Agás na provincia de Ourense, a borrasca Ingrid tampouco puido paralizar a xornada nunha zona sur onde se puideron disputar a gran maioría de encontros. O temporal deixou, iso si, un bo número de sorpresas, como os tropezos dos favoritos ou algunhas vitorias que, cando menos, non entraban dentro do previsto. Ledicias futbolísticas aderezadas coma sempre co toque máxico dos Diferenciais da Primeira Futgal.
Non hai mellor refuxio que a casa
Apenas dous choques foron adiados nunha fin de semana brillante para os equipos ourensáns que actuaron como locais. Non en van, facerse forte no propio feudo é vital para a consecución dos obxectivos.
A alegría espallouse nas filas do Polígono San Cibrao despois de vencer por tres goles a un ao Brollón. Mentres os visitantes apostaron por un xogo máis directo, o cadro de Jorge Regal saíu ao campo coa intención de controlar o esférico. Froito dese dominio chegou o primeiro tanto industrial nas botas de Juan Suárez. O atacante do ‘submarino amarelo’ transformou unha pena máxima ao bordo do descanso que foi contrarrestada polo Brollón no segundo tempo. Co paso dos minutos, os homes de ‘Chura’ víronse afectados polo esgotamento –presentáronse ata con 8 baixas –e remataron sucumbindo ante o cadro local.
Monterrei e Melias asinaron táboas nun choque moi igualado e que puido caer para calquera dos dous lados (2-2). Aos vermellos bastáronlle vinte minutos para tomar a iniciativa no marcador, furando as redes da Abelleira ata en dúas ocasións. A última delas levou o selo de Serginho, que sumou con esta a súa cuarta diana neste curso futbolístico. Porén, o Melias non tirou a toalla e nun esforzo titánico conseguiu a igualada para salvar un valioso punto na loita por evitar a queima do descenso.
Finalmente, a sorpresa da xornada tivo lugar no Outeiro Grande, onde o Maside derrotou por 1 a 0 ao todopoderoso Verín. Terceira victoria consecutiva para o cadro azul marino que, permanece invicto desde a chegada de ‘Mindo’ Surribas ao seu banco. Os masidaos aguantaron a ofensiva do líder e leváronse o triunfo no treito final grazas ao bo facer de José Otero. No 88’ e cando o partido parecía non dar máis de si, o dianteiro carballiñés encargouse de poñer en pé a todos os afeccionados co primeiro e único gol do encontro.
Quen dixo que non hai meta?
A estas alturas de temporada parece que os conxuntos sen opcións de ascenso e asentados na metade da táboa clasificatoria non teñen nada polo que pelexar. Pero nada máis lonxe da realidade, pois sempre sacan a relucir o seu carácter competitivo.

O Souto celebrou por todo o alto o agónico triunfo do Flavia ante o Campo Lameiro (1-0). Ningunha das dúas escuadras renunciou aos tres puntos, malia que non estiveron acertadas de cara a portería. Conscientes disto, Camilo Perol moveu o banco dos padroneses buscando unha solución e rematou por atopala en Damián. Saído desde o banco, o extremo esquerdo viu porta na prolongación desatando a euforia entre os seus. Con este triunfo, o Flavia aséntase na novena posición e encamiña un ano máis a súa permanencia neste grupo 5 da Primeira Futgal.
Por outra banda, o Marín non pasou a súa mellor tarde logo de caer por cero goles a dous ante o Sport Team Estrada. Pasados os dez primeiros minutos, o colexiado sinalou unha pena máxima a prol dos de Tabeirós. Juanín non errou e fixo o primeiro da tarde para os estradenses, que saíron decididos a asaltar San Pedro. Tras o paso polos vestiarios, Juanín volveu a facer das súas e ampliou a renda do Sport Team Estrada, poñendo as cousas aínda máis difíciles para o, naquel entón, líder da liga. Desde entón, tan só tiveron que administrar a súa vantaxe para arrebatarlle os tres puntos aos marineses, cuxo tropezo fainos caer ao segundo posto.

Sorrí o Abanqueiro e non é para menos, pois superaron por 1 a 2 ao Unión Dena. Brais Outeiral abriu a lata para o combinado laranxa, moi superior ao seu rival nos primeiros compases do xogo. O atacante de Boiro está a realizar unha gran campaña no seu primeiro ano como futbolista senior e, con esta, leva xa 5 dianas. Minutos despois, o Abanqueiro puxo terra de por medio cunha segunda anotación que foi recortada nada máis volver do tempo de lecer polos de Meaño. Así e todo, souberon repoñerse do tanto encaixado para asegurar a vitoria e coller aire na súa loita pola salvación.

Chuvia de goles nas Rías Baixas
Polas terras viguesas non caeron chuzos de auga, senón goles de todas as cores e formas que fixeron as delicias dos afeccionados máis fieis ao fútbol rexional. Velaí van algúns destes animados duelos:
Ao Gondomar non lle custou desfacerse do Tomiño e endosoulle aos do Baixo Miño un contundente 4 a 1. Diego ‘Vasco’ estreou o marcador aos cinco minutos e, non contento con iso, volveu á carga para completar un hat-trick en apenas unha hora. Ante tal aluvión, o Tomiño non puido intentar facer outra cousa que non fora resistir os continuos ataques do seu rival, moi superior en canto a ritmo e xogo. De nada valeu o tanto anotado polos vermellos, pois a diferenza xa era moi ampla e non serviu para meterlle o medo no corpo ao cadro do Val Miñor.
O Domaio tamén se sumou ao festival de goles e impúxose con contundencia ao Candeán (4-0). Boa parte de culpa tivo Jonás, que encarrilou as cousas para o combinado do Morrazo cun dobrete. Despois de comezar o curso enrolado nas filas do Moraña, o killer vigués recalou na Granxa para axudar cos seus goles a acadar a permanencia. Na segunda parte, o Domaio volveu á carga e aproveitou dous ataques rápidos para sentenciar un partido que dominaron desde o seu comezo ata o seu fin.
E para festival de goles o vivido no Lito Oliveira, onde o Rápido de Bouzas gañou por dous goles a catro ao Goián. Se ben o comezo foi parello, Elías encargouse de desnivelar a balanza cun espectacular dobrete. Trátase do oitavo gol para o atacante, que está a realizar un magnífico ano no seu debut na Primeira Futgal. O equipo olívico non deixou de pisar o acelerador e logrou poñerse con catro goles de vantaxe. Unha fenda insalvable para o Goián, que tan só puido reducila nos minutos finais.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.










































































































































































































































































































































































































































































































































































