Non só na Primeira División as condicións meteorolóxicas adversas condicionaron a fin de semana. En Galicia, o paso das borrascas provocou tamén aprazamentos na Terceira RFEF.
Os partidos previstos para o sábado entre o Juventud Cambados e a SD Compostela, así como o Céltiga-Estradense, foron finalmente suspendidos debido ao mal estado dos terreos de xogo de Burgáns e do Salvador Otero. As directivas dos dous clubs arousáns decidiran a comezos da semana adiantar os encontros como medida preventiva ante a previsión meteorolóxica, aínda que o cambio non resultou suficiente.
No caso do Cambados-Compostela, o encontro disputarase o vindeiro 28 de febreiro, coincidindo coa participación da selección galega na fase final da Copa das Rexións da UEFA. O Céltiga-Estradense, pola súa banda, xogarase o martes de Entroido, o 17 de febreiro. Trátase dun duelo clave para un Compostela que viu como o Arosa lle recortaba distancias na clasificación, así como para un Juventud Cambados inmerso na loita pola permanencia.
Así foi a xornada
No resto da xornada si houbo fútbol, con estes resultados: Alondras 2-0 Atlético Arteixo, Boiro 0-1 Barco, Villalbés 2-2 Viveiro, Lugo B 1-2 Arosa, Silva 1-0 Somozas, Gran Peña 1-1 Montañeros e Barbadás 1-0 Noia.
Imaxe de portada: Club Juventud Cambados




















































































































































































































































































































































































































































































































































































