# Hashtag

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: Verín CF

A Primeira Futgal deu pé a historias emotivas e desde FutbolinGalicia queremos debullar algunhas un pouco máis. Houbo grandes fazañas, pero ningunha como proclamarse campións de liga e lograr o tan ansiado ascenso a Preferente. Ao longo destas semanas, repasaremos convosco o curso futbolístico daqueles equipos que se alzaron co título en cada un dos grupos da categoría: os planteis máis Diferenciais.

Non é como se comeza

Se un observa a traxectoria do Verín nas últimas tempadas, podería describila como unha auténtica montaña rusa. Descenderon, ascenderon, volveron abaixar de categoría e, unha vez máis, recuperárona. Desta vez, coa intención de quedarse na Primeira Futgal durante un bo treito. Botando a vista atrás, o conxunto vermello xa partía como un dos claros favoritos a facerse coa primeira posición no grupo 4. Pero lograr esta fazaña non foi nada doado…

Nas tres primeiras xornadas, os pupilos de Vítor Pereira acadaron unicamente catro puntos de nove posibles. O empate ante o Loñoá e a dura derrota fronte ao Nogueira facían dubidar do potencial deste equipo, pero nin a afección nin os seus xogadores ían tirar a toalla tan rápido. Logo dese mal inicio, o plantel arrincou e fíxoo en boa medida grazas ao labor do seu killer, Júnior.



Procedente do Sporting Celanova, o atacante colombiano chegou ao José Arjiz disposto a contribuír aos obxectivos do seu novo club. E a cousa non puido ir mellor, porque unha vez que comezou a ver porta, ninguén o deu parado. De feito un tanto seu valeu para derrotar ao Córgomo na primeira grande cita do ano, situando ao Verín á cabeza da clasificación.

Incorporar e renovar

Ademais de Júnior, xogadores como Miguel Vilachá, Pazos ou Miguel Gándara reforzaron un plantel de calidade, con piares como Jorge Aires, Aitor Blanco ou o capitán Hugo. O esforzo de todos eles resultou clave para asegurar o liderado antes do Nadal, rematando o mes de decembro cunha xeira de catro vitorias consecutivas.

Non cambiou nada á volta do parón e os verineses seguiron ao seu. Tombaron a todos os seus perseguidores e só caeron ante a revelación da segunda volta, o Maside. A súa vantaxe respecto ao Córgomo non parou de medrar ata a primeira fin de semana de maio, cando tiveron ante si o primeiro match ball para certificar o ascenso. O escenario era inmellorable, pois debían bater ao Monterrei no derbi para cumprir co seu obxectivo.



Como é típico nestes partidos, ningunha das dúas escuadras deu o seu brazo a torcer e protagonizaron unha gran disputa. Parada foi o único goleador da tarde e o seu tanto serviu para facerse cos tres puntos máis especiais do curso futbolístico. Aqueles que lle pemitían ao Verín volver a Preferente Futgal.

O capitán do Verín, Hugo, celebra o ascenso coa afeccionados máis mozos do conxunto vermello. FOTO: VERÍN CF

Unha despedida moi especial

Co asubío final, a tolemia apoderouse do Arjiz. Os afeccionados saltaron ao campo cos bombos, bufandas e camisolas vermellas, ledos por gañar o campionato ante un dos seus máximos rivais. Tamén o celebraron os xogadores, especialmente Hugo. E é que o gran capitán estaba a desputar a súa última campaña como futbolista, a cal non puido pechar de mellor maneira.

Tras lograr o ascenso, o media punta de Riós foi homenaxeado por todo o alto no último encontro ante A Peroxa. E o xogador soubo devolver todos os agasallos, anotando un doblete antes de colgar as botas e despedirse dos seus.



Pero isto non remata aí. Porque Hugo seguirá a apoiar aos seus nesta nova aventura na Preferente Futgal, onde agarda que o Verín se asente nos vindeiros anos. A estratexia téñena clara: incorporar novas fichaxes, si, pero sobre todo confiar na xente de casa que, como Hugo, lle deu, dá e dará tantas alegrías.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: Verín CF

O mercado da Terceira RFEF baixa o

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: Verín CF

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: