O Sporting Meicende vive días de emoción desmedida. Por primeira vez nos seus 101 anos de historia, o equipo desta localidade duns 3.700 habitantes no concello de Arteixo está na final da Copa da Coruña. O partido celebrarase o vindeiro martes e terán como rival ao Montañeros coruñés. Un escenario de luxo, Riazor, agarda por este equipo da Primeira Futgal.
A expectación é máxima. “O club despachou todas as entradas que enviou a Federación Galega de Fútbol e houbo que pedir máis. Ademais, estes días vendéronse máis de 600 camisetas conmemorativas do partido. Levamos anos loitando por clasificarnos á final da Copa e, agora que o conseguimos, estámolo desfrutando ao máximo”, explica o porteiro do Meicende, Juan Amor.
A cita do martes alterará a rutina habitual do cadro de xogadores do equipo. “Como moitos compañeiros, eu xa pedín o día no traballo para poder estar por e para ese partido, para competir e a tope e intentar gañar. Sabemos que non somos favoritos. Custounos 101 anos chegar a esta final, como imos ser favoritos! Pero ímolo desfrutar!”, di Juan. Reuniranse antes nunha previa para chegar ao máximo de motivación ó encontro.
Riazor despedirá a Micki
Aínda así, o simple feito de xogar ese partido é un premio para eles. Entre outros aspectos, porque se celebrará no Estadio de Riazor, na Coruña, e entre os xogadores do Meicende hai moito deportivista. “Teño 32 e levo 31 como socio do Dépor. Conseguir un título en Riazor sería un soño, quedo sen palabras só de pensalo, sería pechar un ano histórico”, apunta.
Tamén vivirá un día especial o capitán do Meicende, Micki, que colgará as botas tras este partido aos seus case 34 anos. “Leva aquí máis anos que o escudo”, bromea Juan Amor sobre o seu compañeiro Michael Martínez Muñiz, que percorrerá o carril esquerdo da banda de Riazor no seu último baile coa camiseta do conxunto arteixán.
O camiño do Meicende á final
O camiño do Sporting Meicende ata a final da Copa da Coruña non foi sinxelo. En oitavos superaron a todo un San Tirso, de Preferente, e en cuartos tocoullos vencer ao Carral, “que sempre é un equipo duro, ao que non hai que dar por morto. O ano pasado, que xogaba no noso grupo, íamos gañando 3-0 no descanso e case nos empatan ao final”.

Apunta Juan Amor que esta Copa da Coruña dálle folgos ao equipo tras un curso que soubo a pouco. “O resultado da liga regular para nós foi malo. Co equipo que tiñamos, mirando xogador por xogador, debíamos ter pelexado por acceder ao play-off. Na liga non foi ben, aínda que rematamos nunha zona cómoda e coa salvación ben atada”.
A Copa déuselles mellor e iso fai que estean nunha final que xa acariñaron na temporada 2022/23, cando caeron derrotados ante o Victoria nuns polémicos penaltis. Naquela edición, en cuartos eliminaran nin máis nin menos que ao Betanzos, de Preferente, sendo o Meicende daquela de Segunda Galicia. Dúas tempadas despois, están ante a súa grande oportunidade. O martes, Riazor ditará sentenza.
