# Hashtag

Os Diferenciais tamén deciden as copas (P. II)

Unha noite de copas é unha noite tola, segundo din as cantantes de Nueva Línea. Pero na orquestra canaria descoñecen que aquí en Galicia tivemos toda unha Semana Santa ateigada de partidos doutras copas. Así é. Os afeccionados ao fútbol rexional esquecéronse do parón na Primeira Futgal e puideron contentarse cunha nova rolda dos diferentes Torneos do K.O. da nosa xeografía. Partidos marcados, como non, polo bo facer dos Diferenciais

A Copa Deputación de Lugo (Primeira e Preferente)

Co Chantada e o Taboada fóra da competición, a final deste ano non repetirá a ningún dos seus protagonistas. Iso si, primeiro tocará presenciar unhas semifinais que prometen emoción e competitividade a partes iguais.

Alí estará o Atlético Escairón, quen selou o pase á seguinte rolda ao endosarlle un 0 a 4 ao Castro. Os do Saviñao non se presentaron con moitos efectivos, pero non lles custou moito encarrilar as cousas. Pouco antes da media hora, Noureddine abriu a lata para os azuis e, non contento con iso, ampliou a renda dos seus a piques de finalizar a primeira parte. Á volta dos vestiarios, os chairegos quedáronse cun xogador menos pola expulsión de Dani Díaz. Unha situación que aproveitou o conxunto visitante para poñer o terceiro no electrónico e, xa nos últimos intres, sentenciar a eliminatoria co terceiro de Noureddine. O atacante probou unha vez máis o seu olfacto goleador, garantindo co seu hat trick a clasificación a semifinais do Atlético Escairón.



A gran sorpresa da xornada tivo lugar no Ladairo, onde o Guntín se confirmou como o ‘mataxigantes’ da competición deixando fóra de combate ao vixente campión, o Chantada (3-1). Aínda non rematara de asubiar o árbitro cando os homes de Germán Campos xa tomaran a iniciativa no marcador. Non quedou aí a cousa e lograron aumentar a distancia antes de chegar ao entretempo. Con todo, os chantadinos non se renderon e, lonxe de tirar a toalla, reduciron a fenda na segunda metade. Unha alegría que lles durou ben pouco, pois Dani Pérez encargouse de poñerlle o peche ao duelo coa súa diana. Peza clave na ofensiva da ‘Laranxa Mecánica’, o extremo dereito está a realizar unha magnífica campaña tanto na liga como na copa.

Dani Pérez (Guntín) intenta recibir un balón presionado por Michi (Chantada). FOTO: RÓBER CARREIRA

As semifinais do Torneo do K.O. lucense quedan, polo tanto, do seguinte xeito: Ribadeo – Atlético Escairón e Monterroso – Guntín.

A Copa Deputación de Lugo (Segunda e Terceira)

Quen dixese que esta competición era a irmá pequena da anterior non pode estar máis equivocado. Basta con ver a implicación dos afeccionados a estes equipos, que non dubidaron un intre en acudir ata os campos a animalos.



Con claridade e contundencia, o Xermade deixou na cuneta ao Casás logo de derrotalo por cero goles a tres. Os chairegos non concederon oportunidades atrás e mostráronse resolutivos de cara ao gol, anotando dous ao bordo do tempo de lecer. Unha vez por diante, fixéronse donos e señores do encontro, sen apenas sufrir ningunha acometida do seu rival. Así transcorreu toda a segunda parte ata que Álex Gimeno acabou coas esperanza do Casás. O dianteiro vilalbés asinou un dobrete na súa conta particular, contribuíndo de maneira significativa ao pase do Xermade.

Máis axustado foi o San RoqueLemos B, resolto a favor dos lucenses na quenda de penaltis (2-2). O inicio non foi nada cómodo para os pupilos de Basi, xa que chegaron a encaixar dous tantos do filial monfortino. Lonxe de tirar a toalla, conseguiron reaccionar cunha anotación de Yelko nada máis comezar o segundo tempo. A cousa non quedou aí e o killer da cidade amurallada volveu ver porta desde o punto fatídico, levando a eliminatoria ata a quenda de penaltis. No fútbol, as inercias son unha realidade e o San Roque logrou culminar a súa fazaña nos 11 metros, onde foi mellor que o seu rival.

As semifinais desta Copa Deputación de Segunda e Terceira Futgal quedan, polo tanto, do seguinte xeito: Xermade – Ferreira e San Roque – Sporting Pontenova.



A Copa Deputación de Ourense

Os seareiros ourensáns estiveron de sorte nesta Semana Santa e puideron desfrutar dunha ración dobre da súa competición decana. De primeiro, uns cuartos de final polo Xoves Santo, mentres que as semifinais disputáronse o Domingo de Pascua. Vexamos un repaso á traxectoria dos dous combinados clasificados para a gran final:

Tras empatar a ceros no tempo regulamentario, o Cented Academy recorreu ao lanzamento de penas máximas para superar ao Sporting Celanova. Oira viviu un auténtico partidazo, apertado e igualado como poucos: expulsións, xogadas polémicas e ata un penalti errado caldearon o ambiente ata chegar ao momento decisivo. O cadro académico tivo mellor sorte e puido tombar ao seu rival grazas a unha mangífica intervención de Édgar, quen detivo o último lanzamento branquiazul. Días antes, o labor do porteiro tamén contribuíu á clasificación do seu equipo a semifinais, pois non encaixou ningún tanto no triunfo por 0 a 2 ante A Peroxa.

En Rozavales deuse un final semellante, onde o Monterrei acadou a vitoria ante o Maceda desde os 11 metros (0-0). Ámbolos dous equipos presentáronse nesta semifinal como as dúas grandes sorpresas desta edición copeira. Pero alguén debía quedar fóra desta vez. A intensidade foi unha constante durante os 90 minutos do encontro e tamén na quenda de penaltis. Alí, o Monterrei logrou o seu pase á finalísima. Fred anotou un deses lanzamentos redimíndose do seu erro nos cuartos de final fronte ao Córgomo. Iso si, os seus non estarían na rolda final se non fose polo atacante luso, pois foi el o autor do empate na rolda anterior, a cal os enfrontou ao cadro valdeorrés (1-1, Monterrei en penaltis).

A Copa Deputación de Pontevedra

No momento no que se publique este artigo, xa se coñecerán os catro combinados seminifinalistas. Será entón cando se saiba o vencedor do Progresista – Cultural Areas e o Gondomar – Alertanavia, cuxa resolución publicaremos neste artigo a modo de actualización.

Contra todo pronóstico, o Atlético Combarro impúxose por 3 a 2 ao Villalonga. A pesar da diferenza de dúas categorías, os da Seca sorprenderon ao seu contrario cun gran inicio. Dous goles en apenas un cuarto de hora desataron a tolemia na bancada celeste, que está a vibrar cos seus xogadores polo bo papel realizado tanto na liga como na copa. Pero as cousas non ían ser tan doadas e o Villalonga conseguiu achegarse no electrónico mediada a primeira parte. Os locais souberon repoñerse do golpe e volveron a cravar o coitelo grazas ao bo facer de Turu, quen firmou a súa terceira anotación neste competición. Un gol psicolóxico nun momento clave e que paralizou por completo á escuadra de Sanxenxo, incapaz de darlle a vola á situación.



Celebración do Atlético Combarro ao pasar ás semifinais da Copa Deputación. FOTO: ATL. COMBARRO

Ao Portonovo non lle foi doado facer os deberes, xa que lle tocou remontar o seu duelo ante o Noalla (2-3). Dun xeito semllante ao ocorrido en Poio co Atlético Combarro e o Villalonga, o equipo de categoría máis baixa foi o primeiro en atacar. A ameaza de quedarse fóra do torneo activou aos arlequinados e lograron reducir a diferenza antes de pasar pola caseta. Á súa volta, fixeron o 2 a 2 e, empuxados pola boa dinámica, completaron a remonta cun terceiro tanto obra de Moncho. Chegado ao Baltar desde o veciño Villalonga, o media punta está a exercer un rol chave nun Portonovo que agarda coarse nos play off de ascenso a 3ª RFEF, e tamén na final da Copa Deputación.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Os Diferenciais tamén deciden as copas (P. II)

Os Diferenciais tamén deciden as copas

Os Diferenciais tamén deciden as copas (P. II)

Os Diferenciais tamén deciden as copas (P.