En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos, árbitros ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta nova entrega falamos con Joaquín Rico Castiñeiras, con pasado como xogador en Racing de Ferrol, CD Lugo, Cerceda, Somozas, Xove Lago, Narón Balompé e Betanzos. Actualmente adestra ao Val na Preferente Futgal. A continuación as súas verbas.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): De que equipos formaches parte coma xogador?
Joaquín Rico Castiñeiras (en adiante JRC): «Xoguei no Racing de Ferrol, CD Lugo, Cerceda, Somozas, Xove Lago, Narón Balompé e Betanzos.»
FIG: E coma adestrador?
JRC: «Na base do Racing de Ferrol en tódalas categorías e agora estou no Val.»
FIG: Que supuxo o Racing de Ferrol para a túa traxectoria?

JRC: «Moito. Foi a miña casa dende novo. Xa a miña nai fora a socia número 1 no seu tempo. Ir ao Inferniño e logo a A Malata sempre foi especial. Poder xogar no Racing e ascender a Segunda abriume moitas portas.»
FIG: Por que se produciu o teu paso do Racing de Ferrol ao Xove Lago?
JRC: «Despois do ascenso a Segunda o Racing quería cederme un ano para que tivese máis minutos, mais iso supoñía saír de Galicia e eu estaba na carreira. O Xove interesouse e foi un ano moi bo no que tamén xogamos play-off a Segunda B.»

FIG: Tamén xogaches noutro histórico equipo galego como é o CD Lugo. Que tal a tempada cos do Anxo Carro?
JRC: «O CD Lugo foi moi especial para min. O trato da directiva, o compañerismo e ter de adestradores a Víctor Basadre e Julio Díaz estivo moi ben. Teño moi bos recordos de aquel cadro de xogadores.»
FIG: Despois chegaron cinco tempadas no Cerceda. Encontraches alí estabilidade?
JRC: «Sen dúbida. Era unha familia, había xogadorazos e aprendín moito. Quedamos dúas veces campións de Terceira División e xogamos a Copa do Rei. Gardo moitos amigos daquela época.»
FIG: Había máis nivel neses anos na nosa Terceira División que na actual Terceira RFEF?

JRC: «Boa pregunta! Era distinto. Para min había máis xogador da rúa e penso que máis talento, pero hoxe o físico manda e os equipos tamén teñen máis mobilidades e moitos máis recursos tácticos. Deixo o tema en empate.»
FIG: Somozas e Narón tamén figuran no teu currículo. Que destacarías desta época?
JRC: «No Somozas destaco o ascenso a Terceira Division porque compartimos categoría co Compos e ascender foi un reto. Co Narón quédome con volver a xogar con compañeiros que tiven de novo. Porén viña dunha operación no nocello e non puiden axudar o que me gustaría.»
FIG: E remataches a túa carreira no Betanzos. Contanos a túa experiencia alí.
JRC: «No Betanzos foi o meu último ano de xogador porque non me recuperei ben da operación do pé. Foi onde empecei co título de adestrador. Ese ano tamén ascendemos a Terceira da man de Óscar Gilsanz. O mellor dese ano foi o vestiario: un pedazo de grupo de xogadores e compañeiros. Foi unha despedida do fútbol moi bonita porque coincidiu co nacemento do meu fillo. Non puiden acabar mellor!
O Joaquín Rico adestrador
FIG: Esta foi a túa terceira tempada coma míster do Val, a primeira en Preferente e conseguindo a salvación. Contento coa campaña?
JRC: «Si! Para nós foi un éxito. A primeira volta foi horrible en resultados aínda que non en xogo, e a segunda foi fantástica. Moi feliz polos rapaces porque merecíano. É un grupo espectacular!
FIG: Xa se anunciou a túa renovación. Cal é o obxectivo neste curso 25-26?
JRC: «Estamos intentando ser máis competitivos. Penso que nos estamos reforzando ben. Espero que renoven xogadores chave e intentaremos volver a competir cada domingo. Logo xa se verá, non fixamos un resultado. Sabemos que sen cartos é moi difícil competir nesta categoría.»
FIG: A que equipos ves pelexando polo ascenso a Terceira RFEF?
JRC: «A Betanzos, San Tirso, Negreira e Sofán, Ribeira e metería este ano tamén ao Miño.»
FIG: E na zona baixa loitando pola salvación?
JRC: «Non sei moi ben porque vexo que se está reforzando todo o mundo e vai ser difícil.»