# Hashtag

O talento divino dos Diferenciais (P. II)

Tamén para a competición ao sur da nosa comunidade, onde a Semana Santa se encargará de poñer a punto o reloxo da conta atrás. Si, lestes ben. Queda pouco para o remate da Primeira Futgal e os diferentes equipos xa están a prepararse para enfrontar este último treito do curso futbolístico. Na súa misión, van agradecer calquera axuda ou intervención divina por parte dos seus xogadores máis Diferenciais

Goles son amores

Os tantos foron os grandes protagonistas da fin de semana en terras de afiadores, onde houbo varias goleadas, así como resultados avultados á par que axustados.

Vitoria balsámica para o Maceda, que racha coa súa mala xeira ao endosarlle un contundente 5 a 0 ao Polígono San Cibrao. Logo dun inicio igualado, o conxunto do Cardeal Quiroga comezou a carburar e mesmo chegou a marcharse ao descanso cunha vantaxe de dous goles. O guión non mudou no reinicio e puideron aumentar a súa vantaxe en outras dúas accións, unha delas culminada por Arón. Pese a non ser aínda un xogador en idade senior, o xuvenil xa sabe o que é estrearse cos maiores. Este foi o seu cuarto tanto nunha campaña onde está a contribuír de maneira significativa á ofensiva do primeiro equipo.



Fran (Maceda) realiza un disparo a porta. FOTO: Brais y sus Amigos

Máis axustado foi o Nogueira de RamuínMonterrei, resolto cun 3 a 4 favorable aos visitantes. Se ben a primeira metade foi algo máis gris e aburrida para os afeccionados reunidos na Tella, a segunda non deixou a ninguén indiferente. As idas e vidas foron unha constante ata que o partido entrou na súa fase final. Chegados á prolongación, Fred desequilibrou a balanza desde o punto fatídico, selando un dobrete chave para garantir os tres puntos a prol dos homes de Steven da Silva. Arestora, atópanse asentados na metade da clasificación, ocupando a sexta posición.

Aos seus veciños tamén lle saíron ben as cousas nesta fin de semana. Co tropezo do Córgomo e a súa goleada ante o Melias (5-1), o Verín consolídase como o favorito para ascender neste último mes e medio. O seu bo inicio permitiulles tomar a iniciativa desde ben cedo, ampliando a renda pouco antes do descanso. Tombada sobre a lona, a escuadra branca e verde logrou recompoñerse e mesmo achegarse no electrónico. Foi entón cando apareceu Jorge para poñer de terra de por medio, completando o seu hat trick particular malia xogar como defensa central.

Sen sorpresas, por favor

A estas alturas da temporada, calquera tropezo pode acabar con todo o esforzo e o traballo dun ano. Por iso, é mellor asegurar canto antes os diferentes obxectivos…



Visitar o Municipal do Souto non é tarefa doada para ningún conxunto, pero o Atlético Cuntis sacou de alí os tres puntos ao derrotar por cero goles a tres ao Flavia. Román foi o encargado de abrir a lata para o conxunto de Tabeirós, ao que puxo por diante pouco antes do parón obrigatorio. Fundamental na medular da Ran, o mediocentro de Caldas de Reis sumou así a súa novena anotación nesta campaña. O gol sentoulle mal aos locais e estes desconectaron por completo, encaixando un tanto en propia meta e un terceiro minutos despois.

Sport Team Estrada e Pontecaldelas conformáronse co reparto de puntos ao non pasar do 1 a 1. Aínda non transcorrera a primeira media hora cando Juanín fixo o primeiro da tarde. Quen se non? O extremo de Vedra demostra cada xornada que é un xogador doutra categoría, tal e como proban as súas vinte e dúas dianas nesta campaña. Con todo, os estradenses non deron aguantado o resultado e viron como o seu rival lles empataba mediada a segunda parte, negándolles a posibilidade de reencontrarse co triunfo.

Por outra banda, o Cordeiro venceu ao Amanecer (0-2) e aínda mantén viva a esperanza de facerse co terceiro posto. Se ben o inicio estivo igualado, os de Valga non perderon os papeis e conseguiron furar as redes locais no minuto 25. Máis tarde, Samu fixo o segundo, pechando practicamente o duelo. Trátase do noveno gol para o atacante de Pontecesures, que xa supera os rexistros anotadores do ano pasado. A partir de entón, o Cordeiro só tivo que xestionar o ritmo de xogo para asegurar os tres puntos e acadar o seu segundo +3 consecutivo.



Pola vía fácil

Os seareiros sempre queren a súa dose de emoción futbolística, mais tamén agradecen cando toca unha xornada onde non é necesario sufrir. Que lle pregunten aos do grupo 6…

Pasan os meses e o Xuvenil de Ponteareas segue a manterse invicto neste 2026. Nesta ocasión, os da vila do Tea golearon por un gol a cinco a un Candeán que viña de encadear tres triunfos consecutivos. Aos de Alejandro Martínez non lles custou entrar en xogo e, a pesar de recibir un tanto, fóronse aos vestiarios cun 1 a 3 favorable aos seus intereses. No reinicio, viron aumentar a súa renda grazas a un autogol do Candeán, que non puido evitar o quinto e definitivo gol de Cándido. O dianteiro foi un auténtico pesadelo para a zaga olívica e coa súa dupla, acabou practicamente coas opcións de permanencia do equipo do José Costas.

Tampouco tivo moito problema o Mos, vencedor no seu enfrontamento ante o Chaín (3-0). Aos vinte minutos de ter comezado o choque, Xián Mariño fixo o primeiro e, non contento con iso, volveu poñer en pé a toda a bancada das Baloutas. Un comezo inmellorable para os de amarelo e negro, que redondearon a súa actuación logo de furar as redes rivais por terceira vez. E si, foi o propio Xián Mariño quen selou o triunfo, ademais de completar o seu hat trick persoal. Chegado desde as filas do xuvenil do Santa Mariña, está a demostrar toda a súa valía na súa primeira temporada como senior.

Na Granxa houbo exactamente o mesmo resultado, pois o Domaio gañou por 3 a 0 ao Vilaboa. Neste caso, non foi un rapaz o heroe do encontro, senón un home con moito fútbol –e, sobre todo, maxia –ás súas costas: Jonás. O killer vigués volveu tola á defensa do combinado de Cobres, incapaz de deixalo no dique seco. Nos primeiros 45 minutos selou un dobrete e, xa na segunda metade, volveu facer das súas para culminar a súa tripla anotadora. Calquera equipo se pelexaría por contar cunha referencia como Jonás que, aos seus 38 anos, leva xa nove goles en apenas catorce participacións.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



O talento divino dos Diferenciais (P. II)

O talento divino dos Diferenciais

O talento divino dos Diferenciais (P. II)

O talento divino dos Diferenciais (P. II)