# Hashtag

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: UD Carral

A Primeira Futgal deu pé a historias emotivas e desde FutbolinGalicia queremos debullar algunhas un pouco máis. Houbo grandes fazañas, pero ningunha como proclamarse campións de liga e lograr o tan ansiado ascenso a Preferente. Ao longo destas semanas, repasaremos convosco o curso futbolístico daqueles equipos que se alzaron co título en cada un dos grupos da categoría: os planteis máis Diferenciais.

Non foi sen tempo

Custou, pero o Carral conseguiu ascender logo de varios intentos furstrados nestas últimas campañas. O conxunto do Castro levaba varios anos asentado no grupo 1 e xa era un habitual do fútbol rexional coruñés, coa excepción do ano pasado (competiu no grupo 2 por mor da reestruturación que levou a cabo a Federación Galega). Tras un gran ano, fixéronse co billete para desputar os play-off de ascenso onde foron eliminados nunha das finais polo Victoria.

Cando un cae, toca levantarse e os xogadores adestrados por Jairo Bello entendérono á perfección. A entidade panadeira non dubidou nin un intre e confiou na base daquel equipo que rozara a gloria. Pero as cousas non foron doadas, especialmente nas primeiras xornadas. Ao mes de comezar a competición, caeron por seis goles a cero ante un dos grandes favoritos -xunto a eles- a levarse o premio do ascenso: o Sporting Meicende.



Con 10 puntos en seis partidos, o Carral situábase lonxe da cabeza da táboa clasificatoria, concretamente na oitava posición.

A forza do Castro

O fútbol poñíaos unha vez máis a proba, aínda que, desta vez, souberon repoñerse. En decembro non houbo plantel capaz de derrotalos e protagonizaron unha boa xeira de resultados que os levou a permanecer invictos durante todo o mes. Ese impulso levounos ata á primeira posición e, unha vez alí, non deixaron de pisar o acelerador. Boa parte de culpa tiveron os seus afeccionados, pois o Carral non saíu derrotado do Castro en todo o ano (14 vitorias e 3 derrotas).

A isto sumóuselle o gran papel desenvolvido polos seus atacantes, especialmente Adrián Roel (9 goles) e Sergio Iglesias (11 goles). Iso si, houbo outro nome que brillou con luz propia e foi o de Jony Fila (12 goles). O media punta converteuse no gran heroe do Carral ao anotar ante o Eume Deportivo (0-1), asegurando un triunfo que devolvía aos brancos a Preferente Futgal 13 anos despois.



O plantel do Carral celebra a consecución do título no Castro. FOTO: CONCELLO DE CARRAL/UD CARRAL

O líder é da casa

O propio Jony Fila chegara a saborear as meles da Preferente Futgal co Carral, naquela última tempada antes de baixar a Primeira. Nado na vila coruñesa, o xogador permaneceu un par de anos máis no Castro antes de facer as maletas e marchar á Grela para xogar co Silva en Terceira División. Tamén pasou polo Atlético Coruña Montañeros antes de recalar novamente no Carral co obxectivo de liderar un proxecto integrado por xente da comarca e arredores. A pesar de non lograr a meta nestes últimos anos, Jony e o seu Carral xa poden berrar aos catro ventos que regresaron a Preferente.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: UD Carral

Os últimos movementos do mes de xuño

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: UD Carral

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: