# Hashtag

Historias que chegaron á fin: algúns equipos que nos deixaron

O fútbol non só se constrúe con vitorias, títulos e afeccións entregadas; tamén está cheo de historias que, por distintos motivos, chegan á súa fin. Nas últimas temporadas, varios equipos desapareceron do mapa deportivo debido a problemas económicos, á falta de xogadores para manter a súa actividade ou ao impacto da pandemia.

Así que nesta xornada festiva aproveitamos para lembrar proxectos que, nun momento dado, formaron parte do tecido futbolístico. Cómpre subliñar que esta listaxe non recolle todos os equipos que cesaron a súa actividade recentemente. Por iso, convidámosvos a participar: a través das nosas redes sociais podedes achegar os nomes doutros clubs desaparecidos nos últimos anos.

Se miramos os grupos da Primeira Futgal da temporada na que estalou a pandemia atopamos varios equipos que non seguen en competición. Por exemplo, o Atlético Riveira, agora renomeado como Cidade de Ribeira tras a fusión co Sálvora.



Outra fusión foi a protagonizada polo desparecido Piloño, que tras quedar sen directiva acabou unindo forzas coa SD Cruces. Fora unha negociación complexa e á reunión na que se fixera o anuncio chegara a asistir o agora presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán.

Seguindo cos equipos da Primeira Galicia 2019/20 que hoxe non seguen en competición hai que facer parada no grupo ourensán. O Covadonga non pasaba desapercibido en ningún campo. Seguiu xogando ata a temporada 24-25, que rematou na zona media da Terceira Futgal. Tras a pandemia borrouse a marca da SD Valenzá, que camiñaba dende varios anos antes da man do Barbadás. En Bande fundouse en 1996 a SD Bande, agora fora da competición. Nese mesmo concello existe dende 2023 o Bande FC.

Outros casos

A Segunda Futgal de antes da pandemia tiña outros equipos que hoxe non podemos atopar en competición en categorías sénior masculina. Son o Español SD, O Pote de Fene, Vilarmaior, Sálvora (fusionado co Atlético Riveira), AD Manuel Peleteiro, Laro de Silleda, Leiro, Carballeira ou Manchica.



Tamén o CD Cospeito, que continúa, iso si, cun equipo de fútbol sala. Se nos remontamos unha decada atrás atopamos equipos como o Valle de Oro ou o Ribeiro FC, equipo agora de fútbol sala.

Historias que chegaron á fin: algúns equipos que nos deixaron

As estrelas da Segunda Galicia: as goleadoras