Fica Coa Bola, a canle de referencia do fútbol galego, publicou estes días un vídeo con catro dos artistas musicais máis prometedores do panorama galego: 9Louro, Kid Mount, LG1DO e XianPais. Nel repasaban as súas traxectorias futbolísticas: Kid Mount xogou na canteira do Antela ata que decidiu deixalo; 9Louro chegou á categoría cadete na Esteirana; LG1DO retirouse este mesmo ano cando militaba no Xallas; e XianPais confesaba entre risas que aínda seguía xogando no Monte Louro, en Segunda Futgal.
O muradán comentaba con humor que “seguía intentando ter fuelle”, que estaba “nas últimas” e que exercía de mediocentro construtivo porque correr nunca fora o seu forte. Con todo, a súa traxectoria demostra que, ademais de destacar sobre os escenarios, tamén soubo facelo nos terreos de xogo.
Formado na canteira da Esteirana, pechou o seu último ano de xuvenís con 22 goles. Tras unha primeira campaña sénior de adaptación entre o Volantes de Baño e a propia Esteirana, explotou definitivamente no Monte Louro. Na súa primeira tempada marcou 18 goles e, na seguinte, mellorou aínda máis os seus rexistros ata alcanzar os 19.
Eses números en Segunda Futgal abríronlle as portas do Dumbría, en Primeira Futgal, onde asinou catro tantos. Antes de rematar a tempada regresou ao Monte Louro e, nas dúas últimas campañas, volveu demostrar o seu olfacto goleador, superando de novo a vintena de goles entre ambas (10 e 11, respectivamente).
Agora, mentres a súa carreira musical segue medrando e gañando protagonismo en Galicia, XianPais continúa compaxinando os concertos co fútbol afeccionado. Unha dobre paixón que o converte nun caso pouco habitual: un artista emerxente que, lonxe de abandonar o balón, segue deixando pegada tamén sobre a herba.




































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































