# Hashtag

O talento divino dos Diferenciais

A Semana Santa chegou de súpeto e con ela, como non podía ser doutro xeito, a Primeira Futgal vese na obriga de parar. Lonxe de tombarse a descansar, os equipos comezan a prepararse para dalo todo neste treito final da temporada. Hai moito en xogo e ninguén quere botalo a perder, por iso as afeccións xa lle están a pregar aos seus santos particulares –os Diferenciais –pola consecución dos obxectivos.

A chave é sumar

Durante os 90 minutos, ningún xogador pensa noutra cousa que non sexa facerse co +3 pero, moitas veces, o importante é facer como no grupo coruñés e non deixar de sumar en cada partido.

Por exemplo, o Oza Xuvenil salvou un punto importante logo de empatar a tres fronte ao Sporting Cambre. Aínda non rematara de asubiar o árbitro cando as ‘quenllas’ fixeron o primeiro da tarde, ao que seguiu outro tanto obra de Samuel Rumbo. A reacción branca foi inmediata e os homes de Mauro García reduciron a diferenza aos tres minutos. Tras o paso polos vestiarios, a maquinaria cambresa seguiu a pisar o acelerador e deulle a volta ao electrónico nun instante. Foi entón cando Samuel Rumbo volveu aparecer en escena, rescatando ao Oza Xuvenil co vixésimo gol na súa conta particular.



Tamén houbo reparto de puntos no Misael Prieto, onde Meirás e Relámpago non pasaron da igualada (1-1). Un bo comezo do cadro de Valdoviño permitiulles tomar a iniciativa e irse ao tempo de lecer cun resultado favorable. Pero os visitantes non se renderon e conseguiron o empate grazas ao bo facer do seu atacante, Joni. Chegado desde as filas do Ordes, o dianteiro de orixe paraguaio está a facer un bo curso futbolístico en Elviña, onde xa deixou o seu selo en tres tantos.

Ao Olímpico non lle custou desfacerse do Imperator e superou ao cadro herculino por catro goles a un. Logo dun inicio algo máis igualado, os de Rutis lograron desequilibrar a balanza antes de chegar á media hora de encontro. A partir de aí, a súa ofensiva foi incontestable, aumentando a súa vantaxe dúas veces máis. O golpe de graza chegou na segunda metade, cando Maka, capitán e killer do Olímpico, rematou a faena. Home de club, o interior esquerdo segue a contribuír de maneira significativa e, proba diso, os seus dez goles na presente campaña.

Unha de cal e outra de area

Afeccionados ao fútbol rexional, estades de sorte co grupo 2. A falta de seis xornadas para a súa conclusión, a táboa clasificatoria non pode estar máis axustada e promete dar que falar nas próximas fins de semana.



Mes e medio despois, o Muxía volve á senda da vitoria ao bater ao Arzúa por dous goles a un. A Manu Nogueira bastáronlle cinco minutos para abrir a lata e desatar a tolemia na bancada de Arliña. Como se fose un súper heroe, o capitán dos ‘corviños’ sempre aparece cando máis o precisa o seu conxunto. Iso si, o ‘Queixo Mecánico’ non tirou a toalla e saíu mellor da caseta, empatando o duelo ao pouco de volver ao terreo de xogo. O líder pareceu recobrar a esperanza por sacar algo positivo de Muxía, pero nada máis lonxe da realidade. Dez minutos despois de conseguir o 1-1, a escuadra da Virxe da Barca atopouse cunha pena máxima que non erraron, facéndose co triunfo e rachando a súa mala xeira.

Manu Nogueira (Muxía) celebra o seu gol no partido fronte ao Arzúa. FOTO: @marinabusto.foto/MUXÍA CF

Para goleada a vivida no Vicente Carril, onde o Vizoño lle endosou un contundente 1 a 4 ao Camariñas. Boa parte de culpa tivo Jesu quen, ademais de asinar o primeiro tanto dos abegondeses, volveu ver porta no segundo tempo para encarrilar as cousas. O mediocentro betanceiro está a sorprender a toda a categoría coa súa faceta goleadora: quince anotacións en vinte e seis participacións. Co seu dobrete, o Vizoño recuperou a iniciativa e mesmo chegou a ampliar a diferenza na fase final dun encontro que prolonga a fochanca particular dos pupilos de Juan Cabrejo.

Boimorto e Club do Mar tiveron que conformarse co reparto de puntos (2-2). Liderados por un Manu Casal en estado de graza, os de Marc Vidal dominaron ao seu rival nos primeiros 45 minutos. E é que o interior melidao saíu co gol entre cella e cella, furando ata en dúas ocasións ás redes do cadro de Caión. Así e todo, o guión do encontro cambiou radicalmente debido á expulsión de Uxío. Cun xogador máis no campo, o Club do Mar comezou a gañar presenza na área rival e, froito desas aproximacións, lograron reducir a fenda. Xa nos instantes finais, unha pena máxima posibilitoulles sacar un punto da súa visita ao Carballal.



Pasos firmes

O remate da competición está próximo e nas terras da Muralla cómpre sacar adiante os enfrontamentos, evitando calquera tropezo na medida do posible…

Non fallou o Outeiro de Rei, vencedor do seu duelo ante o Iberia (2-1). Os do Municipal fixéronse co control do esférico desde os primeiros compases do xogo, malia non seren capaces de atopar ocos na defensa visitante. Froito da súa insistencia chegou o 1 a 0 nas botas de Lucas, quen fixo valer unha vez máis o seu potencial ofensivo. Acostumado a xogador como lateral, o outeirés é un auténtico puñal nas súas subas pola banda esquerda, tal e como probou esta fin de semana. Unha vez tomaron a vantaxe, os xogadores adestrados por Fernando Corredoira mantiveron a raia ao Iberia ata poñer o peche cun segundo tanto.

Ao axexo do Monterroso segue o Ribadeo, que goleou por 4 a 0 ao Chantada Atlético. Se ben o inicio foi parello, todo mudou cando o combinado do Pepe Barrera conseguiu botar abaixo a defensa albivermella. Non quedou aí a cousa e, á volta do tempo de lecer, asestáronlle outros dous golpes, un deles obra de Meitín. O killer de Portocelo é un seguro arriba e, con doce goles na competición, estase a revelar como unha peza fundamental na ofensiva celeste. Aínda houbo tempo para máis e o Ribadeo volveu anotar para acabar con toda opción de remonta.

A sorpresa da xornada tivo lugar na Cheda, onde a Residencia caeu ante o Castro por cero goles a un. Tarde para esquecer no equipo capitalino, que non se atopou cómodo en ningunha fase do enfrontamento. Pasado o primeiro cuarto de hora, Dani Díaz rematou unha xogada de estratexia para adiantar aos de Dumi, decididos a asaltar o campo do segundo clasificado. Sólidos atrás e sen titubear cando tiñan o balón, os chairegos non tiveron problema en deixar fóra de combate a unha ‘Resi’ que se descolga por completo das opcións de ascender de xeito directo.  

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



O talento divino dos Diferenciais

O Arosa colle o liderado na Terceira

O talento divino dos Diferenciais

O talento divino dos Diferenciais (P. II)