O Xove Lago vive o seu mellor momento da tempada tras encadear tres vitorias consecutivas que lle permitiron abandonar os postos de descenso. A goleada por 4-0 fronte ao Chantada Atlético confirmou a reacción dun equipo moi novo que soubo sobrepoñerse a un inicio de curso cheo de dificultades. As lesións de xogadores clave, os cambios no banco e a falta de efectividade nas áreas levaron ao conxunto mariñao a ocupar o último posto durante varias xornadas.
Con todo, a chegada de Piru ao banco e a unión dun vestiario formado en gran parte por futbolistas que creceron xuntos nas categorías inferiores do Viveiro axudaron a cambiar a dinámica. Con só 21 anos, Carlos Timiraos asumiu esta tempada o papel de capitán tras as baixas de Jesús e Hugo Pérez. O defensa destaca o traballo colectivo do equipo e asegura que o obxectivo agora é claro: manter a boa liña de resultados para asegurar a permanencia.
Futbolingalicia: O Xove Lago protagonizou a gran goleada da xornada ao vencer por 4-0 nun duelo moi directo ante o Chantada Atlético. Que valoración fas do partido?
Carlos Timiraos: «Foi un partido no que traballamos os 90 minutos, como levamos facendo nos últimos encontros. Ese esforzo está facendo que o equipo acumule tres resultados positivos seguidos».
FIG: Esta vitoria súmase ás dúas anteriores para completar unha xeira de tres partidos seguidos gañando e saír do descenso. Como está actualmente o vestiario?
CT: «Esta tempada levamos tres adestradores e pasamos por moitas situacións complexas, pero o gran grupo de rapaces que forma este equipo e o feito de levar xogando xuntos toda a vida nas categorías inferiores do Viveiro axuda moito. Agora, despois de saír da zona de descenso, estamos ilusionados e moi focalizados en conseguir a salvación».

FIG: Que cambiou para conseguir estes nove puntos seguidos?
CT: «Hai varios factores: a intensidade nos partidos, a efectividade na área rival e a seguridade na nosa área. Ademais, a chegada de Piru como adestrador favoreceu moito esta boa xeira grazas ás súas indicacións tácticas e ás ganas de axudar desde o primeiro día».
FIG: Que valoración fas do inicio de tempada, que vos levou a ser o colista da categoría?

CT: «O comezo foi moi complicado. As lesións dos nosos capitáns, Jesús e Hugo, os tres adestradores que levamos e a pouca efectividade nas dúas áreas fixeron que nos meteramos na zona máis baixa da clasificación. Grazas ao esforzo do equipo e da afección estamos conseguindo revertelo».

FIG: Como ves a loita polo descenso?
CT: «Vai ser unha loita moi sufrida, con moitos equipos coa posibilidade de descender. Pero no Xove temos claro que, se seguimos facendo as cousas ben, conseguiremos o obxectivo».
FIG: Esta fin de semana enfrontádesvos ao Guntín. Confiades en lograr a cuarta vitoria consecutiva?
CT: «Intentaremos conseguir un bo resultado fóra da casa, sen a nosa afección, que sempre é máis complicado. Como xa dixen, a mentalidade que temos é a de gañar o máximo número de partidos posible ata o final da tempada, e iso pasa por intentar gañar o domingo nun campo complicado».

FIG: Ata que punto vos afecta a vosa situación xeográfica á hora de adestrar?
CT: «É unha das cousas máis complexas deste equipo, xa que a metade do cadro está estudando fóra. Aínda así, os xogadores facemos todo o posible: tanto indo adestrar a Xove como facendo traballo pola nosa conta para chegar o mellor posible aos partidos».
FIG: Sodes un vestiario moi novo. Como se leva iso no día a día?
CT: «Ten a súa parte boa e a súa parte mala. Hai moi bo ambiente e iso fai que todos esteamos a gusto, pero a nosa xuventude tamén pode facer que pequemos de novatos nalgunhas situacións».
FIG: Aos teus 21 anos xa es capitán do equipo. Que significa isto para ti?
CT: «Este ano non ía ser capitán, pero as lesións primeiro de Jesús e despois de Hugo Pérez fixeron que Álex e máis eu tivésemos que asumir ese papel coa ilusión e responsabilidade que supón, e máis nun equipo como a UD Xove Lago. Dentro de pouco xa teremos de volta a Hugo Pérez, o noso capitán, que seguro que lle vai dar un salto de calidade ao equipo».













































































































































































































































































































































































































































































































































































































