A Club do Mar de Caión chega ao tramo decisivo da tempada empatado na cabeza da clasificación tras un gol no desconto que desatou a tolemia na bancada. O conxunto mantense na loita polo ascenso directo nunha pelexa aberta e igualada, na que cada detalle pode marcar a diferenza.
Nun curso no que poucos contaban con eles, o equipo soubo repoñerse a un inicio complicado para converterse nun dos grandes aspirantes. Co vestiario como principal fortaleza e cun rendemento colectivo destacado, afrontan as últimas xornadas coa ambición intacta e a confianza de poder pelexar ata o final por dar o salto de categoría. Tiago Mendes repasa o momento do club.
Futbolingalicia: A vosa vitoria desta semana ante o Queixas e o empate do Arzúa fronte ao Camariñas provoca un empate na cabeza a falta de tres xornadas. Como se celebrou ese importante gol no desconto?
Tiago Mendes: «A verdade é que xa todo o mundo contaba con ese empate. Sería unha pena, porque creo que fomos superiores e merecimos gañar antes, pero o fútbol é así e a pelota non quería entrar. Na última xogada do partido apareceu Toto para darnos os tres puntos. Foi unha auténtica tolemia, a xente volveuse tola».
FIG: Como ves a loita ante o equipo do Viso con Cacheiras e Calo esperando o voso erro?
TM: «Está sendo unha pelexa moi bonita e moi igualada. Hai moi bos equipos e calquera pode dar a sorpresa. Creo que a igualdade na clasificación xa o di todo».

FIG: A priori os dous equipos cabeceiros tedes un calendario asequible. Cres que é posible non ascender a pesar de lograr o pleno nestas tres últimas datas?
TM: «Creo que está moi difícil o ascenso directo. O Arzúa xa demostrou que é un gran equipo e non creo que vaia deixar puntos ata o final. Se deixa algún, intentaremos non fallar nós para aproveitalo, pero aínda nos quedan equipos difíciles».
FIG: O goal average particular está empatado e a diferenza do goal average xeral é de nove goles a favor do Arzúa. Que tan cruel sería para o equipo non lograr o ascenso por esa cuestión?

TM: «Sería unha pena non ascender pola diferenza de goles, pero ao final son as normas e xa sabemos o que hai. Pensas nos puntos que perdeches e nos goles que fallamos que podían facer que todo fose diferente, pero agora non queda outra que asumir o que sexa. E se nos toca pelexar no playoff, pois benvido sexa. Moitos quixeran estar na nosa situación».

FIG: Canto mérito ten a tempada do Club do Mar de Caión?
TM: «Creo que ten moitísimo mérito. Empezamos moi mal, ninguén contaba con nós e ao final estamos loitándolle a liga ao Arzúa a falta de tres xornadas. Fixemos un traballo moi grande para isto e temos que estar moi orgullosos por conseguilo».
FIG: Cales foron as claves para render tan ben?
TM: «A clave principal é o vestiario. Tanto xogadores como adestradores e directivos temos unha piña incrible. Hai moi bo ambiente entre nós, o que fai que sexamos un equipo dentro e fóra do campo, e iso acaba notándose».

FIG: No apartado persoal levas 18 goles en liga e 4 en copa. Que sensacións estás a ter este ano?
TM: «Os meus compañeiros fan que sexa moi fácil para min. Tiven rachas malas e sempre estiveron animándome en todo momento e motivándome para que non me viñese abaixo. Gran parte de todos os goles e de todo o que poida aportar este ano é grazas a eles».
FIG: Acumulas máis de sete tempadas no club. Como definirías o teu percorrido vestindo esta camiseta, desde o debut como sénior ata hoxe en día?
TM: «Como xogador non me sentín cómodo en ningún sitio como neste. Creo que a nivel persoal, de madurez, compañeirismo e como persoa cambiei moitísimo grazas a este club. Sempre estarei agradecido e contento por todo o bo que nos pase, xa non só polos xogadores, tamén pola directiva e os adestradores, que son excelentes».
FIG: Como recordas as túas outras experiencias como sénior en categorías máis altas (Silva, Montañeros, Laracha, Sigüeiro, Cerceda…)?
TM: «Teño moi bos recordos de todas esas experiencias. En todos os lados aprendes algo novo. Igual non tiven tanta sorte como nesta etapa, pero de todo se aprende».
FIG: Na Copa Coruña chegastes ata as semifinais, pero caístes este xoves ante o Paiosaco. Que valoración fas da vosa actuación nesta competición?
TM: «Creo que é un orgullo chegar ás semifinais da copa e competir da maneira que o fixemos. Fomos superiores durante os 90 minutos contra un rival de Preferente. Merecimos moito máis, pero non quixo entrar. É para estar moi contentos e orgullosos deste equipo. Agora toca centrarse no ascenso, xa sexa directo ou a través do playoff, se ao final o conseguimos».
































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































