# Hashtag

A renuncia do Lugo B reordena a Terceira á espera do Arenteiro

O Silva xa ten o que levaba semanas agardando. A renuncia do CD Lugo á praza do Polvorín na Terceira RFEF despexa definitivamente o seu futuro e permitirá ao conxunto da Grela continuar unha tempada máis na categoría. Un desenlace que se intuía, pero que agora se confirma.

O club albivermello anunciou este venres un convenio de colaboración coa SD Sarriana. A través deste acordo, o equipo da Ribela dará continuidade á formación dos futbolistas que rematan a súa etapa xuvenil, exercendo como ponte cara ao fútbol sénior. Un movemento que leva aparellada a desaparición do filial do CD Lugo e, por tanto, a renuncia á súa praza na Terceira RFEF.

Esa vacante ten un destinatario, o Silva. E o efecto dominó non remata aí. A continuidade do conxunto coruñés na Terceira RFEF tamén garante a permanencia do Auriense —nova denominación do antigo Cented— na Preferente Galicia, evitando un novo arrastre nas categorías autonómicas.



Cal será o equipo 18?

Con todo, a composición definitiva da Terceira RFEF segue pendente dun nome: o Arenteiro. O conxunto do Carballiño continúa sen aclarar se poderá competir na categoría despois do dobre descenso sufrido este verán.

O pasado 30 de xuño, a nova directiva fixo público un comunicado no que recoñecía a delicada situación económica da entidade e advertía das dificultades ás que debía facer fronte. E dende hai unha semana, o silencio do club nas redes foi absoluto. Non houbo novos comunicados nin actualizacións nas súas canles oficiais, alimentando a incerteza arredor do futuro do club.

Se finalmente o Arenteiro consegue cumprir cos requisitos esixidos para inscribirse, converterase no décimo oitavo participante da competición. No caso contrario, volverá abrirse unha vacante.



Nese escenario permanece moi atento o CJ Cambados. A normativa federativa establece que, cando se produce unha baixa por causas non deportivas, a prioridade corresponde aos equipos descendidos do mesmo grupo segundo a súa clasificación. O conxunto cambadés agarda por se a situación do Arenteiro remata abrindo unha nova porta de acceso á Terceira RFEF.

A renuncia do Lugo B reordena a Terceira á espera do Arenteiro

A renuncia do Lugo B reordena a