Ao sur da comunidade tamén se iniciou unha segunda volta que promete emocións, sorpresas e, sobre todo, moito fútbol. Pelexas polo ascenso, batallas por conseguir unha praza nos play-off ou evitar o descenso serán algunhas das disputas que terán lugar desde agora ata o final da temporada. Polo momento, os seareiros xa están a desfrutar desta segunda metade na Primeira Futgal, onde os Diferenciais terán, sen dúbida, un papel destacado.
Tras o ronsel do Verín
Pasan as fins de semana e o cadro do José Arjiz mantense no liderado, disposto a non ceder tan sequera un punto. Así e todo, son varios os equipos que o axexan uns postos máis atrás, á espreita do seu fallo.
Un deles é o Córgomo, vencedor este domingo no seu enfrontamento ante o Allariz (1-5). Os alaricanos conseguiron adiantarse aos 10 minutos, aínda que a súa ledicia desapareceu dun momento a outro. Logo de igualar a contenda, os homes de Iván González asediaron a meta verde e negra durante toda a segunda metade. Dani Real deulle a volta ao electrónico e, non contento con iso, asinou outros dous tantos desde o punto fatídico para sentenciar o encontro a prol dos seus.
Tampouco sufriu o Brollón, que se impuxo por catro goles a cero ao Melias. Ningún dos dous conxuntos gozou de ocasións claras nos primeiros intres, protagonizando un inicio bastante parello. Ata que Castañer abriu a lata pouco antes do descanso. O centrocampista non fallou á súa cita co gol e con este suma xa 6 nesta campaña. Co paso dos minutos, o combinado dos Medos deu un paso adiante e rematou coas esperanzas do Melias. A pesar de non contar con moitos xogadores dispoñibles, os de Chura souberon facer fronte ás adversidades para levarse o +3.

Para goleada a vivida no Monte da Aira, onde o Velle non tivo problema para superar por 4 a 0 ao Francelos. Os ourensáns saíron enchufados ao terreo de xogo e froito desa intensidade chegou o primeiro gol nas botas de David. Non quedou aí a cousa e o canteirán volveu á carga anotando o segundo na súa conta particular. Tumbados sobre a lona, os ribeiráns non foron quen de parar o torrente ofensivo dun Velle que se sitúa como quinto clasificado con este triunfo.
Dúas realidades diferentes
A estas alturas de campionato non é sorpresa para ninguén que os equipos estean a loitar por obxectivos distintos. Iso si, se algo comparten nesa loita é a ambición por cumprir coas súas metas.

Por exemplo, o Pontecaldelas asentouse na zona media da táboa clasificatoria ao impoñerse por catro goles a dous ao Atlético Cuntis. Boa parte de culpa tivo Vito, autor de dúas dianas claves para que os locais tomaran vantaxe no primeiro tempo. O atacante local suma xa oito dianas nesta temporada, onde se está a revelar como un xogador fundamental para o cadro de Chan da Barcia. Recortou distancias o Atlético Cuntis, pero o cadro verde non permitiu a remontada do rival e soubo xestionar a súa renda ata o final.
Por outra banda, o Marín dá continuidade á súa boa dinámica despois de derrotar por 2 a 4 ao Amanecer. Así e todo, os do Grove non llo puxeron nada doado, mantendo o empate durante boa parte do encontro. Conscientes da dificultade do compromiso, puxeron toda a carne no asador e volveron tomar a iniciativa, pechando o encontro grazas ao olfacto goleador de Javi Pazos. Novena anotación para o killer marinense, que, como se fose un súper heroe, sempre aparece cando máis o precisa o seu equipo.
Para goleada a vivida no Municipal de Vilas, onde o Unión derrotou con claridade e contundencia ao Unión Dena (6-1). Os de Asados fixéronse co control do ritmo de xogo nada máis comezar o encontro e fóronse ao tempo de lecer cun 2 a 0. En cuestión de dez minutos, Chuso asinou un hat-trick para desesperación do seu rival, que non deu parado ao extremo rianxeiro. Lonxe de renderse, o Unión Dena non baixou os brazos e puido anotar o gol da honra nos intres finais.

Misión: play-off
No grupo 6 non hai quen pare ao Atlántida Matamá, polo que as opcións dun ascenso á Preferente Futgal pasan por coarse como segundo ou terceiro clasificado. Ou o que é o mesmo, acceder aos play-off.
Continúa a xeira de vitorias dun Sporting Guardés que goleou por cinco tantos a cero ao Caselas. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando Cabello fixo o primeiro da tarde, desatando a tolemia na bancada da Sangriña. O atacante aplicou o mesmo modus operandi tras o reinicio e, logo de recibir ese segundo golpe, o Caselas veuse abaixo. Na última media hora encaixaron ata en tres ocasións, saíndo coa cabeza gacha da súa visita á Guarda. Todo o contrario ao seu rival, que se fai con tres importantes puntos ademais do terceiro posto.
O Chaín tampouco pasou moito apuro no seu compromiso desta fin de semana e desfíxose do Goián cun 3 a 0. A Noel Hermida bastáronlle vinte minutos para furar as redes do cadro do Baixo Miño e poñer así o 1 a 0. Os branquiazuis non se conformaron co resultado e seguiron a atacar a meta contraria para poñer terra de por medio. Cousa que lograron con dúas dianas ao inicio do segundo tempo, unha delas asinada novamente por Noel. Malia non estar agora mesmo entre os tres primeiros, o Chaín está a confirmarse como un dos favoritos a facerse cunha das prazas de play-off.
Rápido de Bouzas e Vilaboa firmaron táboas nun duelo apertado como poucos (1-1). O equipo de Cobres aproveitou unha pena máxima cobrada por Adri Cidrás para facerse co dominio da disputa. Pero os vigueses non se deron por vencidos e igualaron a contenda na segunda metade, salvando un punto moi favorable para os seus intereses. Con este resultado, ámbalas dúas entidades afástanse aínda máis do descenso, que se sitúa nove puntos por baixo dos que teñen.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.





































































































































































































































































































































































































































































































































































