O proxecto de As Celtas non puido ter un mellor arranque. No seu primeiro ano de vida, o equipo vigués logrou un fito maiúsculo: o ascenso directo a Segunda RFEF, converténdose nun dos grandes protagonistas da tempada no fútbol feminino galego.
Para analizar o seu ano contamos coas palabras de David Ferreiro, segundo adestrador do equipo e man dereita de Vicky Vázquez.
Preparación, cabeza fría e identidade
Con apenas unha tempada de traxectoria, o club foi capaz de construír un equipo competitivo, sólido e ambicioso. A súa traxectoria na Terceira Federación foi case impecable, pelexando desde o comezo cos mellores equipos do grupo e acadando un segundo posto na táboa que lles certifica o ascenso directo de categoría.

O equipo celeste foi capaz de chegar aos últimos encontros dependendo de sí mesmo ao derrotar ao Olímpico e arrebatarlles esa segunda posición. A vitoria en Valladolid no derradeiro partido foi o que certificou este fito histórico. Preguntámoslle a David Ferreiro como enfocaron dende o corpo técnico estas finais:
«Unha das claves foi preparar as semanas exactamente igual, como unha calquera e sen darlle un valor engadido, porque ao final xa supón para elas un momento clave na tempada como para que nós desde o corpo técnico engadamos algo máis que poida condicionar a activación das xogadoras. Fomos claros cos obxectivos en cada partido, para contrastar o que facía o rival e potenciar as nosas virtudes. E creo que ao final nos saíu ben. O traballo, neste caso, deu a súa recompensa».
Este plantexamento mantivo ao equipo enfocado en cada partido para evitar que os nervios condicionasen o seu rendemento no verde.

O punto de inflexión: crer no que eran capaces
Para o segundo adestrador, o partido que mudou a mentalidade do equipo foi o da primeira volta ante o Olímpico de León:

«Viñamos dunha xeira de vitorias si, pero creo que non estabamos competindo ao nivel que podiamos. Ese día demos un paso adiante e creo que comezamos a competir neses encontros que tanto nos costaban, os partidos clave contra rivais directos. O resultado foi de 0-4, algo abultado, pero creo que sí que fomos donas do partido, pola nosa intensidade e o noso ritmo de xogo. Creo que ese momento foi clave para crer realmente que podiamos estar arriba e que tiñamos que crelo para poder estar».

Un proxecto con futuro
O ascenso de As Celtas supón moito máis ca un éxito deportivo para o club vigués. É unha aposta clara polo futuro da súa sección feminina. Agora, con vistas á Segunda RFEF, o club afrontará novos retos, pero coa mesma receita que lles trouxo ata aquí: traballo e identidade.

A este crecemento tamén lle hai que sumar o ascenso do seu filial a Terceira RFEF, que malia non conseguir o título de liga, pechan o ano cunha gran campaña na Primeira División Galega e coa promoción a nacional.