu plantel. Co ascenso entre cella e cella, os do Saviñao lanzáronse ao mercado con todo asinando a xogadores consolidados nas Terras de Lemos. Do Brollón chegaron Isma e Castañer para reforzar a parcela ofensiva, Smaily para axudar na zaga e Dani Díaz para manter a porta a cero. Tamén se incorporaron Oski, procedente do Ferreira, ou Mikel Durán, do Lemos B, dous futbolistas que reforzarán o medio campo de Óscar Moure. O técnico monfortino collerá ás rendas dun Atlético Escairón disposto a todo.
Pero estes non son os únicos ‘favoritos’ ao ascenso, pois o Monterroso tamén quere volver a dar a badalada. E moito ollo co Cire de Melide…
Ollo cos da Montaña
Hai dous meses, o Monterroso estivo a un só paso de xogar en Preferente Futgal. Non houbo sorte e o Xuvenil de Ponteareas estragoulle o soño á parroquia de Cerdeiriños, que se involucrou cos seus ata o final. Os xogadores da Ulloa loitaron alentados polo seus seareiros e este ano queren volver soñar co ascenso.

Un obxectivo que tamén teñen a escasos quilómetros de alí, en Melide. A pesar de cambiar de grupo, o Cire non vai renunciar ao seu obxectivo e está chamado a ser unha das grandes revelacións da temporada. David Pereiro, Asier Polo, os irmáns Casal –Borja e Manu– ou Suso Pampín serán os piares fundamentais dun equipo dirixido por Luigi e comandado por Álvaro Varela. O mediocentro de Touro, con pasado no Compostela ou o Sporting de Xixón entre outros, cumprirá a súa segunda campaña no Jesús Carlos Pampín, a onde chegou procedente do Dubra. Con 46 anos será o encargado de facer xogar a un Cire que combina veteranía e xuventude a partes iguais.
Co 6 de setembro marcado en vermello, só resta agardar polo asubío inicial e desfrutar dunha xornada inaugural para o recordo! Velaí vai unha relación dos partidos que terán lugar nesta primeira data de competición: Taboada – Chantada Atlético; Oural – Rácing Vilalbés B; Guntín – Santaballés; Becerreá – Lourenzá; Folgueiro – Outeiro de Rei; Atlético Escairón – Milagrosa; Foz – Residencia; Brollón – Monterroso e Ribadeo – Cire de Melide.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.


































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































