Esta fin de semana xógase a volta das semifinais do play-off de ascenso a Preferente Futgal e unha das eliminatorias enfronta ao Marín e o Sporting Carballiño. A ida rematou con vitoria dos de Marín a domicilio 1-2 na Uceira, pero o partido foi noticia tamén pola enorme polémica dos últimos minutos, que resoou toda a semana.
O encontro acabou con lea. Sempre segundo a resolución do Comité de Competición e Disciplina, entrou público ao campo, houbo unha pelexa física na que participaron xogadores e público e lanzouse un obxecto dende a bancada que golpeou un xogador».
A Real Federación Galega de Fútbol sancionou aos dous clubs. O que se vai ver afectado de xeito máis inmediato por ese castigo é o Marín, que terá que xogar a volta na súa casa sen público. A sanción consta dunha multa e da celebración dun partido a porta pechada, polo que San Pedro non abrirá o domingo ao público.
A Federación entende que «afeccionados identificados como seguidores do club visitante», o Marín, invadiron o terreo de xogo «para enfrontarse a xogadores e afeccionados locatarios que tamén accederon ao campo de xogo, sendo necesaria a chamada e intervención da Forza Pública para a súa solución».
Sanción ao Sporting Carballiño
No caso do Sporting Carballiño, a Federación acordou impoñer unha multa e tres partidos a porta pechada «por incidentes de público de carácter moi grave«. A RFGF explica que tivo en conta «as circunstancias concorrentes en relación coa invasión do terreo de xogo por un elevado número de espectadores».
Tamén «a participación destes nunha liorta física xeneralizada xunto con xogadores de ambos os equipos, o lanzamento desde a bancada dun obxecto que impactou nun futbolista causándolle ferida incisa e a especial responsabilidade do club respecto de a súa obrigación de previr a violencia na instalación deportiva».

Entende a Federación Galega que estes feitos constitúen «circunstancias que, de conformidade cos criterios previstos no artigo 11.2 do Regulamento Disciplinario, determinan a cualificación dos feitos como de carácter moi grave, resultando por iso de aplicación o artigo 76 do mesmo texto regulamentario».
Reaccións do Marín e o Sp. Carballiño
O Sporting Carballiño alegou contra esta sanción, pero a RFGF desestimouno. «A versión ofrecida pola entidade limítase a formular unha interpretación alternativa dos feitos sen achegar elemento probatorio obxectivo algún que permita apreciar erro material manifesto na descrición efectuada polo colexiado», explica o órgano federativo.
En todo caso, o Sporting Carballiño trasladou a través das redes as desculpas a xogadores, afección e directiva do Marín e tamén ao trío arbitral. «O club amosa a total desaprobación e o seu rexeitamento ante actitudes que para nada representan os valores da entidade», escribiron,

O Marín lamentou que lle pechen o campo para o partido de volta, no que agardaban un San Pedro ateigado. Cualifican a decisión da RFGF de «inxusta e desproporcionada«. «Os incidentes que deron lugar á sanción producíronse en campo rival e a acta non identifica afeccionados do Marín como responsables», xustifican.
Resto de partidos
Córgomo – Unión (sábado, 18:00) (1-0 para o Unión na ida)
Meicende – J. Ponteareas (domingo, 12:00) (2-0 para o Juvenil)
Monterroso – Calo (domingo, 17:00) (1-0 para o Calo)
Gondomar – Ribadeo (domingo, 18:30) (1-1 na ida)

Club do Mar – Mugardos (domingo, 18:30) (1-1 na ida)





























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































