A selección galega afronta este próximo mércores 28 de xaneiro unha cita decisiva no estadio municipal da Malata (Ferrol). Os de Manolo García mediranse a Asturias na eliminatoria da fase intermedia da Copa das Rexións UEFA, cun único obxectivo: lograr o pase á fase final nacional da competición. O encontro dará comezo ás 18.00 horas e contará con entrada gratuíta.
O vencedor desta eliminatoria accederá á fase final nacional, da que sairán os catro equipos que disputarán a final a catro do 1 de marzo en Madrid. Desa última fase sairá o representante español que competirá posteriormente na fase europea do torneo.
Como última toma de contacto antes da eliminatoria contra Asturias, o combinado galego xogou un partido de preparación nas Eiroas ante o Bergantiños de Segunda RFEF (2-1).
Estes son os 18 convocados da Terceira RFEF para o partido: Andrés (Gran Peña), Ayoub (Viveiro), Ander Bellido, Óscar, Carabán, Brais Vidal (Estradense), Achore (Atlético Coruña Montañeros), Cadra, Make (Rácing Villalbés), Dopico, Juan Cambón (Somozas), Enjamio (Boiro), Noel Álvarez (Barco), Adri Rodríguez (Céltiga), Lombao (Arosa), Rachu (Noia), Lucas Camba (Alondra) e Noel Chaves (Juventud Cambados).

España conquistou esta Copa un total de catro veces: Aragón e Galicia nas dúas últimas edicións, e anteriormente Castela e León (08-09) e País Vasco (04-05).
Entrada de balde
O acceso ao estadio será gratuíto, pero será necesario retirar a entrada con antelación. As invitacións poderán recollerse os días previos nas oficinas da Real Federación Galega de Fútbol en Ferrol ou no Racing Club Ferrol, así como tamén na propia porta do estadio nos momentos previos ao encontro.











































































































































































































































































































































































































































































































































































