O Carral regresará a Preferente máis dunha década despois tras culminar unha tempada histórica co ascenso conseguido fronte ao Eume Deportivo. Un dos grandes símbolos deste logro é Patrick Agilda, futbolista criado no club e referente dunha xeración que levou ao equipo de volta á categoría na que non competía desde a campaña 2013/14.
Aos seus 34 anos, o dianteiro repasa unha vida enteira ligada ao Carral, desde o debut con apenas 16 anos ata os momentos máis duros marcados polas lesións. Ademais, destaca a unión do vestiario, o ambiente familiar do club e o valor especial de lograr este ascenso rodeado da súa xente, da súa familia e de compañeiros cos que compartiu toda unha carreira.
Futbolingalicia: O Carral logrou o ascenso tras vencer por 0-1 ao Eume Deportivo. Que valoración fas da tempada?
Patrick Agilda: «Creo que foi unha tempada moi completa do equipo. Tivemos momentos complicados, como todos, pero o grupo nunca deixou de crer. O mérito máis grande foi a regularidade e a unión que houbo no vestiario durante todo o ano. Ao final, gañar unha liga nesta categoría é moi difícil e penso que fomos xustos merecedores do ascenso».
FIG: O equipo levaba sen estar na categoría desde a 2013/14, cando xa estabas no club. Que importancia ten este ascenso?
PA: «Ten unha importancia enorme. Son moitos anos no club, moitas tempadas loitando e pasando momentos bos e malos. Volver a Preferente despois de tanto tempo é algo moi especial para toda a xente de Carral, para os que estamos no día a día e tamén para toda a afección, que sempre estivo aí apoiando».

FIG: Que tal foi a festa de celebración para o equipo?
PA: «Tivemos a sorte de que coincidiu coa Festa do Pan e había moita xente. Foron momentos moi emocionantes porque ao final celebras algo así coa túa xente, cos teus amigos, coa familia e coa xente da vila. Había moita felicidade acumulada despois de tantos anos buscando algo así».
FIG: Cales foron as claves para este logro?

PA: «A humildade, o compromiso e o grupo humano. Somos un club humilde, onde a maioría somos xente do pobo ou de preto, e iso nótase. Aquí a xente vén porque sente o escudo e porque desfruta do ambiente familiar que hai no club. Creo que esa unión foi clave».

FIG: A nivel persoal, que valor ten para ti este ascenso tras tantos anos formando parte do club?
PA: «Para min significa moitísimo. Levo toda a vida aquí, debutando con 16 anos no primeiro equipo, e vivir isto agora con 34 emocióname moito. Pasei lesións duras e momentos nos que as cousas non saían, pero nunca deixei de sentir este club como algo meu. Ademais, durante moitos anos tiven a sorte de compartir vestiario e campo co meu irmán, que tamén lle deu moitísimo ao Carral. Del aprendín moitos valores, tanto no fútbol como na vida: o compromiso, o esforzo e o sentimento por este escudo. Para min sempre foi unha referencia e unha persoa moi importante dentro e fóra do campo».
FIG: Que recordos viñeron á túa mente no momento do gol de Jonatan Fila?
PA: «Levamos moito tempo xogando xuntos e vivimos de todo dentro do fútbol. Cando me lesionei, recordo perfectamente que el me dixo que me ía esperar e que algún día iamos conseguir algo importante xuntos no Carral. Por iso, que precisamente o gol do ascenso o marcase el foi algo moi especial para min. Nese momento acordeime de todo o que pasamos durante estes anos e sentín unha felicidade enorme por poder vivir algo así ao seu lado».

FIG: Levas toda unha vida no Carral. Que significa para ti o club?
PA: «O Carral é unha parte moi importante da miña vida. Aquí medrei como xogador e como persoa. Levo media vida compartindo experiencias, amizades e momentos inesquecibles neste club. Para min é moito máis ca un equipo de fútbol».
FIG: Pensaches en saír do equipo nalgún momento?
PA: «Cando era xuvenil tiven a oportunidade de ir ao Montañeros de División de Honra e decidín vivir esa experiencia. Foi unha etapa que valoro moito porque aprendín moitas cousas a nivel futbolístico e gardo bos recordos, aínda que, por unhas cousas ou por outras, sentía que non era onde quería estar e volvín ao Carral a metade de tempada. Co paso do tempo dinme conta de que aquí era feliz de verdade. Xogar no equipo do teu pobo, coa túa xente, sentir o apoio da afección e compartir vestiario con amigos e coa familia é algo que non é fácil atopar noutro sitio».
FIG: Que previsión fas para a próxima tempada?
PA: «Agora mesmo quero desfrutar deste momento porque custou moitísimo conseguilo. A nivel persoal aínda non sei que farei a próxima tempada, pero teño claro que o máis importante é o ben do club. Se o Carral considera que necesita renovar cousas ou dar paso á xente nova para seguir medrando, eu vou entendelo perfectamente. Veñen rapaces moi bos por detrás nos xuvenís, con moitas ganas e moito nivel, e iso tamén é unha alegría para os que levamos tantos anos aquí. O bonito dun club como este é ver que segue habendo futuro e xente que sente o escudo igual ca nós durante tantos anos».
FIG: Superaches moitas lesións, pero ao final conseguiches volver a Preferente co Carral, o equipo da túa vida. Valeu a pena non tirar a toalla?
PA: «Sen ningunha dúbida. Houbo momentos moi difíciles, como a lesión no ombreiro, pero sobre todo a lesión do cruzado, porque unha rehabilitación así faise moi longa e dura. Aí a miña muller foi fundamental. Estivo comigo día a día, apoiándome e axudándome en todo momento. Agora, con 34 anos e con dúas nenas, ás veces non é tan fácil seguir xogando e dedicar tantas horas ao fútbol, pero ela sempre me facilita as cousas para que poida seguir facendo o que máis me gusta. É algo que valoro moitísimo».













































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































