# Hashtag

Juanín, Sport Team Estrada: «Creo que o club irá a máis ano a ano»

Juanín foi un dos grandes protagonistas da xornada tras asinar un dobrete na vitoria por 0-2 fronte ao Marín, un dos resultados máis destacados da fin de semana. O dianteiro pon en valor o traballo colectivo, a intensidade e a confianza no potencial do grupo.

O atacante do Sport Team Estrada analiza o momento do equipo, os obxectivos do club, a súa saída do Estradense tras sete tempadas e o seu rendemento goleador nun curso no que asegura que tanto el como o cadro aínda teñen marxe de crecemento.

Futbolingalicia: O Sport Team Estrada protagonizou esta fin de semana a gran sorpresa da xornada ao vencer por 0-2 ao Marín. Cales foron as claves para logralo?



Juanín: «Penso que as claves foron un gran traballo colectivo, baseado na concentración e na intensidade e, sobre todo, no acerto na toma de decisións. A min non me parece unha gran sorpresa porque coñezo ben os meus compañeiros e creo que a mellor versión do noso equipo aínda está por chegar. O partido do domingo foi un premio ao traballo e tamén o reflexo do que xa nos tiña que ter pasado en moitos encontros da primeira volta nos que marchamos para a casa sen recompensa».

FIG: Os dous goles foron teus. Que significa isto para ti?

J: «Os goles, márqueos quen os marque, son o de menos. O importante é que axuden ao equipo a sumar os tres puntos. Pero loxicamente, cando marcas, gusta moito, e máis como o domingo, que serviron para a vitoria e para reflectir o bo facer de todos os compañeiros».



FIG: Que valoración fas do rendemento do equipo no que vai de tempada?

J: «A miña valoración sempre é desde un punto de vista crítico construtivo. Polo que vexo nestes meses e polo que coñezo a moitos compañeiros de anos atrás, penso que a clasificación non reflicte o equipo que somos. Somos un grupo moi completo e cunha gran calidade humana, que moitas veces é o que fai un gran equipo. Faltounos ese punto de sorte en varias xornadas que nos permitiría estar agora máis cómodos na táboa e loitando por cousas bonitas, aínda que sempre estamos a tempo».

FIG: O equipo parece salvado pero descartado para loitar polo ascenso. Cal é o obxectivo para o que queda de liga?



J: «O noso obxectivo sempre foi a permanencia e consolidar o club na categoría para non ser un equipo ascensor. Se logramos mantela, que aínda non está feita, será un gran paso para todos e para a directiva, que ten as ideas moi claras. Creo que o club irá a máis ano a ano».

FIG: Que opinas de que haxa máis de dez equipos sen xogarse practicamente nada a estas alturas?

J: «Penso que todos os equipos van pelexar polo seu propio obxectivo. Ao final, se podes quedar sexto non vas querer quedar oitavo. Os domingos a todos os xogadores gústanos gañar».

FIG: No verán deixaches o Estradense tras sete tempadas. Que motivos che impediron seguir e que significou esa marcha?

J: «Sobre todo influíron a miña empresa e o meu fillo. Precisaba ter máis tempo e máis facilidade para poder faltar algún día a adestrar, algo complicado nun club de Terceira, que é practicamente semiprofesional. Foi unha decisión dura. Cando vou velos ao campo en partidos grandes como o do Compostela, bótase de menos, pero agora mesmo estou moi feliz. O fútbol dáche moito, pero tamén che quita tempo doutras cousas».



FIG: Cal foi o mellor e o peor momento no Estradense?

J: «O mellor quedo con dous: o gol ao Vilalbés no play off de ascenso e o recibimento da afección contra o Sarriana no play off do ano pasado. O peor, a tempada anterior á chegada de Manuti, cando adestraba David Páez e estivemos nunha situación moi complicada».



FIG: Que che levou a recalar no Sport Team Estrada?

J: «Varios factores, pero sobre todo que xa coñecía o grupo e o adestrador. Con Tinto sempre tiven moi boa relación. Ademais, a directiva é excepcional e dá todas as facilidades posibles».

FIG: Entre copa e liga levas 16 goles. Estás contento co teu rendemento?

J: «Sempre se pode mellorar e estou intentando facelo día a día. Creo que a mellor versión tanto miña como do grupo aínda está por chegar». 

FIG: Como recordas os teus anos no Compostela e no Céltiga?

J: «Teño recordos moi bos, aínda que foron anos complicados. No Compostela non acabei de encaixar nin de ter minutos. No Céltiga tratei moi ben e gocei moito do club, aínda que foi un ano duro pola lesión e polo descenso. Polo medio tamén xoguei no Estudiantil medio ano, cun ascenso moi bonito».

Juanín, Sport Team Estrada: «Creo que o club irá a máis ano a ano»

Primeira Futgal: Seis grupos, seis líderes e

Juanín, Sport Team Estrada: «Creo que o club irá a máis ano a ano»

A última decisión téñena os Diferenciais da