A Segunda RFEF feminina non fixo sorrir aos equipos galegos nesta última xornada, cunha serie de resultados negativos que evidencian que non hai tempo para relaxarse. Tanto Atlético Villalonga como As Celtas e Deportivo ABANCA B sufriron derrotas que lles recordan o nivel de esixencia desta categoría.
Atlético Villalonga, colista e sen atopar o camiño
O Atlético Villalonga vive un inicio de liga moi complicado. As de Sanxenxo caeron con claridade ante o Madrid CFF B (0-3) e seguen como colistas da categoría, con só un punto conseguido e sen estrear o casilleiro de vitorias.
O equipo continúa traballando para atopar a estabilidade e confianza necesarias, pero a profunda renovación da plantilla e a esixencia da Segunda RFEF están a pasar factura. Tocará reaccionar pronto se queren saír das posicións perigosas.

As Celtas perde ante o líder da categoría
As Celtas, que ata agora vivían un soño no seu debut na categoría, sufriron a súa primeira derrota da tempada fronte ao Racing de Santander (3-0). O conxunto vigués viuse superado pola intensidade do rival e non puido manter a súa xeira de resultados positivos. A pesar do tropezo, o equipo de Vicky Vázquez segue instalado na zona alta e coa ilusión intacta de seguir competindo entre as mellores.

Dépor B, golpe de realidade
O Dépor ABANCA B tampouco logrou sumar esta xornada. O filial branquiazul, perdeu pola mínima ante a Real Sociedad B. Malia que o conxunto coruñés conseguía empatar o encontro, as vascas sentenciaron o partido cun segundo gol a falta de 5 minutos para o pitido final. Unha derrota que serve de aprendizaxe para un grupo chamado a medrar ao longo da tempada.
