# Hashtag

Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 9

Na novena entrega do diario dun mercado de Terceira RFEF contamos novidades en ata doce dos dezaoito equipos que forman parte do grupo galego de dita categoría. As pretempadas están a piques de comezar pero os movementos non cesan.

O central Xabi Castiñeiras renova e cumprirá a súa terceira tempada coma xogador do Noia. Con máis de 2000 minutos e cinco goles podemos afirmar que foi unha peza importante no ascenso. A zaga do conxunto dirixido por Iván Carril é reforzada coa chegada de Pedro Arufe, que vén de rematar a súa etapa no fútbol base no Celta. Mario Constenla, que actúa no centro do campo, recala no Julio Mato tras militar a última campaña no filial do Pontevedra. Aldán Naval, mediocampista procedente do Sigüeiro, é a última fichaxe semanal do Noia. Ten experiencia na categoría tras dúas tempadas no Somozas e unha no Arzúa.

No Municipal da Barraña xa coñecen a composición do staff técnico. Cardeñosa e Diego Rivas renovan e serán o primeiro e segundo adestrador respectivamente. Xoel Souto, procedente do Pontevedra, exercerá de preparador físico. O encargado de ter aos gardametas en óptimas condicións será David Barreiro, que vén do Puebla. Nico será o fisioterapeuta do Boiro nesta campaña 24-25.



O Valladares aparece por primeira vez no Diario dun Mercado

Álex Rodríguez, tras rematar a súa etapa xuvenil no Val Miñor, é a primeira fichaxe do Valladares Instagram Valladares

Fixéronse de rogar as novidades no Valladares, pero agora chegan a esgalla. O corpo técnico seguirá ao completo. José Carlos Italiani e Christian Gil continuarán como primeiro e segundo adestrador tras conseguir o ascenso, mentres que Álex Álvarez e Nilo Prieto exercerán de novo coma preparador físico e adestrador de porteiros, respectivamente. Tomás Vila e Heber Fernández, centrocampistas, e David Costas, lateral esquerdo, amplían o seu vínculo co club da Gándara. Os tres, ademais, son os capitáns do equipo. Tamén renovan Diego Souto, Abel Guisande, Alejandro Coira, Miguel Freiría, Miguel Vilar, Pedro Pérez e Rubén Figueiras. Álex Rodríguez, procedente do Val Miñor xuvenil, convértese na primeira incorporación.

O Vilalonga renova a Pepe; delegado do primeiro equipo, adestrador na base e encargado do mantemento do céspede de San Pedro. Tamén continúan Diego Lamas, adestrador de porteiros, e Sebas, preparador físico.

No Polvorín renova Pablo Martínez. Sen marcharnos da provincia de Lugo, na Sarriana seguirán Adri Díaz, Susavila, David Mellado e Diego Rey; mais causa baixa o curmán deste último, o talentoso Pablo Rey. Froilán Contreras, que vén do fútbol arxentino, e Youseff Sánchez, procedente do Sporting Atlético, son os novos reforzos para a zaga dos da Ribela.



Última incorporación no Estradense e Pol Bueso á UD Ourense

O Estradense renova a Raúl, Elías, Israel, Óscar, Porrúa, Ángel e Diego Fuentes Instagram Estradense

No Estradense renovan ata sete xogadores. Raúl Gómez, Elías, Israel, Óscar, Porrúa, Ángel e Diego Fuentes seguirán vestindo a camisola vermella un curso máis. O club anunciou nas súas redes sociais que a última incorporación neste mercado é o extremo arxentino Jaichenko, que chega cedido dende o Pontevedra. Esta campaña alternou o primeiro equipo granate co seu filial, polo que xa é coñecedor da categoría.

O central Pol Bueso ficha pola UD Ourense. Chega ao Couto para aportar un punto de experiencia ao equipo dirixido por Borja Fernández. Ademais os vermellos renovan a Javi Labrada.

O Somozas reforza o sector esquerdo da zaga coa contratación de Ander García. O bilbaíno procede do Castro CF, co que xogou os últimos catro cursos no Grupo III da Terceira RFEF. Sen saír da provincia da Coruña, a dirección deportiva do Silva e Alejandro Montero chegaron a un acordo para a incorporación do centrocampista. Procede do Celta xuvenil e ten pasado na base do Galicia Caranza e do Deportivo.



Cañi causa baixa no Arteixo, onde renova Sergio Pereira. Ademais, os de Ponte dos Brozos fichan ao gardameta Nestor Díaz, procedente do CF TrivalValderas Alcorcón. Robert Carril, que vén de realizar unha gran campaña co Gran Peña, e Hugo Núñez, procedente do CP Alertanavia, son novos xogadores do Alondras.

Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 9

Non haberá fusión en Chantada: os socios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *