A Copa Federación, que permite soñar coa Copa do Rei, e a Supercopa Galicia volverán condicionar un verán máis a pretemporada dun bo número de equipos galegos. Entre eles, dous de Primeira Federación, o Ourense CF e o Arenteiro, e outro par de Segunda RFEF, o Coruxo e a Sarriana.
No caso da fase autonómica da Copa Federación, dos 21 clubs que tiñan dereito a participar foron nove os que renunciaron, polo que finalmente son doce os equipos que entran en competición. Ademais dos citados antes, trátase do Noia, Boiro, Villalbés, Arosa, Alondras, Gran Peña, Silva e Barbadás.
A fase galega da Copa Federación desenvolverase durante o mes de agosto. As eliminatorias serán a partido único no campo do equipo de inferior categoría (rixe a clasificación da tempada pasada) e no caso de ser da mesma categoría o partido, xógase no campo do equipo mellor clasificado na liga regular.

O campión acadará a clasificación para a Fase Nacional, na cal se poñen en xogo catro prazas para a primeira eliminatoria da Copa do Rei. O ano pasado fora o CD Lugo o gañador do treito galego desta Copa Federación, ao impoñerse ao Coruxo 0-1.
Catro equipos na Supercopa Galicia
Dous equipos de Preferente e outros dous de Primeira Futgal participarán este ano na Supercopa Galicia. O campión desta competición logrará a clasificación para a fase previa da Copa do Rei, que este ano vai a disputarse a ida e volta en fins de semana.
O sorteo realizado na sede da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago deparou o seguinte cadro de competición: SD Chantada – Cultural Areas e Velle – Negreira.

Tanto as semifinais como a final dispútanse a ida e volta según o cadro do sorteo. As semifinais xogaranse o 10 e o 17 de agosto e a final o 24 e o 31 do mesmo mes.
Á Supercopa Galicia acceden os campións das copas provincias. No caso da Coruña e Ourense, os gañadores foron o Montañeros e o CD Barco, respectivamente, pero non poden participar. O motivo é que ambos os dous equipos conseguiron tamén o ascenso, e a Supercopa non permite conxuntos de Terceira RFEF.
Imaxe: o Lugo celebra a Copa RFEF a pasada temporada / Concello de Monforte
