# Hashtag

Os Diferenciais brillan co bo tempo (P. II)

Din que “Ata o 40 de maio, cómpre non quitar o saio”, mais o sol xa comezou a asomarse polos campos da Primeira Futgal. E con el, chega tamén o treito decisivo da temporada, esas xornadas onde se decide todo para ben ou para mal. Os seareiros xa están dispostos a animar e os equipos, a loitar pola consecución dos seus diferentes obxectivos. Para iso, como non pode ser doutro xeito, contarán coa axuda dos seus xogadores máis Diferenciais.

Aínda non se dixo a última palabra

En Ourense ben é sabido que ningún dos participantes do grupo 4 vai deixar de competir ata o final. Non importa se se atopan inmersos na loita por subir a Preferente Futgal, por salvar a categoría ou por facer, simplemente, un bo papel.

Non se rende La Purísima, pois coa súa vitoria ante o Maceda (1-0) sitúase a un punto dos postos de tranquilidade. Nada máis comezar o partido, Javi Suances furou as redes do Cardeal Quiroga para poñer por diante aos seus. O extremo esquerdo estase a consolidar como unha das referencias da ofensiva verde, da que é un dos seus máximos realizadores con nove dianas. Unha vez tomaron vantaxe, os ourensáns mantivéronse firmes en defensa e frustraron todos os intentos de igualada dos macedaos.



Na Carabina celebraron por todo o alto o +3 do Loñoá, que derrotou ao Monterrei por dous goles a cero. O gran inicio dos pupilos de David Rivo permitiulles levar o peso do encontro nos primeiros compases do xogo. Ademais de ver porta aos catro minutos, contaron con máis oportunidades para ampliar a súa renda ata logralo finalmente no último treito. Ben sexa actuando como titular ou entrando desde o banco, David Ferreiro sempre cumpre co seu cometido e, nesta ocasión, foi el quen se encargou de poñer a sentencia.

Co tropezo do Córgomo, o Verín fíxose co liderado ao impoñerse por 3 a 1 ao Francelos. Iso si, non lles foi nada doado. Os ribeiráns sorprenderon ao conxunto do José Arjiz, cuxa reacción chegou xusto antes do tempo de lecer. Xa na segunda metade, os de Tomás Cibeira volveron facerse coa iniciativa no marcador e o Verín quedou cun xogador menos, o que complicaba as súas opcións de remontar o choque. Así e todo, lograron recompoñerse e igualaron a contenda cunha pena máxima para, sobre a bucina, levarse o triunfo grazas ao segundo gol do seu capitán, Hugo.

Un triunvirato destacado

Lonxe de resolverse, a cabeza do grupo pontevedrés encara os últimos dous meses de liga nunha situación de igualdade máxima, con tres equipos dispostos a pelexar por facerse co título e o ascenso.



A pesar de sufrir máis do contado no derbi barbancés, o Unión bateu por un axustado 2 a 3 ao Abanqueiro. O duelo non puido comezar mellor para os de Asados, adiantándose aos dez minutos nunha boa acción de Chicho. Pero as cousas mudaron rapidamente e, nun visto e non visto, a escuadra local deulle a volta á tortilla, levando un resultado favorable ao entretempo. Lonxe de tirar a toalla, os vermelleron encomendáronse a Chicho para voltear a situación. O killer de Lousame non fallou e respondeu as expectativas con outros dous tantos que lle serviron para selar unha magnífica actuación individual cun hat trick.

Por outra banda, o Ribadumia volve á senda da vitoria ao gañar por tres goles a dous a un combativo Cordeiro. Tras o asubío inicial, o árbitro volveu aparecer en escena e sinalou unha pena máxima a prol do conxunto amarelo e negro. A Cristian non lle tremeron as pernas e, desde os 11 metros, conseguiu abrir a lata. Unha alegría efémera, pois os visitantes non se desanimaron e fixeron o empate ao pouco de encaixar o penalti. O tira e afrouxa continuou durante os primeiros 45 minutos mais, á volta da caseta, Cristian puxo terra de por medio co terceiro tanto do Ribadumia, e o segundo na súa conta persoal.

E aferrado á primeira posición segue o Marín despois de endosarlle un contundente 4 a 1 ao Atlético Cuntis. Aos de San Pedro bastáronlle tres minutos para poñer en pé a súa bancada grazas ao bo facer de Sylla. Non contento con iso, o atacante senegalés volveu facer das súas e selou o seu dobrete antes de chegar ao descanso. O Marín non deixou de pisar o acelerador e ampliou a súa renda ata en dúas ocasións máis, acabando con calquera opción dos seus contrincantes por rescatar un punto da súa visita ao Morrazo.



Jacobo Millán (Marín) prepárase para realizar un disparo. FOTO: @victoryeyesport.

Persistencia

Se un conxunto quere chegar a bo porto, cómprelle persistir e non renderse ata que os números digan o contrario. No grupo olívico coñecen ben esa virtude…

Pese a non ocupar as prazas de play off, o Sporting Guardés non renuncia a elas. Os homes de Toñete puxéronse o mono de traballo e deixaron na cuneta a un Caldelas (2-1) que lles puxo as cousas moi complicadas. Se ben a primeira manga foi gris e sen moitas ocasións por parte de ámbolos dous equipos, o guión cambiou completamente na segunda. Nada máis volver dos vestiarios, os tudenses superaron a defensa amarela e negra, aínda que a reacción local non se fixo agardar. Liderados por Víctor, quen asinou un dobrete, voltearon o electrónico para facerse con tres puntos moi importantes para as súas aspiracións.

Suma e segue para o Atlántida de Matamá, que continúa á cabeza da táboa clasificatoria ao vencer ao Mos por dous goles a catro. As idas e voltas foron constantes ata chegar aos dez últimos minutos de partido, momento onde se decidiu todo. Consolidado como o ‘revulsivo’ por excelencia do líder, Guille entrou desde o banco e cun dobrete solucionou a papeleta para os vigueses. Logo dunha boa campaña no Val Miñor, o dianteiro está a mellorar os seus rexistros goleadores en Penedo da Moo e leva, con estas dúas, nove anotacións neste curso futbolístico.

O Caselas tamén fixo os deberes e co seu triunfo por 2 a 0 ante o Goián, xa asoma a cabeza fóra do descenso. Decidida a sacar algo positivo da Gándara, a escuadra do Baixo Miño soubo aguantar no electrónico ata a segunda parte, cando lle fraquearon as forzas. Boa parte de culpa tivo Hugo González que, en menos de dez minutos, asinou unha dupla de tantos para a desesperación do Goián. Home-gol da ofensiva celeste, o atacante é unha das pezas chave para o bo rendemento dun Caselas que soña con permanecer un ano máis na Primeira Futgal.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Os Diferenciais brillan co bo tempo (P. II)

Os Diferenciais brillan co bo tempo

Os Diferenciais brillan co bo tempo (P. II)

Os Diferenciais brillan co bo tempo (P.