# Hashtag

Os Diferenciais estrean a primavera con emoción en aumento (P. II)

Coa chegada da primavera, os campos da Primeira Futgal xa visten as súas mellores galas. Quedan só dous meses para o remate da competición e comezan a sentirse os nervios, tanto nos equipos como nas súas respectivas afeccións. E así como as bolboretas navegan polo bandullo dalgún que outro xogador ou seareiro, tamén comezan a aparecer nos terreos de xogo. Normal, pois elas tampouco queren perderse as exhibicións dos Diferenciais.

Apertar ata o final

No grupo ourensán, os diferentes participantes están decididos a competir ata que a competición poña o seu punto e final en maio. Non por nada, as terras dos afiadores son coñecidas polo seu carácter aguerrido.

Ao axexo do Verín segue o Córgomo, tras superar por tres goles a dous a un combativo A Peroxa. Malia contar co apoio do Bañadoiro, os pupilos de Iván González non comezaron con bo pé, encaixando dous tantos ao bordo do tempo de lecer. Iso si, a reacción foi rápida e conseguiron reducir a diferenza antes de finalizar a primeira metade. Un punto de inflexión que marcou a remonta dos de Vilamartín de Valdeorras, liderados unha vez máis polo seu killer, Dani Real: dobrete na súa conta particular e tres puntos para o peto branco e verde.



Dani Real celebra un dos seus goles coa afección do Córgomo. FOTO: TORFY/CD CÓRGOMO

Non foi sen esforzo, pero o Velle levouse finalmente a vitoria ante o Loñoá (2-1). Benito abriu a lata para os ourensáns, nun inicio de partido onde foron superiores ao cadro da cerámica. A alegría durou pouco, pois os visitantes arrefriáronlle os ánimos logo de reequilibrar a balanza. Con todo, a persistencia do Velle en ataque permitiulle tomar a iniciativa desde os once metros, novamente por mediación dun estelar Benito. Cando o atacante entra en acción, poucas defensas poden paralo tal e como se demostrou esta fin de semana.

Sufriu menos o Monterrei, xa que lle endosou un claro 5 a 1 ao Maside. Se ben os primeiros 45 minutos contaron con poucas oportunidades por parte de ámbolos dous equipos, a cousa mudou bastante á volta da caseta. A escuadra de Rozavales chegou con máis gasolina á última fase do duelo, adquirindo unha vantaxe de tres tantos en apenas un cuarto de hora. Lonxe de renderse, os xogadores adestrados por Mindo Surribas aproximáronse no electrónico, aínda que foron sentenciados por unha dupla de dianas de Serginho.

Un papel digno

A cabeza do grupo 5 defínese máis co paso das xornadas. Marín, Ribadumia e Unión continúan intratables, pero iso non significa que non haxa emoción cada fin de semana…



Por exemplo, o Arcade fixo os deberes e venceu por tres goles a un ao Sport Team Estrada. A pesar de comezar por baixo, o combinado ostreiro soubo repoñerse do mazazo grazas ao bo facer de Fer Crespo. Trátase do cuarto gol do dianteiro, capital no bo rendemento ofensivo dos seus. Acto seguido, o Arcade envorcouse arriba e fixo o segundo da tarde para, na prolongación, certificar o +3 cun terceiro tanto. Con este resultado, consolídanse na novena posición á espera de confirmar a salvación matemática nas vindeiras datas.

Sorrí o Caldas e non é para menos, pois bateu por 2 a 0 ao Abanqueiro, afastándose máis da liña vermella do descenso. O duelo estivo igualado desde os primeiros compases do xogo, sen que ningún dos dous combinados fora quen de aproximarse á meta contraria. Así e todo, os locais mantiveron a intensidade ata o final, asestando os golpes de graza na última media hora. A segunda diana levou, precisamente, a sinatura do one club man Juan Carlos Caamaño. Neste curso futbolístico, o canteirán das Corticeiras leva xa catro anotacións chave para que os seus poidan respirar tranquilos nestes dous últimos meses.

Decidido a cambiar a súa sorte, o Agolada permanece na loita por evitar a queima ao facerse co triunfo ante o Atlético Cuntis (1-2). Nada máis volver do paso polos vestiarios, os homes de Julio Alberto Fernández puxéronse por diante. O gol non fixo baixar os brazos nas filas da Ran e os de amarelo e negro igualaron a contenda uns intres máis tarde. Unha ledicia efémera, xa que Cristian viu porta, botando por terra os esforzos do Atlético Cuntis.



Sol? Pois toma chuvia de goles!

O bo tempo xa aterrou en Vigo e arredores, mais as treboadas de goles seguen a ser unha constante para a fortuna dos afeccionados vigueses. Só hai que botar unha ollada a esta xornada.

Despois de sacar dous resultados adversos nos seus últimos compromisos, o Vila do Corpus desquitouse e acabou coa súa mala dinámica ao tombar por tres goles a dous ao Domaio. A Xoel Giráldez bastoulle un cuarto de hora para ver porta por primeira vez no enfrontamento. Non contento con iso, o ariete pontearareán volveu á carga e puxo por riba aos seus, logo de teren encaixado o empate desde o punto fatídico. Os de Angoares volveron á carga no 40, aumentando a súa diferenza e acabando coas esperanzas do seu rival.

Por outra banda, a ofensiva do Racing Castrelos tivo un bo día no Lito Oliveira, onde derrotou con claridade ao Goián (2-7). Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando o equipo do Baixo Miño xa conseguira golpear. Nin dous minutos tardaron os albivermellos en poñer as táboas, adiantándose posteriormente por mediación de Iván Mingotes, quen asinou un segundo tanto momentos despois. A partir de entón, os vigueses convertéronse nunha apisoadora que esnaquizou por completo ao Goián, incapaz de facer fronte ao seu torrente ofensivo.

Para a goleada a vivida no VilaboaGondomar, resolto cun 1 a 8 a prol dos segundos. Ao igual que no caso anterior, os derrotados foron os primeiros en golpear. O tanto fixo espertar aos do Val Miñor, que subiron as súas prestacións dun xeito exponencial. Durante 45 minutos non deixaron de pisar o pé do acelerador e, froito desa dominancia, chegaron a furar as redes do conxunto de Cobres ata en 8 ocasións. Dúas delas levaron o selo dun sensacional Javi Alonso, cuxa temporada está a ser magnífica.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Os Diferenciais estrean a primavera con emoción en aumento (P. II)

Os Diferenciais estrean a primavera con emoción

Os Diferenciais estrean a primavera con emoción en aumento (P. II)

Os Diferenciais estrean a primavera con emoción